Silleda aproba unha modificación orzamentaria para rematar o viveiro de empresas

0

Silleda, 27 de setembro do 2019 –  A Corporación de Silleda celebrou una sesión ordinaria na que aprobou por vía de urxencia unha modificación orzamentaria por valor de 100.000 para a obra do viveiro de empresas en Área 33 e 7.000 para o Servizo de Axuda no Fogar .

O alcalde, Manuel Cuiña, admitiu a premura da modificación presentada, xa que un dos informes da dirección de Obra do Viveiro que se está executando no polígono se asinou polo técnico pouco antes da hora do Pleno, pero explicouno no escaso prazo que da a Xunta para a elaboración, adxudicación e certificación da obra.

Tomando o calificativo do voceiro do PP, que calificou de “chambonada” o proceso, Cuiña dixo tamén que “a chambonada comeza cando a Xunta nos da a subvención en maio e nos obriga a facer o proxecto en apenas tres días, licitar, adxudicar e tela certificada o 31 de outubro”.

Concretando a necesidade da modificación dixo que no caso do SAF dixo que se realizou un gran aumento das horas, “prestando o mellor servizo da contorna” e no caso do viveiro a modificación veu motivada porque faltaban no proxecto partidas importantes como a carpintería interior ou algunhas instalacións que hai que volver a contratar.

O acordo saiu adiante ca abstención de PP e BNG.

Outros temas

A orde do día incluía tamén a aprobación definitiva da Conta Xeral. Neste punto, ante comentarios do voceiro do PP, o alcalde, Manuel Cuiña avanzou que os orzamentos de 2020 aprobaranse previsiblemente ao longo do vindeiro mes de outubro e explicou que a Conta Xeral, logo de estar exposta ao público, aprobase en tempo e forma.

Tamén se acordou nomear por unanimidade como titular do Xulgado de Paz a Ana Belén Seco González, que xa viña exercendo as funcións (era sustituta dende hai 4 anos) por baixa do titular.A documentación cas solicitudes presentadas será remitida ao TSXG para que se designe ao substituto/a dende este organismo.

Por outra banda, o goberno aprobou en solitario a ordenanza fiscal reguladora sobre o Imposto de Bens Inmobles (IBI) , que se levou á sesión a fin de poder seguir bonificando o 50% do recibo a aquelas explotacións agrogandeiras e forestais que comparten a mesma referencia que a vivenda dos titulares.

O alcalde explicou que ante a existencia dun recurso dunha veciña “queremos curarnos en saúde, por se nos xulgados non se nos da a razón, e volver a publicar o texto por se houbera defectos de forma”, indicou. Dende o PP o seu voceiro lembrou toda a polémica por esta proposta o pasado ano e tildou de “desastre de tramitación” a iniciativa do goberno ao que acusou de “irresponsable”.

O BNG tamén votou en contra alegando que no se contou cunha bonificación para todo o rural.

A proposta para actualizar o pago de horas extra á Policía Local por xornadas festivas e noites saíu adiante apoiada polo goberno socialista e o BNG. O alcalde explicou que esa suba se aplicará a todo o persoal municipal que teña que facer horas extra en festivos co orzamento do vindeiro ano. O PP acabou votando en contra por entender que os sábados non debían de computar como días laborables. “Esta é a proposta que nos pasou a Policía e esta é a proposta que traemos ao Pleno co compromiso de aplicala cas mesmas condicións a toda a plantilla”, engadiu.

Mocións

No ámbito das mocións, aprobouse por unanimidade a do BNG sobre a vespilla dos castiñeiros e tamén finalmente a deste mesmo grupo sobre a mellora de espazos públicos.

Inicialmente o alcalde advertiu que aínda estando de acordo con todos os puntos non se podía apoiar dende o goberno a proposta do BNG de ampliar espazos públicos por comprometer o futuro orzamento. Finalmente tamén se sacou por unanimidade ao retirar o último punto a voceira nacionalista e despois de que o alcalde explicara como estaban todas as propostas recollidas na moción.

Así, sobre a ampliación da praza Juan Salgueiro de Silleda, indicou que xa se adquiriu un dos dous solares e que no outro caso se iniciaron negociacións aínda que a proposta dos propietarios multiplicaría por 5 o prezo público e valorarase se fose necesario acudir á expropiación.

No caso do parque da Bandeira indicou que nunca os donos da vivenda situada na praza lle transmitirán a súa vontade de véndela ao Concello e que no caso da praza de Pichel as negociacións xa se abriron hai anos, estando o edificio agora cun expediente de declaración de ruína iniciada.

Sobre o parque central de Silleda Cuiña indicou que se fará unha vez aprobado o Plan Xeral.

O grupo municipal do PSOE tamén presentou unha moción para instar  á Xunta accións polos graves danos do xabarín que no caso de Silleda obrigaron a moitos veciños a adiantar a colleita.

A moción contou só co apoio do BNG, xa que o PP indicou que ia a traer unha moción para o próximo pleno sobre este asunto instando ao goberno central  e que era mellor esperar a que dende Madrid se declare como “praga” ao xabarín.

Reunións polo PXOM

No apartado de preguntas, o PP interesouse polo estado do PXOM, informando o alcalde que nas últimas semanas houbo contactos coa propia conselleira e con direccións xerais. Tamén confirmou que se desbotou finalmente a posibilidade de iniciar un contencioso contra a Xunta e avanzou que se contratou a un asesor xurídico especializado en temas urbanísticos para seguir avanzando no proceso.

O PP tamén preguntou por gastos en intercambios culturais, gastos das Festa de Verán da Bandeira ou o estado dos compromisos con Educación para facer arranxos no centro.

Neste punto o alcalde explicou, amosando unha nota de prensa da propia consellería de xullo de 2018, que o compromiso de facer os baños era da consellería.

Por parte do BNG preguntouse sobre o Plan de Mobilidade (respostando o alcalde que está a disposición dos grupos o avance), os verquidos ao Toxa (o rexedor indicou que estaban controlados pola Xunta e que o Concello non ten responsabilidade no vertedoiro) e tamén polos intercambios, indicando que se debería “dar máis pasos”. Cuiña indicou que o intercambio con outras cidades europeas será clave para optar a distintos proxectos europeos.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial