Teo, Ames e Santiago impulsarán a xestión do patrimonio arqueolóxico en común

0

Teo, 3 de decembro do 2017 – A concelleira de Cultura de Teo, Pilar Faxil, participou nunha xuntanza cos Concellos de Ames e Santiago e a Deputación da Coruña para impulsar a arte rupestre nesta área.

A reunión asistiron os edís de Ames, David Santomil e o de Santiago, Jorge Duarte, ademais do deputado provincial desta área Xosé Regueira. Neste encontro acordouse constituír un plan comarcal de ámbito supramunicipal entre os tres concellos e solicitar financiamento á Deputación da Coruña.

Na reunión estableceuse un calendario de xuntanzas entre todas as partes implicadas para avanzar na constitución dunha mancomunidade virtual no ámbito arqueolóxico e do patrimonio cultural.

Os concellos de Teo, Ames e Santiago constitúen unha área cun patrimonio arqueolóxico dos más importantes de Galicia, xa non só pola abundancia, senón pola calidade e conservación dos petróglifos. Actualmente pódense contar máis de cen xacementos entre os tres municipios no val da Maía e a contorna fluvial do río Sar.

Petróglifos BICs en Teo

Teo xa recibía en decembro do ano pasado a declaración de BIC para tres petróglifos: o Río de Angueira ou de Monte de Cornide; o petróflifo Outeiro do Corno I e Pena Bicuda de Loureiro. Este recoñecemento da Xunta demostra a importancia destas estacións arqueolóxicas. De feito dende Teo xa se traballa dende hai anos na posta en valor dos mesmos con roteiros nocturnos realizados en colaboración co colectivo A Rula.

Tamén dende o departamento municipal de Turismo, dirixido por Conchi García, solicitou unha subvención ao Ministerio de Fomento para mellorar a accesibilidade e a sinalización do petróglifo Río de Angueira. Esta axuda xa se tramitara coa Xunta de Galicia, que non a admitiu porque se lle remataron os fondos sen poder atender todas as solicitudes. Nos últimos anos o traballo transversal das distintas áreas do goberno de Teo permitiron limpar algunhas das zonas de máis riqueza patrimonial e mantelos así protexidos por exemplo de agresións coma os lumes forestais.

Dende Teo explícase que un dos maiores problemas para a protección dos petróglifos é a propiedade dos mesmos xa que a maioría son de particulares que nalgúns casos nin sequera son coñecedores de que no seu terreo teñen estas xoias do patrimonio arqueolóxico. Esto dificulta enormemente a súa posta en valor e mesmo manter a propia integridade das estacións, como se ten demostrado nos últimos meses con agresións ao patrimonio. Á vista destas circunstancias unha das prioridades debería ser facerse coa propiedade destas zonas para que foran espazo público.

Patrimonio arqueolóxico

A riqueza arqueolóxica e patrimonial dos concellos de Teo, Ames e Santiago levou aos responsables das áreas de Patrimonio a establecer un calendario de xuntanzas para levar a bo porto a constitución dunha mancomunidade nese ámbito, da que resulte a elaboración dun plan director comarcal para o que solicitarán o financiamento da Deputación da Coruña. Dende Teo Pilar Faxil destaca “a necesidade deste plan director que ten que servir de guía para o traballo nesta área nos vindeiros anos”.

Dende o Concello de Teo súmanse ao agradecemento que expresa Ames e Santiago ao colectivo A Rula polo traballo que están a desenvolver para poñer en valor esta área rupestre, así como a proposta presentada para agrupar aos tres concellos neste proxecto.

Share.

Leave A Reply

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies