Teo mostra o seu pesar polo falecemento do catedrático Fernando Acuña Castroviejo

0

Veciño do municipio, destacan os seus estudos sobre o petróglifo do Río Angueira, a Mámoa de Montouto e o Castro Lupario. Nos últimos anos, cedeu valiosos fondos documentais e bibliográficos para o Arquivo Municipal de Teo

O historiador nunha  fotografía de 1969, de cando tiña uns 24 anos, a carón do petróglifo de Cornide en Teo

O historiador nunha fotografía de 1969, de cando tiña uns 24 anos, a carón do petróglifo de Cornide en Teo

Teo, 14/09/2016 –  O Concello de Teo mostra o seu fondo pesar polo falecemento de Fernando Acuña Castroviejo, catedrático de Arqueoloxía na Universidade de Santiago e veciño de Cacheiras desde 1989. O Concello destaca e agradece o seu amplo labor la investigación, difusión, promoción e defensa do patrimonio cultural de Teo, máis a valiosa colaboración coa Administración local, mediante a cesión de importantes fondos documentais e bibliográficos para o Arquivo Municipal.

Acuña Castroviejo desenvolveu investigacións de gran relevancia sobre o patrimonio arqueolóxico de Teo. Cabe destacar os descubrimentos do petróglifo do Monte do Río de Angueira en Luou en 1969 e das mámoas de Montouto, xa desaparecidas, que estudou en 1968 en conxunto con José Manuel González Reboredo e Manuel Carlos García Martínez. Tamén o seu traballo de 1971 sobre o Castro Lupario, nos termos de Teo, Brión e Rois, con Milagros Cavada Nieto. Todas estas achegas foron publicadas polo Caderno de Estudos Galegos.

Nado en Santiago en 1945 e licenciado en Filosofía e Letras (Historia) en 1968 pola USC, Acuña Castroviejo doutorouse en 1973 e era catedrático de Arqueoloxía na propia USC desde 1987, despois de ter realizado estadías como bolseiro en Roma, Bonn, Berlín e Lodz. Ao longo da súa traxectoria profesional, realizou numerosas excavacións en castros galegos e portugueses (O Neixón, Castro Real, Monte Mozinho e A Facha), e noutros xacementos medievais como as Torres do Oeste, en Catoira, e o da Rocha Forte, en Santiago.

Como docente universitario, dirixiu numerosas teses de licenciatura e de doutoramento e diferentes proxectos de investigación sobre a ocupación castrexa e a plástica galaico-romana. Foi membro do claustro universitario, da Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Historia e Director do Departamento de Historia I nas etapas 1986-1995 e 2003-2007.

Acuña Castroviejo pertencía a institucións como o Museo do Pobo Galego, a Real Academia de Belas Artes e o Pedrón de Ouro. Era asesor de diferentes revistas e sumaba máis de 150 publicacións, entre artigos, libros e folletos sobre cultura castrexa, arte romana, epigrafía, numismática e arqueoloxía medieval.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial