Mandingo tráenos tres propostas cinematográficas totalmente distintas entre sí. Desde a secuela (dez anos despois) de THE MAN FROM EARTH, pasando polo novo proxecto de cinema de autor de Richard Linklater ata chegar ó último blockbuster marveliano.

Van xa dez anos da estrea do orixinal proxecto concibido na mente do guionista Jerome Bixby que estivo durante vinte anos argallando a historia dun moi lonxevo ser humano. De feito, o escrito finalizouno ditando ás derradeiras liñas ao seu fillo desde o seu leito de morte.  A adaptación cinematográfica do prolífico escritor de ciencia ficción -seus son os escritos para a serie orixinal de STAR TREK (1967-1969), ou tamén para FANTASTIC VOYAGE (1966) e a adaptación cinematográfica do TWILIGHT ZONE (1983)- corre ó cargo do director Richard Schenkman.

Rodada nun único escenario, unha casa unifamiliar, sen secuencias de acción e cunha espartana edición, ó filme converteuse rapidamente nunha película de culto, afastada das canles de distribución máis comerciais. Na produción de 2007 (¡ollo, tan só 20.000 dólares de orzamento!), pratéanse brillantemente cuestións filosóficas, relixiosas e intelectuais sen desperdiciar a oportunidade de dar un xiro sorpresivo no final; deixándonos cunha sensación refrescante e orixinal pola súa proposta narrativa.  É moi recomendable visionar o filme orixinal, para situarnos en mellor perspectiva coa súa secuela, que ten o título de THE MAN FROM EARTH: HOLOCENE.  O propio Schenkman aparécenos no inicio da metraxe coma dun William Castle ou Alfred Hitchcock tratárase para dicirnos que esta historia pódese ver libremente na multitude das redes que pululan por internet e na súa propia web TheManFromEarth.com. Ó final, volverá a aparecernos a faciana do cineasta para lembrarnos que o traballo dos que fixeron posible esta secuela hai que págalo e suxerirnos ,moi razoadamente, a necesidade de facer un donativo non só para tal fin, se non tamén para recadar fondos para unha posible terceira entrega coma filme ou inclusive serie televisiva. Coma diría o meu amigo americano: “beyond crowdfunding, even”.

Os que víramos ó filme inicial, aceptamos de bo trato as pescudas que fan uns estudantes de instituto para averiguar a orixe do seu mestre de relixión. Un singular e didáctico titor, que discursa sabiamente postulados ético-morais dende diferentes puntos de vista. Os seus alumnos quedan engaiolados pola seu docto coñecemento e pasan o abatemento total cando saben que o profesor marchará lonxe deles o remate do curso. Con todo, a frescura e a orixinalidade da primeira parte pérdese nesta segunda e o devenir dos acontecementos parécenos moi collido entre alfinetes. Ten textura a telefilme de sobremesa, e aínda que se apreza as boas intencións, a proposta de Schenkman e de Emerson Bixby (sí, o fillo de Jerome), dous lustros despois, vémola pequena demais. Tendo unha base tan sólida, a produción debería ter maiores calidades nos apartados técnicos (e artísticos). Case semella un traballo de fin de carreira dunha escola de audiovisuais. Xa non é tanto cine independente. Aquí roza a pura serie b e é unha mágoa que non mellore a historia orixinal. Mesmo o desenlace se nos antoxa excesivamente “aberto” e mal rematado, ó estilo do NORTH BY NORTHWEST (veña, teño a Eva Marie Saint colgando no monte Rushmore e como non sei acabar a secuencia “salto” de súpeto ó camarote do tren). Unha lixeira decepción por mor das expectativas xeradas para esta segunda parte das aventuras do noso cromagnon favorito. Esperemos que remonte ó voo nunha terceira parte.


Para a vindeira película, imos aumentar notablemente a cualificación a entregar xa que estamos a falar do derradeiro traballo de Richard Linklater. Un cineasta non o suficientemente recoñecido; posuidor dunha excelente, coherente e cabal traxectoria. O grande público descubriuno na fermosa BEFORE SUNRISE (1995), historia romántica apta para tódolas edades e xéneros e que consolidou o seu posto coma grande artesán das luces con títulos coma a ollada xeneracional da mocidade yankee na SUBURBIA (1996), a denuncia intelixente á industria cárnica do seu país na FAST FOOD NATION (2006), a moi enrevesada adaptación da novela de Philip K. Dick A SCANNER DARKLY  do mesmo ano ou esa conseguida aposta que significou a produción BOYHOOD (2014), filme único e irrepetible na Historia do Cinema.

Linklater adapta con éxito ó guión da novela (xunto o autor da mesma, Darril Ponicsan) LAST FLAG FLYING, publicada no 2004. Nela, cóntase a historia do ex-militar Larry “Doc” Shepherd (Steve Carell) que vai na procura de dous antigos compañeiros de traxedias que “serviron o seu país” durante a guerra do Vietnam. Eles son o atoulado e resentido Sal Nealon (Bryan Cranston) e o reconvertido aos ollos de Deus, o reverendo Richard Mueller (Laurence Fishburne). A excusa para volver a reunirse, despois de trinta anos de esquecemento é ineludible, de forza maior, de cumprir coas obrigas e a débeda pendente.

“Semper fidelis”, en resumidas contas… Linklater aproveita a viaxe que fan os tres vellos coñecidos para amosarnos, coa agradecida perspectiva que dan as “road movie”, os EE.UU. da Guerra do Golfo de 2003, a caída de Sadam Hussein, os argumentos do Comandante en Xefe George W. Bush, as versións dadas os familiares sobre as baixas militares, en definitiva, ó drama do peor invento da Humanidade: A guerra. A loita a morte entre rapaces, mandados polos que gostan de poñer os pés por encima da mesa, no seu (moi seguro e alonxado do conflito) despacho.

Cinema de autor consolidado, de diálogos excelsos e de moi traballada dirección de actores (o trío protagonista está a un nivel que raia a perfección, asignando roles insospeitados a priori, dándolle o maior rango dramático ó cómico Carell, a comicidade anárquica o cáustico Cranston e a mesura relaxada o enorme Fishburne). Premio ex aequo a mellor interpretación en calqueira festival de cinema a que poidera presentarse esta delicada, sutil, liviana e elegante traxicomedia; por que sí, certo é que o argumento e drama puro e duro, pero os nosos pesonaxes tiran de coraxe e rien cando teñen que rir e choran (sen bágoas, xa nos lles quedan) cando teñen que chorar.

Linklater filma unha producción das que a crítica chama “independente”, coa súa propia productora DETOUR FILM PRODUCTION, evidente homenaxe ó filme de Edgar G. Ulmer de 1945, case con toda seguridade non a mellor coma din, senón a segunda mellor película de serie b da Historia do Cinema -vanme permitir que no máis alto do caixón poña a THE LITTLE SHOP OF HORRORS (1960), do meu admiradísimo Roger Corman-. Cos seus habituais colaboradores, a editora Sandra Adair (imperceptible e sublime traballo), o director de fotografía Shane Kelly (logra co aspect ratio de 1.85:1 un ton máis intimista) e o músico Graham Reynolds (pinceladas para subliñar o drama) ganduxa un perfecto encaixe.

De nota moi alta tamén as exitosas localizacións, os exteriores da Pennsylvania invernal e grisácea, valeira de industrias que case forman parte do elenco artístico. A coidada recreación dos vestiarios da época e a inclusión das novas tecnoloxías que deixan abraiados os tres anquilosados marines. Todo suma para conseguir unha película que atópase no mellor da xa longa traxectoria de Linklater.

LAST FLAG FLYING, digna de ver, de batelas palmas e de mantela na nosa lembranza por moito tempo.


E para que vexades que Mandingo “come de todo”, o filme que pecha a cancela fílmica de hoxe é o exitazo (sobre todo nos EE.UU.) do BLACK PANTHER (2018) de Ryan Coogler, xoven filmador que xa sorprendéranos coa máis que digna CREED no 2015. Nesta ocasión adapta o cómic de MARVEL homónimo, creación a dúas bandas dos grandes entre os grandes Jack Kirby e Stan Lee, iconos da cultura pop estadounidense que influíron a tantas xeracións de cativos (e non só do país americano).

No corazón da África máis negra cae un meteorito de vibranium do tamaño dun Everest. Este mineral ten propiedades case que milagrosas. As tribus que xorden neste territorio fundan Wakanda, que pasa a ser unha especie do mítico El Dorado, cunha tecnoloxía tan adiantada que deixa en ridículo os avances do “home branco”. Pero cara o exterior, Wakanda, mantense coma un país tercermundista. Sempre foi así e sempre foille ben.

Ata que chegan tempos de cambio…

Coma boa produción da DISNEY, as calidades técnicas están garantidas por un exército de profesionais veteranos e que están xa acostumados as producións que a compañía do rato nos propón cada dous por tres. Nada que obxectar nos apartados visuais, nos deseños de produción e todo o que queirades imaxinar. Tremendo, sí. Pero nada orixinal. Fan películas coma churros. Todas semellan iguais. Mesmo ritmo narrativo, idénticas montaxes, apabullantes efectos especiais, rimbombantes bandas sonoras e acertadas caracterizacións (non deixan pasala oportunidade de meter dous ou tres actores de renome para honralo produto –penso en Forest Whitaker, que vai camiño de encasillarse nos roles secundarios de a “1.000.000 dólares por minuto de metraxe”).

Certo é que cumpren o primeiro mandamento do cinema, ese que di “sempre entreterás e nunca aburrirás”, pero xantar cachopo tódolos días da semana antóxase pousado. Da o que promete e paréceme ben, pero non pasa nada se intentamos propoñer ós espectadores uns conflitos e unhas resolucións máis elevadas. Que non presupoñan Robert Iger e os seus secuaces que por papar flocos de millo, aos espectadores non lle chega a sangue o cerebro.

Vémonos nos cinemas.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial