Teo recibe o recoñecemento de BIC para tres petróglifos

0

Teo, 24 de decembro do 2016 – O Concello de Teo vén de recibir unha notificación da Xunta de Galicia pola que se recoñece o carácter de ben de interese cultural (BIC) de tres petróglifos, concretamente Pena Bicuda de Loureiro, Outeiro do Corno I e Monte Cornide ou río Angueira.

Culmínase así un proceso que comezou en abril, cando se remitiu a solicitude á Consellería de Cultura, e que “recoñece a importancia do patrimonio arqueolóxico teense” indica Conchi García, concelleira de Turismo de Teo.

Xunto coa solicitude de BIC para estes tres petróglifos tamén se pedía para a ponte de Pontevea e a concelleira confía “en que o mesmo recoñecemento se faga de xeito inminente segundo nos indicou a Directora Xeral de Patrimonio nun recente encontro”.

Os tres petróglifos de Teo, da parroquia de Luou, forman parte ademais dunha zona arqueolóxica supramunicipal, que se está catalogando neste momento dende a Xunta e inclúe zonas de interese dos Concellos de Ames e Santiago.

A declaración de ben de interese cultural para estas manifestacións artísticas é de gran importancia “xa que esta concesión facilitará a concesión de axudas doutras administracións que nos permitirán a posta en valor, sinalización e mellora da accesibilidade dos citados petróglifos” explica Conchi García.

O petróglifo Río de Angueira ou de Monte de Cornide é un conxunto de escenas de monta, unha delas sobre un cervo. O petróglifo de Outeiro do Corno I amosa na súa parte central un motivo cuadrangular segmentado acompañado dunha daga. A súa datación corresponde aos inicios da Idade de Bronce.

O terceiro petróglifo protexido, Pena Bicuda de Loureiro, amosa combinacións circulares pero tamén motivos menos usuais como espirais ou un posible ídolo, segundo consta na documentación dos expedientes de solicitude de BIC que se enviaron dende o Concello de Teo á Xunta de Galicia.

 

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial