займ срочно

Teo recibe o recoñecemento Cidade Amiga da Infancia outorgada por Unicef

0

Teo, 27 de outubro do 2018 – O Concello de Teo vén de recibir a comunicación oficial de Unicef conforme, na reunión celebrada o 25 de outubro de 2018, acordou galardoar ao Concello de Teo co Recoñecemento Cidade Amiga da Infancia no marco da VIII Convocatoria de Recoñecementos 2018-2022.

Este galardón é otorgado pola Secretaría Permanente do Programa Cidades Amigas da Infancia (CAI), representada por membros pertencentes a UNICEF Comité Español; Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social; Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e o Instituto Universitario de Necesidades de Dereitos da Infancia e a Adolescencia (IUNDIA),

Deste xeito recoñécese o traballo realizado dende o Departamento de Benestar, coordinado polo concelleiro Ignacio Iglesias, coa mocidade e infancia de Teo. Neste último ano e medio tense realizado unha labor de análise das demandas e necesidades deste colectivo, para a continuación comezar a traballar da súa man e poder realizar proxectos como a campaña de seguridade viaria que se lanzou o pasado mes de xuño. Iglesias destaca que “este traballo ten que concretarse nun concello máis amigable para a infancia e adolescencia, onde escoitemos as súas demandas e ademais de escoitalas as executemos na medida das nosas posibilidades”. O recoñecemento que recibe hoxe Teo para o período 2018-2020 “é un recoñecemento para o Concello e unha garantía para o benestar da infancia e adolescencia”.  O galardón entregarase nun acto en Oviedo o próximo 27 de novembro.

Unicef valora que a estratexia de traballo coa infancia das entidades recoñecidas atenda aos seguintes obxectivos:

Cada neno e nena é valorado, respectado e tratado xustamente dentro da súa comunidade.

As voces, necesidades e prioridades de cada neno e nena escóitanse e considéranse nas normativas e políticas públicas, nos orzamentos e en todas as decisións que lles afectan.

Todos os nenos e nenas teñen acceso a servizos esenciais de calidade.

Todos os nenos e nenas viven en entornos seguros e limpos.

Todos os nenos e nenas teñen a oportunidade de desfrutar da vida familiar, o xogo e o ocio.

Traballo do CLIA en Teo

Teo conta dende primeiros de ano cun Consello Local da Infancia e Adolescencia (CLIA) no que participan nenos e nenas dos colexios de primaria e do IES. A través deste organismo estase traballando en darlles participación. Unha das actividades máis destacadas impulsadas dende o Consello foi unha campaña de seguridade viaria con varios vídeos deseñados e elaborados coa súa participación. Podes ver os vídeos premendo aquí.

Teo tamén foi convidado a participar no V Encontro de Consellos de Participación Infantil e Adolescente celebrado en Oviedo en maio pasado. E recentemente representantes do Concello e do CLIA participaron nas II Xornadas Formativas do Programa Cidades Amigas da Infancia de Unicef en Galicia.

Programa cidade amigas da infancia

O programa Cidade amigas da infancia, que lidera Unicef Comité Español dende o ano 2002, en alianza co Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social; Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e o Instituto Universitario de Necesidades de Dereitos da Infancia e a Adolescencia (IUNDIA), busca contribuír a mellorar as condicións de vida dos nenos, nenas e adolescentes mediante a promoción e a implantación de políticas municipais que garantan o seu desenvolvemento integral cun enfoque de dereitos.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies