Silleda licita a urbanización da rúa Chousa Nova,

0

Silleda, 22 de decembro do 2018 – O Concello de Silleda vén de licitar a mellora do entorno do Centro de Saúde e Maiores co que se urbanizará a rúa Chousa Nova.

Este proxecto faise a través do programa Depo Remse, da Deputación de Pontevedra, e suporá unha inversión de case 500.000 euros. A licitación dos traballos en Chousa Nova realízase por procedemento aberto e as empresas dispoñen de prazo de presentación ata o vindeiro 16 de xaneiro.  O orzamento base de licitación (gasto máximo autorizado) para este contrato queda fixado na cantidade de 498.391,68 € (IVE incluído). Os pregos poden consultarse no perfil do contratante da web municipal (sección Obras). As obras teñen un prazo de execución de tres meses.

Esta actuación suporá a urbanización total dunha das zonas máis transitadas da vila, onde se ubican servizos coma o Centro de Saúde, o Centro Social dos Maiores ou o cuartel da Garda Civil e que comunica a vila con espazos coma o Parque Municipal das Pedrosas. Con esta obra urbanízase pois o tramo coñecido como rúa Chousa Nova, dende o enlace coas rúas María Colmeiro e avenida do Parque, ata o cruce coa EP-7201 e a PO-201.

A obra, xunto coa urbanización do entorno do Centro de Día e Residencia dos Maiores suporá o arranque definitivo do futuro cinturón verde da vila de Silleda, que unirá a zona do recinto feiral coa carballeira das Pedrosas. Ademais da dotación de pasos sobreelevados tamén se acondicionará o tramo con zonas axardinadas, adoquíns, novo mobiliario (farolas, papeleiras…), aparcamento e servizos coma unha parada de autobús e outra para taxi.

“Logramos con esta actuación outra inversión histórica para o noso municipio que mudará o aspecto desta zona e suporá iniciar un proxecto máis ambicioso a nivel de ordenación urbanística”, explica o alcalde, Manuel Cuiña, que agarda que a urbanización e mellora da seguridade no tramo do entorno da Residencia de maiores se poida iniciar canto antes.

Esta zona da vila tamén mellorará notablemente a seguridade coa mellora integral da EP 7201, entre Silleda e Forcarei, na que a Deputación investirá ademais outros 453.000 euros.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial