займ срочно

Touro, 1 de setembro do 2018 – O concello de Touro, e o veciño do Pino, viven inmersos nunha loita por un futuro limpo e sustentable. A ameaza foi suficientemente exposta e, aínda que a legalidade marca un proceso de comprobación inevitable, un pequeno percorrido pola zona afectada evidencia que non hai cobre que poida pagar as desfeitas pasadas para moito menos custear as futuras.

Cando un entra en Fonte Díaz, o único núcleo urbano de Touro, deixa á dereita unha meseta elevada ideal para contemplar o ceo nocturno. É parte dun futuro polígono que nunca chega. Esa meseta acolle no subsolo os cascallos sacados para a construción do barrio de Fontiñas pero tamén restos da antiga mina. Case enfronte teriamos un  idílico paseo á beira dun regato se non fóra polo cor da auga, unha advertencia de que as aparencias aquí adoitan enganar.

Detrás do que foi Dona Dana, referencia entre as salas de festas de finais dos 80, construíuse a nova gardería e o centro da terceira idade. Ambos os dous edificios están nun lateral desa meseta sobre terreos igualmente contaminados, as abundantes denuncias non serviron de moito. Outra aparencia de normalidade que nunca o foi.

Pero estes exemplos son tan só unha parte. Granxas de vacas con 900 cabezas, casas de turismo rural, muíños en activo, a propia Ruta dos Holandeses vinculada ao Camiño de Santiago, todo veríase afectado co proxecto mineiro.  Lindeiros quixo coñecer algo máis que os datos e os terreos e visitamos a dúas persoas que por distintas circunstancias saben ben do que falan cando advirten dos perigos da mina.

José  Morentín, volvendo empezar

José Morentín é navarro, así o coñecen os veciños polo alcume de “el navarro” , pero a súa vida profesional desenvolveuna en Bilbao. Foi así ata que. buscando un lugar máis san que ao pé das  acerías,  veu a Galicia hai case 50 anos. Agora, xubilado e feliz como lle gusta dicir, vese de novo loitando contra a contaminación. El mesmo comézanos a contar a súa historia e como chega a bisbarra a principios dos 70

O destino é así de estraño e, en certo xeito, nos últimos tempos puxo a José na mesma situación que o trouxo aquí. El adoita dicir que ten dobre motivo para opoñerse á mina

José Morentín

O peche da antiga mina supuxo un alivio para todo o mundo, os efectos das explosións deixábanse notar nos cimentos das casas e agora, xa restauradas, a ameaza repítese

A xente da zona coñece mellor que ninguén os danos ao medio ambiente. O curioso é que tamén coñecen de primeira man as contradicións da administración. José conta unha anécdota moi  aleccionadora

Como a historia de José  Morentín hai moitas, cada unha das persoas que se opón á mina ten sobradas razóns para facelo. Desde o primeiro momento mantiveron unha neutralidade política porque non necesitan argumentos externos, chéganlles cos seus. Os enfrontamentos co equipo de goberno do alcalde Ignacio Codesido chegaron máis pola non colaboración, de quen se supón que está ao servizo dos veciños, e polo desprezo que por intereses doutro tipo.

José Manuel Rilo  Munín, o pasado que volve

Pódese discutir pros e  contras da mina con José Rilo pero un perderá. Sabe do que fala porque non só traballo na antiga mina se non que se formou e ascendeu aos poucos pasando por distintos postos. Sorrí con tristeza cando escoita algunhas das cousas que se din sobre o proxecto. Atopámolo na súa casa, gozando do verán e esperando que volvan os netos aos que espera deixar un medio ambiente libre de ameazas.

José traballou 15 anos na mina, os mesmos que se mantivo aberta. Naquela época contratouse xente do campo e formouse, os que non pasaron esa etapa quedaron fóra. José estivo en perforacións chegando a ser de primeira categoría, só 3 dos 300 chegaron a ostentar ese nivel laboral.

José ten claro que non se pode esnaquizar o medio ambiente, a terra na que se vive. Coñece ademais a profundidade á que segue habendo cobre: 1.300 metros, chegar a esa veta supón abrir galerías desde moitos quilómetros

José Manuel Rilo

Por outra banda lembra que as últimas análises daban tantos por cento de cobre de 0,25 o que supón un esforzo enorme para extracción dun material que, mesmo coas novas tecnoloxías, terá que ser moi traballado. Todo para que 20 anos despois as presas sigan  vertendo líquido aos ríos

Falando co antigo mineiro aparece un argumento sobre o emprego co que probablemente ninguén conte. José ten claro que hoxe non volvería traballar na mina polo risco para a saúde. Tamén é consciente de que, a diferenza con aquela época e sendo traballos cualificados, se nos 70 había que formar á xente xa que non existían especialistas hoxe a maioría de postos serían ocupados por licenciados chegados doutras partes

Un podería estar moito tempo falando con José xa que coñece a historia da mina como ninguén porque a viviu en primeira persoa e, aínda que recoñece que era un traballo que lle gustaba, sabe os prexuízos que supón para a saúde das persoas e o medio ambiente.

E agora que?

A franxa de vivendas do fondo é o núcleo de Pedrouzos, xa no concello de O Pino, ata alí, desde o lugar onde está tomada a foto. chegarían os terreos afectados polo proxecto o que da unha idea das dimesions que ten

A decisión sobre o proxecto non está tomada pero o máis curioso de todo este conflito e que a etapa anterior non se resolveu. Os problemas derivados da antiga mina non foron solucionados, a restauración do territorio non se fixo, e con todo os propietarios presentan un proxecto que di a berros “xa sabemos que todo está contaminado por iso un pouco máis non importa”. Cando un escoita aos veciños dáse conta da impotencia que senten,  o esforzo que fan para crer que é posible parar o proxecto porque todo o seu redor di o contrario.

Rematou o verán, unha época na que as administracións aproveitan as veces para aprobar medidas que poden xerar unha forte oposición. Pode que sexa unha batalla ganada, o tempo o dirá e en Lindeiros contarémolo.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies