Unha tese da USC facilitará os cálculos referidos as estrelas dobres

0

Compostela, 13 de agosto do 2017 –  Os cálculos referidos as estrelas dobres sempre son complexas pero a tese defendida na USC por Ahmad Ali Abushattal podería atopar formas máis sinxelas de investigalas.

As estrelas dobres adoitan clasificarse en visuais, espectroscópicas e eclipsantes, segundo a técnica utilizada para o seu descubrimento e posterior estudo. As primeiras son desdobradas mediante métodos ópticos e das súas órbitas dedúcese a suma das masas das compoñentes. Pola súa banda, as espectroscópicas, ao estar en xeral moi pechadas, só se poden estudar a través do seu espectro electromagnético, e de acordo co efecto Doppler-Fizeau nos proporcionan a súas velocidades radiais. As súas órbitas poden proporcionar  a relación de masas das compoñentes. Finalmente, as eclipsantes investíganse mediante fotometría.

Iso quere dicir que se para unha mesma estrela dobre se pode calcular á vez a súa órbita como visual e como espectroscópica, non só se determinan as masas das dúas estrelas por separado senón que se  chega a obter unha medida moi precisa da súa distancia a nós, “o que entre outras cousas serve para chequear os resultados das sondas espaciais neste senso”, explica o doutor Ahmad Ali Abushattal, que acaba de defender en Matemáticas a súa tese con novas e importantes achegas ao estudo das estrelas dobres.

Tanto as masas estelares como a distancia son parámetros fundamentais en astronomía, sendo as estrelas sobres unha fonte indispensable de información de ambos os dous. Tal como demostra Abushattal na tese, mediante a modelización das binarias espectroscópicas pode chegarse a establecer a órbita aparente máis probable da estrela e de aí a separación angular entre as compoñentes, “deducíndose por tanto o diámetro do telescopio que se necesita en cada caso para resolvelas opticamente” e optimizando así as campañas de observación en grandes instalacións.

A tese ‘The modeling of the physical and dynamical properties of spectroscopic binaries with an orbit’ realizouse no Observatorio Astronómico Ramón María Aller baixo a dirección do profesor José Ángel Docobo Durántez.

Share.

Leave A Reply

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies