Solicitan que a contorna do Estadio de San Lázaro sirva de aparcamento disuasorio

0

Compostela, 5 de xuño do 2018 –  O voceiro do Grupo Municipal Popular, Agustín Hernández, presentou unha iniciativa relacionada co aproveitamento da contorna do estadio de San Lázaro, cara ao Parque de Carlomagno e o polígono das Fontiñas, como aparcamento disuasorio da cidade.

Hernández explicou que o uso de estas zonas como aparcadoiro disuasorio sería de grande relevancia para Santiago, xa que cunha boa conexión co transporte urbano contribuiría a aliviar o tráfico da cidade, dada a súa situación nas aforas, próxima e ben comunicada co periférico (a vía SC-20) e a autoestrada do Atlántico.

Esta infraestrutura achegaría unha oferta de 1.500 prazas, un número que case duplica as ofrecidas na actualidade entre os aparcamento disuasorios de Salgueiriños, Santa Marta, Pontepedriña e a veciña superficie situada entre o Camiño Francés e o Palacio de Congresos. O responsable do Grupo Municipal Popular insistiu en que sería de gran utilidade de cara ao Ano Santo de 2021 e podería ser tida en conta, ademais, para contribuír á celebración de distintos actos, máxime tendo en conta as posibilidades do propio estadio e dos seus arredores.

Agustín Hernández subliñou que a proposta de reactivar esta zona para aparcamento disuasorio podería contar, ademais, coa colaboración financeira da Deputación ou da Xunta de Galicia, tendo en conta que a Administración autonómica ten entre os seus obxectivos a promoción da creación ou habilitación deste tipo de superficies no contorno das grandes cidades, como o constata a redacción hai varios anos dun plan sectorial específico con esta finalidade.

Está área abarca unha superficie dunhas 2,8 hectáreas que, desde a posta en servizo da instalación deportiva en 1993, foi destinada a aparcamento público, no que se teñen delimitado unhas 1.500 prazas para vehículos. Hernández destacou que, nos últimos anos, este espazo deteriorouse de forma significativa e o seu estado resulta alarmante. Para Agustín Hernández, esta situación fai necesario adoptar medidas canto antes, co fin de mellorar a frecuencia na súa limpeza; evitar que continúe a súa degradación; e se recupere a súa funcionalidade, poñendo en valor un espazo que, ademais do seu uso vinculado aos vehículos, numerosas persoas empregan as súas vías para o deporte e o paseo e, ademais, podería ter outras utilidades.

Con todo isto, Hernández indicou que os Populares instarán ao Goberno de Martiño Noriega no vindeiro Pleno ordinario deste mes que se proceda a incrementar a frecuencia dos labores de  limpeza nesta área; que se planifique e execute, polos propios medios ou coa colaboración doutras institucións, unha actuación integral de rehabilitación desa área para poñela en valor, contemplando a posibilidade de dotala dos servizos necesarios para convertela nun novo aparcamento disuasorio para a cidade.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies