Aínda marabillado pola nova proposta de Sean Baker e pola formalmente académica de Joe Wright, imos tentar traducir en verbas ás emocións vividas polo excelso traballo, sobre todo, do cineasta estadounidense.

Dicía –supostamente- Alfred Hitchcock, que “nunca fagas un filme con nenos, animais nin Charles Laughton”.  De ser certa dita sentencia, preguntaríame qué lle parecería ó filmador británico THE FLORIDA PROJECT (2017). Unha fábula do estío nos arrabaldes de Orlando, a cidade sede do DisneyWorld floridiense e protagonizada (ou máis ben vivida?) principalmente por tres nenos de seis anos, absolutamente hiperactivos pola mestura da calor, a inxesta de xeados cheos de azucre e as horas baleiras de escola.

Insoportables; os cativos.

As travesuras e venturas dos pequenos demos son o fío condutor da narrativa principal (magnífico o plano-secuencia dos rapaces subindo polas escaleiras do chan ata un dos extremos do edificio, para rematar agochados espiando a unha muller semi-espida).

A descrición do mundo dos adultos a través da mirada naíf dos rapaces queda recalcada aínda máis se cabe, ó filmar os planos dos diálogos dos adultos a altura dos ollos da nena, Moone; logro artístico que xa víramos no HAPPY FEET (2006) de Miller e Coleman. Pequenos protagonistas que corretean libremente sen a supervisión dos seus proxenitores coma se duns precoces Tom Sawyer e Huckleberry Finn tratáranse e que lembráronme, terriblemente a versión máis “destroyer” dos fillos de Atticus Finch ou da compaña máis contemporánea dos infantes de SOUTH PARK.

Pero a culpa non é deles.

A nai de Moone, Halley, incapaz de aceptar a responsabilidade de asumir o seu rol neste mundo, é un fiel reflexo dese sector poboacional que xurdiu hai uns anos nos EE.UU. por mor da crise financeira. Xente que sobrevive o día a día a duras penas. Que aluga habitacións de moteis cochambrosos para non ter que  verse obrigados a durmir baixo dunha ponte. Presas dunha dinámica de miseria e falla de oportunidades. Ou como dixo o propio director, “persoas que van no `modo supervivencia´ e cando iso ocorre, moitas veces erras nas tomas de decisións e as opcións, ademais, son moi limitadas e o ciclo da pobreza segue. Viven rodeados de anuncios de todo o que nunca poderán pagar”.

Se por se fora pouco, engadimos que Halley ten unha actitude hippie-nihilista ante os numerosos erros que comete, a súa carencia de autocrítica, os modais propios dunha princesa da favela máis inhóspita e que no seu cerebro de ameba pode que non conteña nin media neurona, o normal é que o que ten que pasar, remate ocorrendo.

Pero non todo está perdido. No edificio (acertadísimas, por certo, as localizacións de construcións bizarras) hai un anxo da garda. O noso heroe silente. O xerente Bobby, formidable recreación do actor Willem Dafoe, que segue tendo a mesma singular faciana de hai trinta anos. Nomeado, con moito mérito coma mellor actor secundario para os vindeiros Oscar. Súa é a ollada omnipresente, preocupada pola sorte dos seus inquilinos. A incrible paciencia coas trasnadas dos máis pequenos. A capacidade de contar ata dez, ou vinte se é preciso. Harper Lee e Gregory Peck están a sorrir alí arriba, no Olimpo cinematográfico.

Filme que da calor os corazóns e alimenta as nosas ánimas. Fermosamente filmado, con virtuosismo na técnica, a pesar de contar cun orzamento exiguo, pero que enche coa luz do solpor que fíltrase entre os nosos dedos, onírica, de conto de fadas sen brilo nos seus ollos, que camiñan por esa Avenida dos Sete Enanitos (sí, en serio, existe na realidade), brincando de bloques de vivendas sociais a outros veciños (os conocidos “projects”), vendo pasar o tempo. Vendo marchar á vida.

Esa é Halley, hillbilly, redneck, white trash todo e máis, que colle a súa filla e a leva a presenciar un incendio nunha urbanización abandoada por mor da crise inmobiliaria. “Non estás entusiasmada Moone?. Isto é moito máis emocionante que a televisión?”. Unha das moitas “leccións” que lle da a súa nena. Imaxino o futuro da nena, e tremo. Cantas Moone hai neste Primeiro Mundo de cartón-pedra?.

Baker asina un produto inesquecible, que encaixa a perfección, con tódolos seus colaboradores habituais. Non destaco a ningures en especial, por que o meu recoñecemento é unánime. Aínda que non podo deixar pasala ocasión de falar da excepcional selección no casting de Carmen Cuba. E non é casualidade. Ela xa foi responsable do descubrimento dos rapaces de STRANGER THINGS (2016-17) dos irmáns Duffer.

Polo que teño entendido a secuencia final, a fuxida liberadora cara o sacro asilo (ese castelo onde ningún mal pode acontecer) rodouse cun iPhone, sen aviso nin permiso da compañía do rato.

Mellor colofón, imposible.

O ano pasado, a indie MOONLIGHT levou, inxustamente o Oscar ó mellor filme, así que dubido que outra produción de baixo orzamento vaia a repetir. Sospeito que o premio gordo caerá para THE SHAPE OF WATER ou para THREE BILLBOARDS OUTSIDE EBBING, MISSOURI; a pesar que THE POST de S. Spielberg e a mellor película do que vai de ano.

Pero a meu corazón latexa por THE FLORIDA PROJECT e a breve, delicada, sutil e suxestiva historia destes seres livianos que déixannos asomar as nosas cabezas para votar unha discreta ollada nas súas vidas.

Fermosa.

E xa co alento recuperado, destaco o elegante filme de Joe Wright, “so british, so keep calm” sobre a caída do nefasto primeiro ministro Chamberlain e o nomeamento no seu posto de Winston Churchill, figura política icónica para os ingleses e que a Historia (que a escriben os vencedores, xeralmente) tratou con moita magnanimidade. Moita, moita.

Coma produto cinematográfico, DARKEST HOUR (2017) é un exercicio de técnica e estilo da máis clásica escola británica. A excelencia en tódolos apartados técnicos soe estar garantida por mor da profesionalidade pulcra dos membros da industria cinematográfica británica. (Aínda lembro as verbas de admiración ó respecto, de Álex de la Iglesia, despois de rodar nas illas británicas LOS CRÍMENES DE OXFORD -2008-).

Wright, que xa filmara unha memorable secuencia da fuxida das tropas británicas en Dunquerque, no filme ATONEMENT (2007), volve a contar á contrareloxo a que se enfronta Churchill para salvar a 300.000 soldados da morte segura. Iso e as presións que ten que aturar do seu propio Gabinete da Guerra. A súa empecinada posición de non negociar co “bárbaro de Hitler”, de loitar ata o final. De vencer ou fenecer.

Certo que algúns sucesos están magnificados para maior gloria do protagonista e outros, directamente non ocorreron coma se conta na película, pero as máis de dúas horas de metraxe discorren sen atrancos e cun moi bo ritmo narrativo.

Moita crítica destaca a interpretación de Gary Oldman, coma unha das mellores interpretacións feitas do Primeiro Ministro británico. Pode. É certo que o peso do filme recae básicamente sobre o lombo do actor londinense, pero os ollos que vexo, son os de Oldman, non os de Churchill e iso que rompo unha lanza polo bo traballo da maquilladora Diana Choi, responsable cum laude das pintiñas dos jichos, bestas e monstros nos dous HELLBOY (2004 e 2008).

Boa película, non tanto polo seu rigor histórico, senón polo produto final que nos presentan. Merecidas as súas nominacións para os premios da Academia das Ciencias e das Artes Cinematográficas. Veremos se o premio para mellor actor vai carón do Oldman ou queda no peto de Daniel Day-Lewis. Cando vexa tódolos candidatos direi a quen llo daría eu. Polo de agora, teño un nome provisional. Adiviñades quén?.

Pois sí, ese mesmo. Willem Dafoe.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies