займ срочно

Teatro e circo na xornada de Galicia Escena Pro

0

Compostela, 14 de xuño do 2017 – Galicia Escena Pro chega á súa terceira xornada de actividade, que inclúe cinco espectáculos de teatro e novo circo, ademais de reunións e presentacións profesionais.

A carteleira de exhibición deste penúltimo día do encontro dará comezo ás 11,00 horas na Fundación SGAE con O faiado, unha proposta multidisciplinar da nova compañía Teatro ó Cubo, que mestura teatro, monicreques, sombras chinesas, acrobacia, danza e música en directo. Pablo Sánchez “Pablísimo” dirixe este espectáculo para público familiar, que interpretan Alfredo P. Muíño “Fredi”, Sofía Espiñeira e Roberto C. Mouriño.

Tamén na sede da Fundación SGAE poderá verse, ás 12,15 horas, a produción Pum, pum!, de Baobab Teatro. Pensada para nenos e nenas a partir dos cinco anos, os monicreques e as cancións en directo serven para contar a historia da pequena Marieta, que poñen en escena Davide González e Andrea Bayer. Este mesmo espazo acollerá, a continuación, un novo encontro informal entre os axentes culturais acreditados nesta quinta edición do evento.

Intercambio con Castela e León

A programación da tarde dará comezo ás 16,30 h. na biblioteca do Salón Teatro coa presentación da XX Feria de Teatro de Castilla y León, evento co que Galicia Escena Pro estableceu este ano un acordo para o intercambio de compañías de ambas as comunidades.

En virtude desta colaboración, ás 17,30 horas presentarase no Auditorio Abanca a compañía castelá Cirk About It co seu espectáculo de circo El apartamento, do mesmo xeito que onte puido verse Penal de Ocaña, de Nao D’Amores. Baseada en equilibrios, acrobacias e humor, a proposta de Cirk About It parte dunha situación cotiá, como pode ser a convivencia nun apartamento, para explicar como a rutina se pode romper con facilidade.

Galicia Escena Pro proseguirá ás 19,30 horas no Teatro Principal con outra montaxe de novo circo, neste caso da compañía galega Pistacatro. Outono é o título desta produción dirixida por Antón Coucheiro, que homenaxea os pallasos clásicos a través da historia dunha compañía de clowns en plena crise.

Finalmente, Ilmaquinario Teatro subirá ao escenario do Salón Teatro ás 22,30 h. con Resaca, espectáculo dirixido por Tito Asorey e interpretado por Melania Cruz, Fernando González, Fran Lareu, Laura Míguez e Vadim Yukhnevich. Resaca é unha proposta multidisciplinar que xunta teatro, poesía, narración oral e música en directo para afondar na memoria familiar e afectiva dos integrantes da compañía.

Entrada de balde

Ademais dos máis de 160 profesionais acreditados, o público xeral tamén ten a posibilidade de asistir de xeito gratuíto aos espectáculos programados en Galicia Escena PRO, en función da capacidade dispoñible en cada sala. As entradas poderán retirarse no despacho de billetes do espazo correspondente desde unha hora antes do inicio da representación.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies