Tordoia non bonificará o IBI pese a demanda dos socialistas

0

O PSOE de Tordoia lamenta que o PP volva a negarse en Pleno a bonificar nun 95% o IBI ás explotacións agrogandeiras. Carlos García exemplificoulle ao alcalde que “un gandeiro que en 2014 non pagaba nada, coa bonificación do Concello pagará 234 euros, cando coa proposta dos socialistas serían 30 euros”

Tordoia. 25 de novembro de 2016. O PSOE de Tordoia lamenta que o Partido Popular volva a negarse por segunda vez en Pleno a aprobar a proposta socialista de bonificar nun 95% o IBI ás explotacións agrogandeiras, sobre todo cando a regularización catastral está a supoñer un forte golpe para as economías domésticas das familias de Tordoia.

Na sesión plenaria celebrada onte xoves, o Grupo do Partido Popular acordou unificar as bonificacións ofrecidas tanto a terreos rústicos como a terreos con explotacións activas, que pasaron a ser do 60%. Os socialistas cuestionaron esta medida xa que “a regularización catastral a quen está realmente afectando é aos veciños e veciñas con cortellos, galiñeiros, pendellos… non aos que só teñen terreo sen explotar”, explica o voceiro municipal, Carlos García.

Por iso, os socialistas insistiron na súa proposta de bonificar nun 95% o IBI ás explotacións agrogandeiras. “Só lle pedimos ao alcalde que fixera o que están facendo outros municipios da comarca, incluso do seu mesmo signo político pero el dixo que era inviable”, apunta Carlos García, que sinala que “como dixen no pleno, só pedimos que se faga o mesmo que se está a facer en Frades, pero o señor Pereiro insiste en que non é viable”.

Diferencias

García pediulle ao alcalde tirar de calculadora para comprobar as diferenzas entre as propostas do PP e do PSOE. “Se a unha explotación de 1.000 m2 lle veu un recibo de 585 euros a pagar, cando no 2014 non pagaba nada, coa bonificación do Concello de Tordoia pagaría 234 euros, mentres que coa que estamos propoñendo non chegaría aos 30 euros”, exemplificou o voceiro socialista. Ademais, denunciou que “os que realmente están afectados pola suba da contribución son os veciños que teñen explotacións e, polo tanto, inmobles. Os que só teñen terreos non van notar apenas esta bonificación”.

Ante a negativa do alcalde de Tordoia a aceptar a proposta socialista, Carlos García preguntou polos prazos para a posta en marcha desta bonificación. “Finalmente, o alcalde tivo que recoñecer que a bonificación non se poderá aplicar sobre estes primeiros recibos e que só se poderá comezar a aplicar o ano que vén”, lamentou García quen lle recriminou ao alcalde que “non é que non fixera nada, é que nin sequera informou aos veciños e veciñas sobre as razóns da suba da contribución, nin un bando fixo sequera”. Carlos García pídelle ao Concello de Tordoia que faga o seu traballo e solicite na Deputación que os veciños e veciñas teñan a posibilidade de fraccionar e aprazar o pago da contribución deste ano, para posteriormente informar á veciñanza desta posibilidade.

Finalmente, García celebrou que finalmente se poña en marcha a sede electrónica do Concello de Tordoia, aínda que lamentou o gran atraso que acumula e pediulle ao alcalde que explique á veciñanza o seu funcionamento.

Share.

Leave A Reply

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies