Teatro integrador en Ames e Val do Dubra

0

Bisbarra, 15 de xuño do 2018 – O teatro como ferramenta de integración é o que levará hoxe a Ames a Asociación Down Compostela coa obra “A mansión de José Cruz” e mañá a Asociación Avante a Val do Dubra con “Imaxina”.

Down Compostela no Milladoiro

A Casa da Cultura do Milladoiro acolle, ás 20.30 horas, a representación da obra “A mansión de José Cruz”, escrita e dirixida por Lucas Herrador e protagonizada polo grupo de teatro Down Compostela. A entrada será de balde ata completar aforo. Unha vintena de actores con síndrome de down e discapacidade intelectual subiranse ao escenario caracterizados como homes lobo, vampiros, zombis ou asasinos en serie, para representar esta obra escrita e dirixida por Lucas Herrador.  “Os mitos creados en torno ao terror son unha proxección daquelas circunstancias e persoas que nos rodean e que, no momento que menos o esperamos, pódennos facer dano”, reflexiona o director. Ademais de agradecer o traballo dos actores, Lucas Herrador tamén quere destacar o papel dalgunhas das profesionais e voluntarias de Down Compostela que colaboran co grupo. Especialmente a de María García Quintas que traballa para que “a autoestima destes mozos e mozas creza, para non conformarnos cos fríos datos do informe pedagóxico, para probarnos e probar que se pode facer o máis difícil aínda. En definitiva, para que seguir facendo teatro”. Ademais, Down Compostela contou de novo este ano coa colaboración do pintor Rafael Romeu Masiá, quen deseñou o cartel da obra.

Imaxinando en Val do Dubra

Por outra banda a asociación AVANTE de Persoas con Discapacidade de Val do Dubra estrea a obrade teatro  “Imaxina” mañá sábado, 16 de xuño, ás 18 horas, no Auditorio Municipal de Bembibre. Esta peza, que dirixe o actor, director e formador, Fran Rei será o broche final dun obradoiro de teatro no que participaron durante 20 horas un total de 13 persoas usuarias do centro de recursos Niveiro.  A obra Imaxina estará composta por 4 obras curtas: A Marquesiña, A Galiña Azul, A luz e Xenxo, as catro de sobra coñecidas na nosa literatura. Ademais da interpretación, contará con música en directo grazas á colaboración de dúas alumnas da Escola Municipal de Música do concello de Val do Dubra. Segundo comenta Fran Rei “o teatro é unha ferramenta de integración e visibilización que rompe todas as barreiras, enriba do escenario tod@s somos actores e actrices e as limitacións que tod@s temos poden ser unha ferramenta actoral”.

Este proxecto é posible a través do programa EnREDarte, unha iniciativa que intenta achegar as artes ás persoas con discapacidade e que financia a Consellería de Cultura e Educación e organiza a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI). 
A entrada será libre.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial