Reclaman que se amplíe o programa de Conciliación de Touro

0

Touro, 19 de xuño do 2020 – O concello de Touro ven de presentar o programa de conciliación Xullo Lúdico 2020 que ofrece menos servizos que o ano pasado o que provocou as críticas da oposición.

A Marea Veciñal de Touro explica que xa no mes de decembro reclamaron un eficiente servizo de conciliación. Unha petición máis urxente pola crise sanitaria do Covid19.

Recorte na oferta

O Xullo Lúdico desenvolvíase nos meses de xullo e agosto de 10.30 a 13.30, un horario xa de por si criticado por non facilitar a conciliación. Esta semana presentouse a edición 2020 que amplía o horario de 8 a 15 horas pero suprime o mes de agosto e permite un máximo de 15 nenos.

Para a Marea Veciñal “Resulta incomprensible que no momento no que a conciliación se fai máis necesaria que nunca o goberno de Codesido e da concelleira asalariada de Educación Adela Iglesias decida recortar (aínda máis) neste servizo e só estea en funcionamento no mes de Xullo, deixando ás familias sen alternativas para o mes de Agosto e comezos de Setembro (comezo do curso escolar)”.

O grupo político engade o exemplo de concellos limítrofes “En concellos como o de Oroso o programa de conciliación xa está en marcha neste mesmo mes de Xuño para paliar as carencias derivadas polo peche das escolas. No concello veciño de Arzúa optouse por unha aula de lecer educativa que oferta quendas dende a primeira quincena de Xuño até a primeira de Setembro. Tan só son dous exemplos que demostran que o noso goberno vai en dirección contraria ó resto, descoidando os servizos esenciais”.

As propostas

A Marea Veciñal ten previsto levar a pleno unha serie de propostas como duplicar o número de prazas (a 30); ampliación do programa até o inicio das actividades escolares; uso de diferentes espazos para dividir os cativos en grupos e a contratación aberta  dunha empresa especializada en servizos educativos e de ocio que conte con formación específica para actuar de acordo cos protocolos hixiénico-sanitarios previstos.

A Marea pide tamén que o goberno municipal non entre na selección do persoal en esa contratación e que se fixen criterios técnicos baseados na formación e nas aptitudes do persoal. Tamén reclaman que se cumpra a ratio monitor-alumnos/as e que se elimine a figura do voluntariado para substituír postos de emprego.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial