Silleda proxecta a recuperación dos bancais do mosteiro de Carboeiro

0

Silleda, 3 de novembro do 2018 – O Concello de Silleda, a través dos departamentos de Cultura e Turismo, que dirixe Ana Luísa González, proxecta a recuperación dos bancais do mosteiro de Carboeiro.

Ana Luísa González, o concelleiro de Comercio e Industria, Benito Saavedra,  e o arquitecto Mauro Lomba, especializado na restauración de monumentos históricos e premiado pola recuperación do mosteiro de Armenteira, visitaron xuntos o mosteiro. Con esta visita, e logo de varias conversas con Lomba e o seu irmán José, experto en cantería, arranca a iniciativa para recuperar as antigas hortas do mosteiro, dispostas en bancais.

A recuperación quere servir como medida preventiva para evitar o derrube dos terreos nos que se atopan as antigas hortas do mosteiro. En palabras da concelleira o iniciativa ten dúas motivacións “Ademais de recuperar este elemento que forma parte tamén da historia do mosteiro estamos preocupados polo movemento de terras que se percibiu nos últimos anos nesta zona” e lembra que o Concello xa restrinxiu o acceso de visitantes a unha parte do muro polo risco que representa.

Con fondos europeos

Para levar a cabo este proxecto o Concello de  Silleda estuda xa concorrer a liñas de subvención con fondos europeos. A concelleira explica que   “Cremos que pola súa importancia esta iniciativa pode encaixar nalgún dos programas convocados pola Unión Europea, e ademais estudaremos a posibilidade de establecer convenios con distintas institucións universitarias. O fin último pasa por desenvolver un proxecto de musealización coa vida monacal como gran eixo temático”.

Para o mantemento das hortas, onde aínda se poden apreciar vestixios de vides, entre outros, dende o Concello tamén se contactou con entidades como Cáritas, aínda que non se descartan outras opcións para o coidado dos bancais unha vez se recuperen.

Así, e co propósito final de converter a Carboeiro nun museo que amose cómo vivían os monxes na época medieval, o Concello de Silleda inicia este proxecto que vén a sumarse a outras iniciativas na mesma liña.

Senda botánica e muíño

A día de hoxe está xa en marcha o proxecto de mellora da Senda botánica de Carboeiro, creada polo Concello de Silleda no ano 2015, así como as obras de restauración do muíño, ao pé do río Deza. Esta iniciativa financiarase a través da liña de axudas da Deputación de Pontevedra para a  rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico e cultural,  cun orzamento de 7.199 euros.

“Con esta proposta buscamos continuar coa posta en valor do noso patrimonio, neste caso no entorno do mosteiro de Carboeiro, que visitan cada ano milleiros de persoas”, indica a concelleira de Cultura e Turismo, Ana Luisa González, destacando “que Carboeiro ten no seu entorno privilexiado, a pé o Deza e rodeado de bosques autóctonos, un valor engadido”.

Share.

Leave A Reply

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial