Silleda seguirá pagando débedas dos  90 con Indeza

0

Silleda, 18 de maio do 2020 – O Tribunal Superior de Xutiza de Galicia obriga de novo a Silleda a pagar os intereses da débeda histórica contraída polo concello nos anos 90 coa empresa Indeza.

Desde o actual equipo de goberno agardan que sexa a última factura xa que se levan pagados máis de medio millón de euros a Indeza. En este caso serán 118.224,77 euros, en concepto de intereses (sobre outros intereses anteriores) nun fallo que rexeita o recurso municipal presentado o ano pasado.

O caso Indeza

A situación comezou nos anos 90 polo impago das obras da Avenida do Parque de Silleda á empresa Indeza Edificación y Obra Civil S.L. por parte dos gobernos do popular José Fernández Vietes.

No ano 2008, xa co goberno socialista no Concello, asinouse un acordo con Indeza, que daquela era o maior acredor das arcas municipais xa que se lle debían 855.000 euros, a maior parte de intereses de demora. Co acordo a débeda quedaba en 790.000 euros da que se aboaban 454.091 quedando o resto dividido en varios prazos.

No 2009 unha moción de censura devolvía ao PP ao goberno municipal que volvía a non pagar. O TSXG chegaba a anular o orzamento municipal do 2010 por non incluír a débeda pendente con Indeza.

Xa no 2015 o Psoe consigue unha maioría absoluta e asina cunha entidade bancaria unha operación de tesourería para abonar a débeda con Indeza, a raíz dunha demanda xudicial que obrigaba a abonar outros 560.000 euros de intereses. “Ao non cumprirse durante o goberno resultante da moción de censura, esta grave irresponsabilidade desembocou noutra demanda por parte da empresa, polo que houbo que facer fronte a eses máis de 500.000 euros” explica o actual alcalde Manuel Cuiña.

En outubro de 2017, realizouse unha modificación de crédito para abonar, con cargo ao remanente toda a débeda que quedaba pendente e en febreiro de 2018 o Concello abonou ante o xulgado número 2 do Mercantil de Pontevedra a cantidade de 382.637,32 euros. O concello, nun proceso de negociación, conseguía ao mesmo tempo que outros acredores, como a Axencia Tributaria ou unha entidade bancaria, renunciaran a débedas pendentes.

Un auto xudicial establecía en xullo do 2019 que Silleda tería aboar outros 118.224,77 euros en intereses. O concello recorría a sentenza xa que Indeza atopábase xa nun concurso de acredores pero a actual sentenza rexeita a reclamación municipal e obriga a pagar.

Cuíña engade que  “Agora se nos reclama pagar intereses dos intereses xa pagados, algo que non vemos xusto, pero que afrontaremos para rematar dunha vez por todas con este pesadelo xudicial e de pagos por un lastre que todos a veciñanza de Silleda leva arrastrando dende hai case 30 anos por non ter feito ben as cousas os que gobernaban no seu momento”.

Manuel Cuiña alcalde Silleda

Nos últimos anos, o Concello de Silleda pechou diversas causas xudiciais pendentes e débedas históricas herdadas, como a de Espina y Delfín, concesionaria do servizo de augas agora municipalizado,  ou a da Semana Verde, entre outras.

“A intención deste goberno sempre foi pechar esas débedas. A nosa vontade de pagalas sempre estivo clara, ao igual que a de sacar as arcas municipais dos números roxos, logrando nos últimos anos un superávit nas contas, algo que conseguimos con esforzo  e coa contención de gasto”, engade o alcalde explicando que “agardamos por fin dar carpetazo a este asunto”.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial