Teo busca apoios en Ames e Brión contra a planta da Casalonga

0

Teo, 1 de xuño do 2018 –  Rafa Sisto, alcalde de Teo, e Uxía Lemus, responsable de urbanismo, reuníronse co responsable de servizos básicos de Ames, Blas García, o concelleiro de medio ambiente, Javier García, e o alcalde de Brión, José Luís García, para falar da planta de reciclaxe de residuos que pediu licenza de instalación na Casalonga.

A preocupación na Casalonga é constante desde que a empresa Toysal solicitou a Xunta de Galicia a autorización ambiental integrada. Aínda que se trata dun proceso longo no que o proxecto será sometido a exposición pública e no que se requirirán diversos informes sectoriais, incluído o do concello, os veciños xa se organizaron nunha plataforma e mostraron a súa oposición.

Rafa Sisto agradeceu a receptividade amosada polos responsables de Ames e Brión e pediulles colaboración no período de alegacións. Ames e Brión limitan con Teo en zonas afectadas pola instalación da planta polo que sos responsables municipais mostraron tamén a súa preocupación por que Toysal reciba a autorización e polo negativo impacto que tería no territorio.

Moción aprobada por unanimidade

En relacióin con este tema o pleno da corporación de Teo aprobaba por unanimidade unha moción sobre este proxecto. A proposta é froito da colaboración establecida entre os grupos políticos municipais. Na mesma acordouse, entre outros puntos,  rexeitar que a instalación de xestión e tratamento de residuos sexa unha actividade permitida en solo rústico, conforme ao establecido no artigo 35 da Lei 2/2016, do solo de Galicia así como adoptar todas as medidas necesarias, de forma conxunta e coordinada, desde un punto de vista tanto institucional como administrativo e respectando a legalidade vixente, para evitar a instalación desta planta de reciclaxe na Casalonga.

Tamén se amosou o apoio ás veciñas e veciños afectados e apoiar as súas reivindicacións destinadas a defender os seus dereitos e a súa calidade de vida e poñer á súa disposición os medios e os recursos para informalos e asesoralas.

Como é o proxecto da planta?

A planta ocuparía unha extensión duns 135.000 metros cadrados na antiga canteira da Casalonga. Está pensada para tratar diversos tipos de residuos orgánicos, cun volume que segundo o proxecto da empresa se situaría entre as 80.000 e as 90.000 toneladas anuais. Os máis numerosos serían os lodos procedentes de depuradoras de augas residuais (25.000 toneladas ao ano), residuos de industrias agroalimentarias (22.000 toneladas anuais) e lodos de conserveiras (20.000 toneladas anuais). Ademais procesaría 10.000 toneladas ao ano de subprodutos animais non destinados ao consumo humano, tecnicamente coñecidos polas siglas SANDACH, e unhas 3.000 toneladas anuais de xurros e estercos.

O proxecto contempla habilitar os camiños de acceso e construír unha nave de recepción dos residuos agroalimentarios con dous tanques para líquidos e semilíquidos e un búnker para sólidos, así como instalar dous dixestores anaeróbicos, un tanque de almacenamento dos dixestatos e a construción das oficinas.

O proceso ao que se someten os residuos serve para obter fertilizantes, metano para producir electricidade de autoconsumo da planta, augas de condensación e residuos inertes como plástico, metal e envases. As augas serían empregadas, segundo a compañía promotora do proxecto, para tarefas internas como o lavado de camións e para un hipotético rego de plantacións forestais. O proxecto practicamente non detalla o destino dos fertilizantes nin os estudos de demanda dos produtos obtidos.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies