Silleda xa ten gañadores do concurso Nas festas somos máis

0

Silleda, 17 de febreiro do 2018 – O concurso Nas festas somos máis, convocado polo Concello de Silleda no marco da campaña de fomento do empadroamento, xa ten novos gañadores.

A Asociación Amigos da Empanada da Bandeira, organizadora da festa gastronómica desta localidade alzouse co primeiro premio do concurso, dotado con 1.500 euros. O segundo galardón, con 1.000 euros, recaeu na Asociación Socio Cultural de Cortegada, que organiza a Festa da Paella, e que foi a gañadora do certame o pasado ano. O terceiro premio, con 500 euros, é a para o colectivo sociocultural Coto do Castelo de Graba, que organizou as festas de Santa Mariña e Santa María nesta localidade.

A esta segunda edición concorreron un total de 4 celebracións. Así ademais das tres premiadas tamén participou a Romaría da Rosquilla de Abades. O xurado destaca o esforzo realizado polas entidades participantes así como a orixinalidade das propostas.

Para o reparto dos premios, otorgouse unha puntuación en base aos catro criterios recollidos nas bases do certame logo de valorar as memorias presentadas. Valorouse a orixinalidade e calidade da campaña, en xeral (ata 10 puntos); a duración da campaña previa á festa (5 puntos);  o número de posibles destinatarios e impacto da campaña tanto dentro como fóra do municipio (ata 10 puntos); e a contratación de grupos locais (5 puntos por cada un ata un máximo de 30). Foi precisamente este último criterio o que decantou o resultado final, ao contar a organización da Festa da Empanada da Bandeira coa puntuación máxima neste apartado.

O xurado estivo composto, como establecían as bases, polo alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, a concelleira de Cultura e Turismo, Ana Luísa González, e representantes de dúas asociacións (Rosendo Estévez, presidente de Olaia e Evaristo Rey, presidente da Asociación Cultural Gaiteiros da Pereiriña), así como pola responsable de prensa do Concello.

“Hai que destacar o enorme esforzo que fixeron todas as entidades participantes a través desta iniciativa”, sinala o alcalde, Manuel Cuiña.

O certame naceu en 2016 ao abeiro da campaña de empadroamento, co obxectivo de fomentar, ademais do empadroamento, a riqueza turística e paisaxística do municipio. O pasado ano duplicouse a contía dos premios, pasando dun único galardón de 1.500 euros a tres premios por un total de 3.000.  “Con este importante cambio nas bases tratamos tamén de fomentar unha maior participación das asociacións que organizan as moitas festas que celebramos en Silleda e cremos que o obxectivo se conseguiu”, engade o alcalde.

Os premios irán destinados a subvencionar os custes da festa ou evento que concorra ao certame e non poderá empregarse o premio para a realización de outros actos realizados pola comisión ou organización, que non estean relacionados co evento principal.

O certame Nas festas somos mais forma parte da campaña que busca crear sinerxias para o fomento do empadroamento con actividades puntuais como outras como a promoción a través destas festas.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial