Día mundial contra a minería a ceo aberto

0

Touro, 22 de xullo do 2020 – Hoxe celébrase o Día Mundial contra a Minería a Ceo Aberto e a Plataforma de Touro ven de emitir un comunicado para lembralo.

O obxectivo do  desta xornada é lembrar e advertir a toda a poboación do dano e a contaminación que a minería a ceo aberto provoca ao medio ambiente. Trátase dun negocio que só deixa un beneficio económico para uns poucos e unhas consecuencias fatais para todos, con danos irreparables para o entorno e a saúde.

A colectivo de Touro quere lembrar que se trata dun método industrial consistente en remover grandes cantidades de solo e empregar, para a separación do mineral, sustancias tóxicas como cianuro, mercurio ou ácido sulfúrico, xerando sobre o terreo explotado drenaxe aceda de minas, que derivará en contaminación dos ríos, mananciais e acuíferos ao seu paso pola explotación ata o mar. Trátase do proceso extractivo máis económico posible e tamén o máis prexudicial, tanto a curto como a longo prazo.

Día mundial contra a minería a ceo aberto

Vertido contaminante nun dos ríos de Touro

Ademais da drenaxe aceda, tamén son consecuencias ambientais destacables da minería a ceo aberto a contaminación do aire, os impactos sobre a flora e a fauna, cuxos hábitat se ven modificados, a alteración da paisaxe e os conflictos entre a comunidade local e a empresa mineira, entre outros danos.

Aínda que o día mundial contra a minería a ceo aberto se celebre de maneira especial nos países iberoamericanos, cada vez son máis as plataformas da Península Ibérica que realizan esta reivindicación pola situación na que se encontra o territorio. Nos últimos anos, as ameazas da minería a ceo aberto a este lado do Atlántico non deixaron de medrar, con proxectos que non só poñen en risco o medio ambiente, senón tamén o benestar e modos de vida da veciñanza, especialmente nas zonas rurais, xa de por sí agonizantes por mor do éxodo dos pobos ás grandes cidades.

Desde a Plataforma Veciñal Mina Touro – O Pino NON explican que no seu caso  “pese á emisión da Declaración de Impacto Ambiental (DIA) negativa o pasado mes de xaneiro, aínda estamos agardando o momento en que o departamento de minas da Xunta de Galicia emita a resolución definitiva do proxecto de explotación de cobre a ceo aberto que promove Cobre San Rafael. A estas alturas, un retraso debido á situación xerada pola pandemia do Coronavirus xa non sirve como xustificación para demorar tantos meses unha resolución que está clara a todas luces”.

Nos últimos días, o Tribunal Supremo ditou unha sentencia na que acorda non permitir a eliminación dos informes de avaliación de impacto sobre a Rede Natura 2000 para determinadas actividades. É dicir, que todos os proxectos que se pretendan levar a cabo en territorio declarado Rede Natura 2000 teñen que ter un control ambiental. O Proxecto de Touro afecta ao LIC Sistema Fluvial Ulla – Deza, que é unha Zona de Especial Protección da Rede Natura, e no pasado xa ten sufrido a pegada da antiga mina de Touro, como quedou demostrado no Proxecto Life + Margall Ulla.

As veciñas e veciños de Touro e O Pino aproveitan a data sinalada para lembrar que “non baixamos a garda ante a ameaza da minería a ceo aberto que aínda non abandonou os nosos municipios, nin ante os pasivos ambientais que existen no entorno derivados da antiga explotación e das actividades que actualmente se levan a cabo nese terreo”.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial