Teo prepárase para o San Martiño 2019

0

Teo, 23 de outubro do 2019 – A Feira cabalar do San Martiño prepara unha nova edición en Teo, unha das celebracións máis antigas de Galicia que se leva celebrando desde o 1557.

A carballeira de Francos anticipa o San Martiño, que este ano cae en luns, cunha serie de actividades ao longo da fin de semana apostando pola festa nas vésperas do día grande. Non será só alí xa que  o sábado nove o Mercado Labrego dos Tilos lembrará a cita cun obradoiro de cabalos de pau que rematará cunha carreira, ademais dunha mostra de produtos de outono. Todo a partir das doce do mediodia.

A tarde de ese mesmo sábado, na Piollosa, xa en Francos, haberá unha mostra de salto cabalar a partir das catro e media.

Domingo de andaina e xogos

Imaxe de arquivo da edición do 2017, imaxe de Loli Fernández

O domingo dez terá lugar outro clásico da festa: a andaina do túnel, a partir das 11 da mañá. Desde a escola de Francos percorrerase a contorna nun itinerario circular de 8 kilómetros de dificultade media.

A Escola de gaitas de Ortigueira poñerá música á carballeira a partir da unha e media para amenizar a comida.

A tarde ocuparase en xogos tradicionais para todos os públicos, paseos en poni para público infantil e un obradoiro de arte rupestre.

Os amigos dos músicos darán un concerto a partir das oito do serán na carpa municipal. A partir das nove e media nas carpas dos polbeiros celebrarase a segunda edición dos Cantos de Taberna. Para os máis cativos, e para todos, esa noite haberá tamén un espectáculo de títeres na Barraca de Barriga Verde, dentro da programación de Titiriberia.

O luns 11, o día da feira, será o momento dos cabalos, da venda ambulante e dos polbeiros, protagonistas desta feira centenaria.

O artesanado de Teo tamén terá un espazo destacado. Será na carpa municipal na que se poderán ver o traballo de varios artesáns recoñecidos que son de Teo ou teñen o seu taller no concello.

Haberá unha mostra dos viños de Teo con Denominación de Orixe e haberá postos do mercado labrego no entorno da carpa. Nesa mañá contarase ademais co espectáculo O cego na feira para animar aos visitantes.

Descarga toda a programación Programa San Martiño 2019

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial