The Teta´s Van, Supernatural, Astarot e Ruxe Ruxe no VIII Millarock

0

Ames, 30 de xullo do 2018 – O próximo venres, 3 de agosto, chega a VIII edición do Millarock ao aparcadoiro da Travesía do Porto en Ames cunha combinación de xuventude e experiencia.

O cartaz do Millarock 2018 comeza con The Teta´s Van e Supernatural aos que hai que engadir a dous históricos do rock galego: Astarot e Ruxe Ruxe. O primeiro dos concertos comezará ás 21.00 horas.

The Teta’s Van

The Teta´s Van, proclámanse como a “revolución en feminino”. O grupo está formado na súa maioría por mulleres (Irene, Lucía, Lorena, Paula e María), aínda que tamén conta con dous homes (Omar e Pablo), caracterízase por tocar unha música marcada pola reivindicación en prol da loita contra as inxustizas que as mulleres viven en primeira persoa, polo que a pesar de estar especializadas en versións, tamén colaboran con numerosas poetisas ás que dan voz mediante a súa música.

Supernatural

En segundo lugar actuará o grupo Supernatural  no que está integrada a amesá Thais Rudiño, finalista do programa ‘La Voz’. A formación complétase cos vigueses Suso Valcárcel na batería, Daniel Lemos no baixo e Fran Almodóvar na guitarra. Este ano están inmersos na promoción do disco, titulado Nada que finxir en castelán, e Nothing to pretend na versión inglesa. Nel mostran gran variedade de ritmos e fusión de estilos.  Durante a presentación do festival, Thais Rudiño dixo sentirse “moi ilusionada con poder estar no Millarock deste ano e poder presentar o noso último traballo en Ames”. Ademais, o seu compañeiro de grupo, Fran Almodóvar, indicou “para nós e un auténtico pracer compartir cartel con grupos de rock tan diversos e tan consolidados. Animamos a xente a que veña a este festival porque faremos que pasen unha boa tarde-noite de rock”.

Astarot

Astarot ven de triunfar no Nicrarock. Fundado en 1983 en Cangas do Morrazo, está formado por Juan A. Antepazo (voz), Carlos Gandón (guitarras), Carlos Rodal (baixo), Loren Tevra (guitarra) e José M. Pedra (batería). Este ano cumprirán 35 anos de traxectoria inmersos nunha xira de concertos de presentación do seu último traballo, Una vida en un segundo, do que se poderá gozar nesta edición do Millarock.

Ruxe Ruxe

Os últimos en subir ao escenario será o grupo Ruxe Ruxe, constituído por Carlos Freire (baixo), Vituco Neira (guitarra e voz), Miguel Duarte (guitarra eléctrica, acústica e coros), Iago Jorge (batería), Xaco Barona (gaita) e Juan Ramón Rico (saxo). O grupo celebra o 20 aniversario co lanzamento do seu novo traballo 20 Segundos, ten 11 LP´s no mercado, tres deles editados nos últimos tres anos e un feixe de cancións en recopilatorios e bandas sonoras o que os converte en todo un referente da creación musical galega e en galego.  Durante a presentación do cartel do Millarock, Juan Ramón Rico (Xan), saxo do grupo, destacou que para a súa banda é un pracer tocar en Ames. “Hai que poñer en valor a valentía dos Concellos e asociacións que apostan pola organización deste tipo de festivais e polo rock galego. Esta edición do Millarock ten un cartel moi completo e aberto a todos os públicos. Haberá un rock fresco da man de novos grupos como The Teta´s Van e Supernatural, pero tamén o público poderá gozar de grupos máis consolidados como son somos nós e Astarot. Tratase dun festival que mestura perfectamente diferentes estilos e con moita diversidade”.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial