A visita do Conselleiro de Educación a Teo provoca ata catro comunicados distintos

0

Teo, 21 de marzo do 2018 – Despois das reclamacións dos pais dos colexios de Calo, o Conselleiro de Educación, Román Rodríguez, visitaba o da Ramallosa e comprometía un investimento de medio millón de euros,  considerado por toda a comunidade insuficiente.

O Conselleiro de Educación, Román Rodriguez, visitou o colexio da Ramallosa acompañado polo Xefe Territorial, Indalecio Cabana, e o Delegado da Xunta Ovidio Rodeiro. O investimento de medio millón de euros comprometido para o 2019 servirá para a substitución do tellado de amianto, a colocación de ventás novas en todo o edificio, unha escaleira de incendios e evacuación, e a sustitución de luminarias.

Pero esta boa nova recibiu unha contestación inmediata desde distintos ámbitos, mesmo a propia ANPA da Ramallosa. Os pais do colexio explican nun comunicado que ” Isto non é mais que unha parte das demandas que o Consello Escolar do CEIP A Ramallosa enviou á Consellería de Educación como parte dunha serie de deficiencias acumuladas durante todos estes anos” e lembran ao Conselleiro de Educación que ” as instalacións deportivas non se atopan en condicións para seguir estando no patio, xa que resultan un perigo por si soas e necesitan substituírse, tamén entregamos unha documento por rexistro a Consellería lembrándolles que a obra da gasolineira, que se está construíndo xunto ao CEIP, aínda que non é da súa competencia, si que deben ter especial coidado en pedir a industria que respecten todas as normativas de seguridade e ambientais que poidan incumprirse. Desde o ANPA non nos conformamos con isto e seguiremos reclamando aqueloutras cousas que quedaron fóra, como a un ascensor, a substitución do tanque de combustible que se atopa debaixo das aulas, un aulario de infantil, etc.”

Máis duro é o comunicado da ANPA de Calo. Os pais explican que ao non ser invitados a visita, e tampouco recibir a visita no propio colexio de Calo, decidiron acudir a Ramallosa ” Sabían da nosa presenza fóra e viñeron onda nós preguntándonos como agardaramos fóra. Non adoitamos entrar a onde non se nos convida a ir. Entregámoslle á comitiva do conselleiro cadanseus cinco informes das eivas do cole de Calo e escoitaron as nosas demandas. Logo, o conselleiro marchou e quedamos con Cabana e Rodeiro e a charla non foi tan ben. Indalecio Cabana asegurou que o amianto non ten perigo ningún, que unha porcentaxe moi elevada de casas do redor o teñen e que @s cativ@s pasan máis tempo na casa que no cole; que o perigo do amianto é cando se manipula, que se racha se lle bota un esprai para selar e listo!

Reunión no exterior do colexio coa ANPA de Calo

Tamén sinalou que os coles non acostuman ter ximnasio, que usan os pavillóns municipais e que era cousa do concello telo feito nunha finca non anexa. Que non era problema del se a rapazada atravesa fincas privadas e sae fóra do recinto para recibir clases de educación física; o peche do perímetro escolar, afeounos non coñecer a normativa ao respecto, tampouco lle compete; ambos os predios privados, tampouco son cousa da consellería que nos consta ten o solar cedido polo pleno municipal celebrado o 22 de marzo de 1969. E salientou que dicía o que dicía como técnico. Polo seu lado, Rodeiro comprometeuse a falar con nós disto máis de vagar na Coruña.

Desde o concello a responsable de Educación, Pilar Faxil di que “o anuncio das obras na Ramallosa é unha boa noticia e ao tempo ten un tinte electoral xa que se vai executar, como pronto, arredor das eleccións municipais de 2019”. A concelleira, presente na visita, lembroulle a Román Rodríguez “que os outros CEIPS de Teo, Calo e Os Tilos, teñen necesidades moi importantes e reiterou o convite a que os visite o antes posible. O CRA e o IES tamén son centros da competencia de Educación”.

Finalmente o Psoe de Teo emitiu tamén un comunicado no que a portavoz, Uxía Lemus di que espera que “as obras integrais non queden nunha simple promesa electoral e que ademais se fagan nunhas corretas condicións de seguridade para os e as usuarios do CEIP da Ramallosa, sobre todo no que se refire á retirada do amianto”. O Psoe tamén expresa a súa indignación coa “discriminacion que sofren outros centros educativos con similares necesidades en Teo, no que destaca o CEIP de Calo, cun dossier cheo de deficiencias elaborado pola ANPA da Rabadela”. O Psoe de  Teo comprometese a levar estas deficiencias ao Parlamento de Galicia a través de iniciativas do seu grupo parlamentario.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies