займ срочно

Mandingo retoma a actualidade máis recente coas estreas da recente gañadora do Globo de Ouro á mellor película, da última produción de Pixar, Coco, un fan film homenaxe a STAR WARS e unha curta presentada hai cinco días na décimo sexta edición do Jamesonnotodofilmfest.com

Cun aluvión de moitos títulos moi interesantes por ver e con pouco tempo para gozalos, o voso humilde contacontos lanza a primeira andanada dunha selección de filmes visionados nos pasados días e que iremos contando nas vindeiras semanas. A primeira a xuízo non estaba na miña lista de prioridades, pero a viva recomendación do meu apreciado amigo, o excelente actor Tacho González, decantoume por ir correndo para ver THREE BILLBOARDS OUTSIDE EBBING, MISSOURI (2017) do cineasta inglés Martin McDonagh.

É o británico un director que tamén asina os guións das súas películas. Sígolle a pista desde o seu debut no 2008 coa curiosa IN BRUGES, simpática mestura de thriller e comedia negra, cun reparto técnico que repetirá, na súa maior parte, no resto de filmes feitos polo londinense.

Na pequena localidade de Ebbing, no profundo sur dos EE.UU, hai sete meses aconteceu unha traxedia que bateu con toda a súa forza na faciana de Mildred, “working class” cincuentona, nai coraxe e con arrestos para enfrontarse a toda unha vila se fai falla. Papel excelsamente interpretado pola grande Frances McDormand e que cheira a premio Oscar, (se non llo arrebata a xermana Diane Kruger pola súa caracterización no filme AUS DEM NICHTS (2017) de Fatih Akin). Un agasallo de rol para calquera actriz con recursos para interiorizalo. De feito, o texto escrito por McDonagh entra con tódalas honras na categoría máxima do Novo Cinema Estadounidense que estou a notar dende hai uns cantos anos. Se o ano pasado por estas mesmas datas quedaramos abraiados pola sobresaliente HELL OR HIGH WATER (2016) de David Mackenzie, o mesmo sentimento temos durante e despois do visto no cinema. Traballadísimos personaxes cun desenrolo atípico, con redencións persoais ou motivacións máis sinistras do que inicialmente sospeitamos. Excelente a labor feita por Sarah Finn na selección do reparto -por inesperado, comparando outros traballos seus-. De nota alta o “hillbilly” que interpreta o sempre acertado Sam Rockwell (aínda lembro o seu comedido papel no 2009 na notable MOON de Duncan Jones), coma tamén sinalo a presenza de Woody Harrelson nunha das mellores interpretacións da súa carreira. Reparto en estado de graza, incluso no non sempre bo actor John Hawkes, Charlie, o ex de Mildred.

A pesar de rodarse no cálido mes de maio na Carolina do Norte, a produción de Inbal Weinberg recorda a xélida e inhóspita FROZEN RIVER (2008) da que tamén e autora. Non para aí a cousa, non. Se o filme ten un “toque Coen”, débese tamén a música que Carter Burwell -TRUE GIFT (2010) , FARGO (1996)- compón para a ocasión, coma na boa fotografía de Ben Davis, acostumado a outro tipo de producións máis afastadas dos parámetros indies, e que recoñezo sorprendeume positivamente.

En resumo, unha das grandes películas do 2018, que seguro gozades e que imaxino que levará unha boa colleita de premios da Academia das Artes  e das Ciencias Cinematográficas. Imos,  os Oscar de toda a vida…

O seguinte filme é a pixeriana COCO (2017) de Lee Unkrich, (especializado en codirixir filmes de animación, a ver cando lle deixan filmar unha a el só) e de Adrián Molina, que fai o seu debut coma realizador de longametraxes.

Acostumados a un nivel mínimo de sete sobre dez nas producións de Pixar, nos últimos anos vimos que perdían un pouco de folgos argumentais. John Lasseter nunca foi partidario de repetir as mesmas fórmulas argumentais con segundas e terceiras partes, pero a “segunda chegada” de DISNEY, propiciou unha deriva e baixada nas calidades das historias a contar.

Por sorte, COCO non é un deses filmes menores coma THE GOOD DINOSAUR (2015) ou MONSTERS UNIVERSITY (2013). De feito, a aportación de Molina no guión antóllase un achado e un logro para representar a cultura e a especial idiosincrasia do pobo mexicano sen caer nos tópicos máis burdos dos que usualmente fai gala o cinema estadounidense cando ten que tratar asuntos dos seus veciños do Sur.

O filme é un belísimo canto ao especial agarimo que teñen os mexicanos por manter a fermosa tradición de El Día de los Muertos e de coma abordan o tema da morte no tempo en vida. Curiosamente, hai poucos días ó cineasta Guillermo del Toro, cando gañou o seu Globo de Ouro coma mellor director pola notable THE SHAPE OF WATER (2017), preguntáronlle como era capaz de vivir ao redor de escuros monstros e seres fantásticos no seu día a día. A súa resposta foi: “because I´m Mexican”. Risas do auditorio. Logo especificou que para os mexicanos o tema da morte está moi presente coma algo inevitable e que por iso tratan de disfrutar tódolos días con alegría e paixón. Pois un moito destas verbas vense no COCO de Molina (e sí, tamén de Unkrich).

Non chega a máxima cualificación por que o desenrolo, non tanto da historia se non das personaxes, xa está vista con anterioridade. É unha fórmula que xa non sorprende (e de feito non a inventou Pixar, pero si que a perfeccionou a niveis de tope de gama), pero que sigue a funcionar correctamente. Non quero ser máis concreto por temor ós spoilers.

Afórrovos o desglose técnico, por que nunha produción de Pixar dáse por matrícula de honra, aínda que non me resisto a destacar o magnífico deseño de arte de Tim Evatt e do oscarizado Harley Jess no de produción. Pero onde abro a botella de champaña e no traballo de fotografía na luz de Daniell Femberg, absolutamente FOR-MI-DA-BLE e que xa deixárame coa boca aberta, coma un papalorchos, na treboada nocturna final de BUGS (1998). Esa luminosidade, vai resaltada pola superlativa banda sonora creada polo gran compositor Michael Giacchino, gañador do Oscar pola fermosa partitura de UP (2009), autor da delicada e sutil música de INSIDE OUT (2015) e da máis que digna B.S.O. de ROGUE ONE (2016).

Unha lectora preguntoume hai uns días se chorei co final de Coco. “Non, por que son un tipo moi duro” respostei. Pero o certo e que case o consigue. Levade panos.

Trocando de terzo, que dirían os amantes da sangue, o aceiro e os muxidos de dor, quérovos falar dun fan film de STAR WARS titulado SEMILLA OSCURA de David G. Pelta e Toni Prado. Hai moito máis respeto e cariño pola Saga das Sagas nesta curta de dez minutos que nas dúas últimas producións da Disney para a franquicia. Pero o motivo principal polo que estou a recomendar esta obra audiovisual e polo excepcionalmente ben aproveitado orzamento de 300 euros que custou facela. De levar as mans a testa. Abraiante.

E deixo para o final unha pequena xoia de menos de catro minutos, pero que ten tempo dabondo para contar unha historia completa dunha das grandes lacras que temos na nosa civilización e que segue a suspendernos coma sociedade evolucionada. A curta titulase LAURA e a dirixe Rafael Almena, segunda curta que filma e que presentouse o pasado 10 de xaneiro a concurso na decimo sexta edición do Jamesonnotodofilmfest.com. Moi recomendable. Seguiremos a este novo realizador e o seu equipo. Teñen boa pinta.

Vémonos nos cinemas.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies