займ срочно

Transformado en Brión, un coworking agrogandeiro

0

Brión, 2 de marzo do 2018 – O futuro do Centro Comercial Monte Balado pasa polo proxecto Transformado Brión, un coworking que se centrará no sector agrogandeiro e que foi presentando no día de onte.

Transformando en Brión pon a vista nas comarcas de Compostela e Barbanza. Instalarase no Centro Comercial Monte Balado que lle dará valor a un espazo infrautilizado nos últimos anos. Fomentará a agricultura ecolóxica e, ao tempo, permitirá un proxecto paralelo, en este caso de iniciativa privada, que incluirá un Centro de día e unha residencia de maiores.

O alcalde de Brión, José Luís García, Encarnación Branco, como representante da promotora de Monte Balado, e Dolores Reboiras, presidenta da comunidade de propietarios, foron os asinantes do convenio.

Residencia e centro de día

A empresa promotora do Centro Comercial de Monte Balado é a impulsora dunha residencia de persoas maiores con 114 prazas e un centro de día, con entre 40 e 50 prazas. No centro de día, todas as persoas residentes en Brión terán un desconto mínimo do 15%. Ademais, tanto a residencia coma o centro de día contarán cunha serie de prazas (concretamente 2 prazas na residencia e 5 prazas no centro de día) que o Concello de Brión poderá xestionar dende o seu Departamento de Servizos Sociais.

“Unhas prazas que estarán destinadas a persoas en situación de risco e con escasos recursos, nas que se aplicará un importante desconto sobre o prezo xeral: 30%. E a todo isto engádese ademais o compromiso de que cando menos o 50% dos traballadores serán contratados entre persoas residentes no termo municipal de Brión”, explicou José Luís García.

Transformando en Brión

A cesión de espazos en Monte Balado ao Concello de Brión supón que o municipio disporá gratuitamente e durante 50 anos dun local de 200 m2 para a promoción do traballo colaborativo, que estará destinado ao fomento da agricultura ecolóxica e no que porá en marcha un proxecto pioneiro en Galicia, e mesmo en España, denominado “Transformando en Brión”. Un espazo de traballo colaborativo que terá un orzamento superior aos 200.000 euros, achegados na súa maioría pola Deputación da Coruña, e que, segundo as previsións do presidente provincial Valentín González Formoso, podería estar en obras este mesmo verán.

Este espazo estará dividido en tres seccións:

– unha zona de obradoiro, con dúas liñas de traballo para que poidan estar traballando dúas persoas ao mesmo tempo

– unha zona de exposición e venda

– e unha zona de formación, para o desenvolvemento de actividades, cursos, etc. Ademais, contará cun almacén e unha zona de servizos

García explica que “co apoio da Deputación da Coruña, a través do Plan de Emprego Local, o Concello de Brión porá en marcha un espazo supramunicipal que dará cobertura ás pequenas explotacións agrogandeiras da comarca e porá a súa disposición ferramentas para a produción, valorización, promoción e comercialización dos seus produtos. Unhas ferramentas que non son asumibles de xeito individual polas pequenas explotacións da nosa comarca”.

Transformando Brión facilitará a produción e comercialización asociativa de alimentos frescos e transformados, tanto animais como vexetais; ademais de por en valor a calidade e diversidade das producións locais, cada vez máis demandada por unha sociedade que consume máis san e de xeito máis responsable.

Actuacións

“Este proxecto pretende converter as instalacións cedidas nun espazo xerador de oportunidades no rural, aproveitando as fortalezas da produción tradicional para o crecemento socioeconómico comarcal e como exemplo de economía circular”, indicou José Luís García. Nel contémplanse diversas actuacións como:

– dotación de equipamentos

– captación de novos produtores e produtoras

– formación para a produción, transformación e comercialización

– formación a entidades de consumo

– acompañamento técnico e económico a pequenos promotores agrogandeiros

– seguimento e control de produtos e procesos

– accións de promoción, manipulación, transformación e promoción de alimentos para a súa venda.

Esta iniciativa servirá para que profesionais do sector agrogandeiro, persoas autónomas, emprendedoras e empresarios compartan o mesmo espazo físico para traballar nos seus propios proxectos e facilitar o intercambio de ideas, proxectos e coñecementos. “Con este novo enfoque de traballo aplicado ao sector agrogandeiro, queremos fomentar a innovación, a participación, a colaboración e a transferencia de coñecementos e experiencias dentro do propio sector, así como facilitar o desenvolvemento de novas iniciativas en Brión, na comarca e na nosa contorna”, apuntou García.

Este espazo de traballo colaborativo do Concello de Brión pasará a integrarse na Rede provincial de Espazos de Traballo da Deputación da Coruña, creada no seo do Plan de Emprego Local para impulsar o emprego de calidade nos concellos coruñeses e dinamizar o tecido socioeconómico local.

Rede provincial de espazos de traballo especializados

Pola súa banda, Valentín González Formoso enmarcou o proxecto nas liñas estratéxicas do Plan de Emprego Local (PEL) da Deputación, dotado con 30 millóns de euros para o período 2016-2019.  “Pretendemos crear unha rede provincial de espazos de traballo especializados”, explicou o presidente provincial e afirmou que se trataría “dun proxecto pioneiro a nivel nacional”, que “por primeira vez aposta por crear viveiros sectoriais de empresas” en diversos emprazamentos da provincia, que contribúan a fomentar as sinerxías e a transferencia de coñecemento en eidos coma o audiovisual, o sector pesqueiro e marisqueiro, o desenvolvemento sustentable ou o turismo, agrupando ás iniciativas empresariais e emprendedoras da comarca segundo o sector da súa actividade.

A área de Promoción Económica emprende en Brión un proxecto “que nace de arriba abaixo”, pois intenta dar resposta ás demandas do propio tecido asociativo e empresarial da zona, que trasladaron á Deputación a necesidade dun espazo destas características para transformar e comercializar os produtos coas mellores condicións de calidade e seguridade.

“Apoiar ao tecido empresarial da provincia, aos proxectos emprendedores que nacen é a responsabilidade e nosa obriga”, afirmou González Formoso, que defendeu o notable incremento do investimento e a actividade da institución provincial no eido do fomento do emprego “porque as institucións temos que estar onde lle preocupa á xente”.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies