займ срочно

The Meg, Equalizer 2 e Disenchantment son os visionados de esta semana de Mandingo

0

Para este luns 20 de agosto, Mandingo escribe sobre a derradeira tentativa de blockbuster, THE MEG -ou coma pescar unha xouba xigante e non morrer no intento-, a secuela da curiosa THE EQUALIZER (2014) -co orixinal título de THE EQUALIZER 2- e a nova serie animada do xenial Matt Groening, a suposta comedia DISENCHANTMENT.

Mandingo lembra como no verán de 1975 asomaron polos cinemas o pesadelo acuático (tanto pola complicada rodaxe, coma pola historia de medo que conta Spielberg) JAWS -quenlla-, ninguén dos altos mandamáis da Universal daban un pataco polo éxito do filme. E moito menos despois de que contra as súas opinións, o xove director fixera a premiere no 20 de xuño (a Major quería a estrea no Nadal, xa que a xente non ía aos cinemas no estío).

JAWS tivo un orzamento de 9 millóns da época e colleitou unha recadación global de 470 millóns. Con semellante pelotazo, Spielberg conseguiu varias cousas. A primeira foi que todo o que fixera, dixera e propuxese dende ese intre ía a misa. A segunda que as estreas sospeitosas de ter grandes recadacións xa non ían exclusivamente para decembro. A terceira é que xunto ao STAR WARS de 1977, revolucionou (e levantou) a industria cinematográfica estadounidense, pasando a ser o novo Rei Midas, e George Lucas o seu Príncipe.

Tales éxitos económicos tiveron a contrapartida de levar durante décadas o desprezo artístico e ninguneo que sufriron por parte da Academia das Ciencias e das Artes Cinematográficas do seu país. Poida que gañasen moreas e moreas de cartos, pero esas producións para os vellos membros votantes dos Oscar, non tiñan calidade artística dabondo. Se llo fixeron a Chaplin e a Hitchcock, tamén podían facelo a eses dous rapaces barbudos e peludos…

Pero o tempo pon a cada un no seu sitio, e coa perspectiva que da o paso dos anos, xa vemos quen levaba razón. JAWS, non só é unha excepcional película, tamén é o perfecto exemplo de mestura de acción, suspense e terror.

Pois todo iso é o que non é THE MEG.

Ben certo é que non tentan enganarnos nas súas propostas argumentais e que de seguro, o noso protagonista conseguirá non só esnaquizalo peixe senón salvala súa vida. Ten o director, o cumpridor Jon Turteltaub (NATIONAL TREASURE (2004) -A Búsqueda-) , oficio para levar 150 millóns de orzamento cunha certa solvencia (na liña profesional dun Ron Howard, para facernos unha idea), pero non posúe a mala leite que o cineasta Eli Roth aportaría a longametraxe. Foi Roth o filmador elixido orixinalmente, pero as tópicas “diferenzas creativas” cos produtores levárono a poñer a súa faciana ao Sol o seguinte luns.

Aínda que respeta nunha grande porcentaxe a novela de Steve Alden, MEG: A NOVEL OF DEEP TERROR, os guionistas Jon e Erich Hoeber non van levalo recoñecemento mundial pola seu enxeño.

Jason Statham, que leva vinte anos facendo o mesmo rol, é nesta ocasión Jonas Taylor, un tipo que despois dun suceso tráxico tenta loitar cos seus medos e recuperalo crédito perdido pola teima que tivo en describir o ataque dun escualo do tamaño do ego do actual presidente dos EE.UU.

Cando atopas con producións como estas, nas que as historias a narrar son máis previsibles que as respostas dun futbolista despois de rematar un partido, o único que pides é que os 150 millóns de custo, brillen durante a inxesta de flocos de millo. Doutra maneira estaríamos a falar de subprodutos estilo SHARKNADO, que só cunha resaca do tamaño de Wisconsin, son admisibles.

E mira ti por onde, esa parte funciona, a golpe de talonario, pero vai indo. A casa non repara nos gastos e para a produción fichan a Colin Wilson, responsable final das épicas TROY (2004) e JOHN CARTER (2012), ben secundado polo deseño de Grant Major (creador da Terra Media da triloxía LOTR de Peter Jackson) e pola arte de Kim Sinclair -WILLOW (1998) ou AVATAR (2009)-.

Tom Stern, fotógrafo e iluminador nos últimos 16 anos dos filmes de Eastwood non tropeza na súa labor e ofrece un resultado bo (filmar na auga non é doado), que vai da man da B.S.O. de Harry Gregson. Non é inesquecible pero para o que podían facer, cumpriron e punto.

Onde vai algún reparo e na selección do reparto artístico (sempre as mesmas facianas, machiño!) e na edición cortada a “machete cubano”. Podedes ir vela, pero non vai dar máis do que imaxinades. Alá vos.

Coma de “duros” vai hoxe a crónica, volve Robert McCall a esnaquizar a todos aqueles que se atrevan a interpoñerse no seu camiño de vinganza, que non xustiza. O personaxe, un ex axente do MI6 e da CIA, xurdiu das mentes de Michael Sloan e Richard Lidheim para unha serie televisiva de 1985 (durou ata 1989).

No 2014 Antoine Fuqua, outrora grande esperanza negra pola súa magnífica TRAINING DAY (2001), levou o cine as novas venturas de McCall, na pel do actor Denzel Washington que propón unhas calidades interpretativas superiores a media para este tipo de filmes.

No primeiro THE EQUALIZER, McCall barre cunha organización delituosa rusa que ten expandidos os seus tentáculos por medio planeta. Coma produto de acción cumpre con nota. Bo pulso narrativo, boa tensión argumental e aceptamos a invulnerabilidade hercúlea de Washington, coma un John Wick ou un Jack Reacher, ou se apurádesme ata un Ethan Hunt ou Jason Bourne se tratara. Pero na segunda parte, xa non me interesa nin me sorprende a acción, nin os trucos que fai o milhomes este. Supoño que o reparto técnico da primeira bótase en falta (están na rodaxe dos AVATARES de Cameron) e os novos propoñen unha estética distinta, afastada desa imaxinería máis intimista. Non é culpa total deles. Coma sempre, é no guión onde atopamos os erros e os acertos.

E un filme que da un pouco menos do mesmo e que non sorprende. Mellor que THE MEG?. Por suposto pero tampouco é para prender foguetes.

O cinema estadounidense ten moito xeito a hora de abordar heroes indestrutibles, solitarios e que teñen unha loxística e uns recursos case inesgotables. Son os novos John Wayne. Os John McClane ou os Martin Riggs das décadas dos Oitenta e Noventa, cando o “reaganismo” e a súa herdanza chimpaban entre as repúblicas bananeiras e as ditaduras amigas. Agora tentan ser un pouco máis sofisticados e aínda que actúan na ilegalidade, as súas accións son sempre para erradicar a maldade sen escrúpulos de mafias, lobbies e megacorporacións. Para combater o mal só pódese facer moito máis mal. Ollo por ollo e de propina arráncoche o outro.

Xa o dicía ó Pazos de Manquiña: “vamos llevarnos bien, por que si no va haber una ondanada de host…”.

Pero como non todo vai ser fútbol na vida, que xa o dixera Arsenio, nin loitas nin explosións, de peche imos escribir sobre a nova serie de Matt Groening, xenio do audiovisual, creador das míticas series THE SIMPSON (que vai pola trixésima edición) e FUTURAMA. Falamos do primeiro traballo que fai na exclusiva para un canle de streaming, DISENCHANTMENT.

Dunha tacada vimos os dez primeiros episodios estreada o venres pasado para poder chegar a tempo coa crítica e non tanto polo entusiasmo que produciume o seu visionado.

Un bo amigo e que deste negocio sabe o seu, dicíame que era unha serie xeracional, a protagonista é unha princesa adolescente dun reino medieval, cunha querenza por empinalo cóbado nas tabernas da capital e meterse en tódalas lerias posibles, para desespero do seu rexio pai. Coma compañeiros de troula ten a Lucille, demo enviado cun propósito oculto e de Bart Simpson, que aquí o camuflan de elfo sensible e bondadoso.

Aínda que as posibilidades de contar este conto ao revés de fadas saídas do lumpen nocturno de TAXI DRIVER (1976) son case infinitas, toda a mordacidade e o humor negro do que Groening é capaz de brindarnos  non o atopamos por ningures.

Unha comedia onde non rimos e que propón ao espectador unha paciente espera para descubrir nos seus dous últimos episodios (os mellores de lonxe), que non é un conto de risa e que teremos que agardar aos dez seguintes episodios para ver coma resolve as diferentes preguntas que nos facemos. Cansa un pouco a teima que se está a poñer de moda en moitas series cuns finais non conclusivos, de ter que fagocitar os capítulos sen que nada salientable ocorra. De ter que cruzalos dedos e levar a sorte de resolvelos misterios expostos.

Por Groening farei unha excepción e verei a segunda parte, pero como dicía, farto xa de tomaduras de pelo tipo WESTWORLD que de factura técnica son impecables pero colman a paciencia pola súa inacción na trama principal.

Non sei se aos adolescentes gustaralle DISENCHANTMENT, pero eu levei un sopapo nas miñas expectativas morrocotudo. Nin merco o trazo da liña visual, nin a maioría dos talentos nas voces, nin os para nada inxeniosos dobres sentidos, nin as catro chiscadelas que fan a outras series, nin as dinámicas de movementos (homenaxe paupérrimo a Hanna-Barbera?), nin a mestura de son nin farrapos de gaita.

Semella un traballo de encargo coma o que fixo Woody Allen para Amazon e do que acabou botando fume polas orellas. “A razón pola que asinei foi pola incrible cantidade de cartos que me deron”, recoñecera o neoiorquino.

Mandingo, coma “ O Chuarchi”, voltará… no vindeiro luns.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies