займ срочно

I Xornadas enogastronómicas PicoTeo 2017

0

Teo, 17 de outubro do 2017 – O Concello de Teo organiza as xornadas enogastronómicas culturais PicoTeo 2017 nas que participan dezanove establecementos de hostalaría local.

O PicoTeo funcionará os días 20, 21, 22, 27, 28 e 29 de outubro e o 3, 4 e 5 de novembro. A clausura destas primeiras xornadas gastronómicas farase o 11 de novembro na Feira do San Martiño en Calo.

Segundo explica a concelleira de Promoción Económica, Conchi García, “traballamos e impulsamos estas xornadas como estratexia de desestacionalización turística e para dinamizar a oferta turística e enogastronómica no Concello de Teo”. Os petiscos do Picoteo terán como protagonistas principais os queixos, os viños galegos e o pan con certificación de calidade.

Cada un dos petiscos ou dos menús presentados está maridado cun viño galego con denominación de orixe. Os prezos do pincho e a copa son 3 euros, da ración e dúas copas serán 7,5 euros e o menú con copa de viño serían 15 euros. O horario no que se servirán as tapas, racións e menús son de 13:00 a 16:00 horas e de 20:00 a 23:00 horas.

Establecementos participantes

Os establecementos que participan nesta iniciativa son os seguintes: Carboeiro, O Carmelo, A Capilla, Pazo de Adrán, As Brasas, Bariloche, O rincón de Sara, Congreso, Maradentro, Canaletto, A Veiga, Portugalicia, Armando Blanco, O Son do Miño, María Castaña, A Raiola, O Pintor, Chaves e Casa Pernas.

Eventos culturais

As xornadas enogastronómicas PicoTeo terán tamén un importante compoñente cultural e nos locais haberá música en vivo. Algúns establecementos terán sesión vermú e outras músicas nocturna. Tamén hai dúas ofertas musicais diferenciadas, cun grupo de gaiteiros ou un cuarteto de vento. Os músicos pertencen á banda da SR de Calo.

Quedamos de tapas

A información do PicoTeo poderase consultar tamén na web QuedamosdeTapas e na app do mesmo nome, dispoñible para a súa descarga en ios e android. Nesta aplicación poderase consultar os datos sobre os locais e a oferta gastronómica que presentan así como prezos, horarios e eventos culturais destas xornadas.

Clausura no San Martiño

Un dos momentos importantes do PicoTeo será a clausura, o 11 de novembro na feira do San Martiño. O programa dese día conta coa colaboración da consellería de Medio Rural e dos Consellos Reguladores dos produtos certificados galegos: dos viños (DO Ribeiro, Rías Baixas, Valdeorras, Monterrei e Ribeira Sacra), coma os queixos (DOP Queixo Tetilla, Arzúa Ulloa, San Simón da Costa e Cebreiro) como a IXP Tenreira Galega, Pataca Galega, Pan de Cea, Mexillón de Galicia, Mel de Galicia, Castaña de Galicia e Augardentes e licores tradicionais.

O programa do 11 de novembro virá moi cargado de actividades. Poderemos desfrutar do taller “Percorrer Galicia a través dos seus viños, dende dentro da copa” a cargo da sumiller Mercedes González; haberá unha demostración culinaria con produtos das distintas certificacións de calidade galegas; unha cata comentada dos catro queixos con denominación de orixe e elaboracións culinarias; un obradoiro de elaboración de pan e unha cata comentada dos viños teenses dentro da DO Rías Baixas.  Na carpa municipal ese 11 de novembro tamén se darán a coñecer os resultados dos sorteos do PicoTeo 2017.

Premios

E as degustacións de todas estas tapas e racións tamén poden ter premio. As persoas que consuman no PicoTeo poderán participar en dous sorteos. Un deles de tres cestas con produtos gastronómicos do País no que se participará a trave´s dunhas urnas colocadas nos bares e restaurantes. O outro sorteo farase a través do facebook de TurismoTeo e o premio é unha cea para dúas persoas e unha noite de estancia nun aloxamento con encanto do Concello.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies