Silleda duplica a contía económica do certame Nas Festas Somos Máis

0

Silleda, 23 de febreiro do 2017 –  O Concello de Silleda vén de aprobar as bases da segunda edición de Nas Festas Somos Máis o concurso enmarcado na campaña de fomento de empadroamento.

Entrega do premio 2016 a Román Peña representante da Festa da Paella de Cortegada

Este certame que botou a andar o pasado ano ten como obxectivo fomentar, ademais do empadroamento, a riqueza turística e paisaxística do municipio e como novidade este ano duplícase –tal e como xa se anunciara- a dotación económica e amplíase o número de premios.

Poderán participar, ao igual que na primeira edición, todos os colectivos ou asociacións, legalmente constituídas, que sexan organizadoras de festas patronais e/ou gastronómicas do municipio de Silleda.

Segundo recollen as bases de Nas Festas Somos Máis, aprobadas na última sesión da Xunta de Goberno Local, entenderase como traballo participante a totalidade da campaña promocional da festa, así como as accións de promoción que se leven a cabo durante o evento en cuestión.

Cada organización deberá presentar unha memoria na que se especifiquen as actividades de promoción da festa na que se abarquen aspectos de fomento de empadroamento do municipio, (cartaces, actos de presentación do evento, publicidade de lugares turísticos durante as festas…), promoción dos grupos culturais e musicais locais, ou calquera outra que se estime oportuna engadir.

A temática será exclusivamente a promoción do Concello de Silleda e o fomento do empadroamento no mesmo.

Nas Festas Somos Máis valorará a orixinalidade das iniciativas, e para levalas a cabo, poderán solicitarse ao concello cantos materiais divulgativos sexan necesarios, sempre e cando o concello dispoña de eles e se atopen desocupados, como poden ser carteis enrollables turísticos, folletos informativos, etc.

Tres premios

Como novidade, o certame –que gañou o pasado ano a comisión organizadora da Festa da Paella de Cortegada- duplicará a dotación económica (pasando de 1.500 a 3.000 euros) e concederánse tres galardóns en lugar dun único premio.

O primeiro estará dotado con 1.500 euros, o segundo con 1.000 euros e un terceiro con 500€.

“Con este importante cambio nas bases tratamos tamén de fomentar unha maior participación das asociacións que organizan as moitas festas que celebramos en Silleda”,

Os premios irán destinados a subvencionar os custes da festa ou evento que concorra ao certamen e non poderá empregarse o premio para a realización de outros actos realizados pola comisión ou organización, que non estean relacionados co evento principal.

Durante todo o ano

Poderán concorrer a este certame municipal todas aquelas campañas do presente exercicio, organizadas dende o 1 de xaneiro de 2017 ata o 31 de decembro.

O prazo para presentar as memorias será do 2 ao 13 de xaneiro de 2018.

Contratación de grupos locais

Os traballos valoraranse en base á orixinalidade e calidade da campaña, en xeral, a duración  da campaña previa á celebración, ou outros criterios coma o número de posibles destinatarios e o impacto tanto no municipio como fóra del. Entre os criterios puntuables introdúcese tamén este ano nas bases un novo: o de contratación musical ou outro tipo de animacións que teñan a súa sede en Silleda.

“Deste xeito tamén estamos a contribuir á promoción dos nosos grupos e en definitiva a dinamización de Silleda”, remarca o alcalde.

Os traballos, ademais de outro tipo de documentación recollida nas bases, deberán presentarse no rexistro municipal entre o 2 e o 30 de novembro, ambos incluídos.

As bases deste concurso poderán consultarse na páxina web do concello, (www.silleda.es).

Bos resultados

Esta iniciativa está enmarcada na campaña de concienciación para o  fomento do empadroamento posta en marcha o pasado mes de xuño en Silleda baixo o lema “Empadróate, porque en Silleda somos máis”, coa que se veñen realizando distintas propostas a fin de aumentar o censo poboacional.

“Esta campaña está a dar bos resultados xa que a xente está cada vez máis sensibilizada das vantaxes que ten para todos estar empadroados onte se reside. Así, e sen incluir as novas altas por nacemento, dende a posta en marcha da campaña ata o pasado mes de decembro rexistráronse 140 novas altas no padrón.

 “Seguiremos traballando con distintas iniciativas, sempre no marcho desta campaña que busca xerar unha inercia e conseguir resultados a medio e longo prazo para non seguir perdendo poboación”, indica o alcalde.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial