
Xosé Marcial Díaz Manso
É enxeñeiro agrónomo, zootecnista e traballa no Instituto de Estudos do Territorio. Naceu en A Bola, Ourense. Vive en Ames desde fai 20 anos.
Nos sistemas agrarios a terra, o traballo e o capital constitúen as trabes sobre as que se sustenta a actividade produtiva.
En Galicia, como noutras rexións da vertente atlántica da Unión Europea, a estrutura da propiedade fai que o factor terra condicione o bo funcionamento do sistema agrario provocando que persoas e recursos se estean desprazando cara outros sectores e rexións máis equilibradas. Consecuencia deste déficit estrutural o despoboamento e a descapitalización do medio rural estanse a converter nos principais atrancos no desenvolvemento do medio rural galego, adquirindo o territorio un especial protagonismo que oxalá non tivera. Neste contexto de abandono o territorio deixa de ser o espazo que contén para converterse nun suxeito en si mesmo con necesidades propias de xestión. Os incendios forestais xeran anualmente cuantiosas perdas en termos de recursos económicos, solo e biodiversidade. A xestión dun territorio destas características debería pasar por adaptar o factor terra a coxuntura socioeconómica actual. Dispoñer dunha estrutura agraria desenvolvida de acordo ás necesidades do século XVIII no século XXI supón unha perda de eficiencia na xeración de recursos e oportunidades. O noso futuro apunta a consolidarnos como nunha sociedade en rede moi demandante de coñecemento onde a enerxía será producida e consumida localmente promovendo a sustentabilidade dun sistema global que nos soportará e o que tamén deberemos contribuír no seu mantemento. A alimentación é a fonte esencial de enerxía para o ser humano e facela eficiente e universal segue a ser un obxectivo a acadar. Un mercado globalizado baseado na especulación alimentaria quérese impoñer deixando tras de si un regueiro de dor e sangue.
Neste escenario, políticas fiscais que incentiven o uso da terra para fins agrarios poden axudar a equilibrar o sistema agrario galego facéndoo máis atractivo tanto para o factor humano como para o financeiro, contribuíndo á produción de riqueza, á fixación da poboación o territorio e á mellorar a cohesión social. Políticas desta natureza tentan restablecer a harmonía entre o cidadán e o territorio polo que urxe unha concienciación social para promover á súa activación e adaptación os tempos que corren.
Que por certo, corren moito!.