Teo, 10 de outubro do 2019 – O BNG de Teo ven de denunciar que o SERGAS non cubre as ausencias do persoal do Centro de Saúde de Calo.
Os nacionalistas presentaron no parlamento unha serie de iniciativas para reclamar da Xunta de Galicia que solucione o problema das ausencias xustificadas no Centro de Saúde de Calo. A deputada Montserrat Prado Cores destacou que “a política do Sergas de non substitución do persoal, nin nos seus permisos, nin vacacións está a ter como consecuencia a redución de servizos e unha sobrecarga asistencial brutal, pola presenza dun número de profesionais insuficiente para atender a demanda existente.”
Prado Cores explicaba que lonxe de afectar só ao centro de Calo a situación repercute cara aos PAC “a sobrecarga do persoal, o peche de axendas, a desorganización pola necesidade constante de redistribuír a demanda asistencial, a duplicidade das citas, as demoras nas citas de máis dunha semana, de 10 días de media, o teléfono desbordado. Todo isto leva a un aumento das persoas que se ven obrigadas a acudir aos PAC para que as atendan, que tamén traballan continuamente baixo mínimos.”
O portavoz municipal do BNG, Manuel Anxo Fernández Baz, puxo de manifesto a situación do Centro de Saúde de Calo, como claro exemplo desta situación “día 8 de outubro, un doutor atendendo todas as consultas. Tiña 52 pacientes na lista. A doutora está de vacacións e non se cubriu a ausencia. Esta situación leva repetíndose desde hai tempo, tal e como manifestan os profesionais, o que provoca que o facultativo teña que ampliar necesariamente a súa xornada laboral, ademais de agardas importantes en tempo para as doentes, que poden superar unha hora desde que se concerta a cita até que se atende en consulta motivado pola imposibilidade de atender de maneira profesional a tantos pacientes”.
Fernández Baz subliñou que “chama a atención ademais que o que se considera a situación de normalidade neste centro de saúde é que a doutora e o doutor atendan cupos de máis de 1.600 pacientes. Así pois, cando non se cobren as ausencias xustificadas do persoal un doutor atende un cupo de máis de 3.000 pacientes.”