Teo podou un ano máis as árbores de Os Tilos tendo que talar unha ducia deles

0

Teo, 3 de febreiro do 2017 –  Nas últimas semanas a concellaría de Servizos Básicos vén de actuar en 120 árbores na urbanización dos Tilos tendo que realizar a tala de varios exemplares, pouco máis dunha ducia.

O criterio para realizar estes traballos de corte “foi a seguridade e a decisión ampárase en estudos técnicos que se veñen realizando nos últimos anos” segundo explica o concelleiro da área, Xurxo Francos.

O edil de Teo destaca que “cortar árbores, e máis especies autóctonas, nunca é agradable e se se adopta esa decisión dende logo non é unha decisión nin arbitraria nin caprichosa”. Francos explica ademais que, “a urbanización dos Tilos, a máis antiga do concello, foi modélica na concepción da zona verde e é responsabilidade de todos que o siga sendo”.

Nos últimos tres anos dende Parques e Xardíns estase traballando na posta en valor das zonas de arborado máis importantes de Teo, comezando polos Tilos e Parque Montouto, e seguindo pola Burga, Xirimbao, Cornide ou os patios dos CEIPs. Neste tempo fíxose un inventario das árbores realizando unha Avaliación Visual da Árbore (AVA) grazas á que se está determinando os traballos que se deben executar. Nalgúns casos esta avaliación determinou, lamentablemente, a afectación por algunha enfermidade de varios exemplares e a recomendación profesional da tala.

Esta tala indícase para evitar roturas de polas de árbores que poidan provocar accidentes en zonas con moito paso de persoas, xa que se trata de zonas de lecer. Precisamente nos Tilos hai poucos meses rompeu unha rama duns 20 centímetros que caeu moi preto dun peón.

No estudo que se estivo realizando chégase á conclusión de que na zona dos Tilos no seu día prantáronse algunhas especies que non eran as máis axeitadas polo espazo do que dispoñían, fixéronse podas inadecuadas que derivaron nun crecemento das ramas inestable e tamén se localizaron exemplares enfermos despois de realizar análises fitopatolóxicos da terra e da madeira.

Nas últimas semanas cortáronse seis castiñeiros, xa que estaban afectados por chancro; varios bidueiros afectados por un fungo chamado amillaria, que poden chegar a afectar aos carballos situados máis arriba e unha acacia negra que non estaba en condicións de podar. Dende o departamento de Parques e Xardíns de Teo explícase “que actuamos en 120 árbores na urbanización dos Tilos e as talas, sen resultar agradables, fanse para evitar riscos e problemas de seguirdade na zona”.

Dende o Concello tamén se adianta a intención de recuperar a parte inferior da urbanización cara o rego de Cobas, facendo unha repoboación de especies autóctonos, sobre todo castiñeiros, e unha senda ata o regato. A idea é pór en valor este espazo coa creación dun souto, no que os castiñeiros convivirían con carballos e salgueiros.

Nos próximos días enviarase dende o Concello ás vivendas da urbanización dos Tilos información detallada sobre a tala e os motivos para realizala, de cara a que a cidadanía coñeza a xustificación desta medida.

Noutra orde de cousas informar tamén de que a madeira destas talas se lle entregou a varias persoas sen sen recursos, segundo as indicacións do persoal técnico de Servizos Sociais, como se fai sempre nestes casos.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial