Silleda, 16 de xaneiro do 2019 – O Concello de Silleda vén de solicitar á Subdirección Xeral de Emerxencias, da consellería de Vicepresidencia, un Grupo de Emerxencias Supramunicipais (GES) ou cando menos ser incluído no novo convenio para a zona.
O concello lembra na comunicación coa Xunta que antes de que nacera o Consorcio de Bombeiros do Deza Silleda dispoñía, para as emerxencias, do Grupo Municipal de Intervención Rápida (GRUMIR). A continuidade deste grupo foi denegada para Silleda por estar situada no municipio a base do citado parque de bombeiros.
Según o alcalde, Manuel Cuíña, “Cando no ano 2013 se crearon os GES de zona en Lalín e A Estrada, o municipio de Silleda quedou sen cobertura ao non integrarse en ningún destes dous, co que houbo casos que quedaron desatendidos a non ter este apoio. A día de hoxe o concello non ten un paraugas ao que acudir en casos necesarios de intervención, xa que nin sequera contamos cun protocolo de actuación que nos diga qué facer en cada emerxencia que poida xurdir “.
Por estes motivos o alcalde solicita que se lle conceda a Silleda un GES ou ben que se inclúa ao municipio no convenio de zona que está previsto asinar.