Máis de medio millón de euros para a seguridade viaria de Teo

0

Teo, 28 de xullo do 2020 – A Deputación da Coruña e o Concello de Teo investirán 642.328,93 euros na construción dunha senda peonil na parroquia de Calo e na reurbanización do núcleo de Sestelo (Rarís).

As obras, en fase de licitación ata o 5 de agosto, contarán cunha achega de 574.531,31 euros a cargo do Plan Único. Os 67.797,62 euros restantes serán aportados polo Concello. Con ambas iniciativas a seguridade viaria e a accesibilidade peonil no termo municipal de Teo recibirá unha importante mellora.

Senda peonil

Máis de medio millón de euros para a seguridade viaria de TeoUn dos proxectos contempla a construción dunha senda peonil desde San Domingos ao centro de saúde de Folgueiras, na parroquia de Calo. Ata o de agora, o lugar non contaba cun espazo para os peóns, tendo estes que transitar pola vía destinada ao tráfico rodado. Para darlle solución a esta problemática, e que as persoas poidan acceder de forma segura aos núcleos e equipamentos da contorna, construirase unha beirarrúa de formigón de 1,5 metros de ancho, que nalgúns casos puntuais pode reducirse a 1,2 metros. Deste xeito, completarase unha beirarrúa actualmente en execución e conectarase o centro de saúde polas súas dúas bandas.

A construción da senda procurará non reducir o tamaño da calzada, que dispón de 5,5 metros de ancho, acortándose nalgúns puntos aos 4,9 metros. Á súa vez, proxéctanse dous pasos de peóns elevados, un que permitirá conectar a senda cunha parada de autobús, e o outro, que se situará no cruce da estrada que vai a Solláns, permitirá dar continuidade á senda pola marxe dereita da estrada.

O proxecto tamén inclúe a mellora da rede de saneamento, que facilitará a recollida en superficie das augas pluviais e a súa condución para devolvela á cuneta existente. Este proxecto contará cun investimento de 315.951,93 euros, dos que 252.144,33 euros serán achegados polo Plan Único da Deputación.

Melloras en Sestelo

Dentro das actuacións de mellora da seguridade viaria e accesibilidade, tamén se levará a cabo a reurbanización da aldea de Sestelo, na parroquia de Rarís. O proxecto permitirá renovar as vías con novo pavimento, nalgúns casos de formigón e nas pistas máis afastadas do núcleo dunha mestura bituminosa en quente.

Na actuación tamén se dotará as vivendas da infraestrutura necesaria para dispoñer de abastecemento de auga potable e da evacuación de augas pluviais e residuais, nos casos nos que non se dispoña destes servizos. Tamén se instalará a infraestrutura necesaria para dotar á iluminación pública dunha rede de subministración completamente soterrada. Esta iniciativa, que conta cun orzamento de 326.377 euros dos que a Deputación porá 322.386,98 euros, contará cun período de execución de 4 meses.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial