Tres estreas e unha serie da man do noso Mandingo

0

Coma un bazar turco, hoxe a grela de estreas vai ben variada de curiosas producións que agardamos colmen as expectativas sempre altas dos lectores de Mandingo.  Tres filmes e unha serie para gozar nesta ponte de festivos para algúns e de traballo a reo para outros. Imos aló.

O sempre interesante cinema arxentino (de longo o de mellor distribución no Estado de tódolos países do centro-sur americanos) chega co filme MI OBRA MAESTRA de Gastón Duprat, que lembramos pola curiosa comedia amarga EL CIUDADANO ILUSTRE (2016). Nesta ocasión, Duprat que xunto o seu irmán Andrés asinan coma xa é habitual na súa filmografía tamén o guión, conta a historia do pintor Renzo; outrora xenial artista de pretérito recoñecemento nos Oitenta que agora arrastra o súa malhumorada figura para desgraza do seu representante Arturo, home de incalculable paciencia e ben interpretado polo actor Guillermo Francella, o Pablo Sandoval no grande éxito EL SECRETO DE SUS OJOS (2009) de Campanella.

Renzo, interpretado cunha certa economía de medios polo veterano Luis Brandoni, ácrata quixotesco posto coa Humanidade, ten unha situación económica e social terminal. Aínda que o principio sorrimos cómplices pola teima que ten de ir contra e vento e marea fronte aos postulados da Sociedade ben pensante, de seguida empezamos a mal engurrar o cejo ante a faciana de cemento armado do protagonista. De feito, un logro do filme é ir descubrindo pouco a pouco a intrahistoria persoal do artista e o seu representante. Non entendemos como Arturo non manda a fritir espárragos ó crápula de brocha fina, ata que despois dun suceso inesperado, as pezas van encaixando con solvencia.

Ten o cinema arxentino certa habilidade para contar historias humanas cunha carga de denuncia disimulada nesas comedias de tons amables, cunhas pingas amargas de traxedia que son de moi boa aceptación no seu mercado doméstico e nas pantallas de terceiros países. De feito cada vez que asoman filmes de fala hispana do Novo Continente venme a memoria a oportunidade perdida, tempo atrás, de facer unha alianza audiovisual de tódolos países iberoamericanos para poder intercambiar os seus talentos e poder competir de ti a ti co mercado de fala inglesa. É unha opción que de prosperar só podería traer excelentes réditos para as industrias do audiovisual, tanto no apartado da técnica como da artística. E non  falamos xa, do pracer de saborear os talentos interpretativos dos países irmáns. Ogallá que algún día pódase facer realidade.

Aquí téntao o produtor Jaume Roures, home controvertido dentro do sector, que recolle a testemuña de proxección internacional do galego Julio Fernández, pioneiro “daquela maneira” a hora de ofertar producións nacionais cara o mercado foráneo; coma xa fixeran anos atrás os Paul Naschy, Amando de Ossorio, Jesús Franco ou moito tempo antes o xenial Edgar Neville. Roures co-produce xunto ao arxentino Mariano Cohn unha película ben feita, de sinxela factura que ten na súa crítica ao mercantilismo baleiro nas Artes o mellor reclamo para gozar do filme. Recomendámolo coma pasatempo menor, de pouca esixencia emocional pero de trago fácil e dixestión branda. Pódese ver. Non teredes a sensación de ter perda do voso diñeiro nin do voso tempo.

Subimos as calidades na técnica para falar da segunda parte do anti-heroe Ralph, personaxe de videoxogo creado por Rich Moore, que sorprendeu no 2012 co filme WRECK-IT RALPH, moi divertida e orixinal historia de princesa e ogro que rematan por ser uña e carne e que sorprendeu a crítica e público converténdose nun dos “sleeper” dese ano.

Para esta ocasión, Moore co aval que deulle o ano pasado recoller ó Oscar polo filme ZOOTOPIA, suma máis medios e orzamentos para continuar coa historia de Vanellope (magnífica o talento na voz da actriz Sarah Silverman) e o demoledor Ralph (John C. Reilly, coma neno grande con consola nova). Na liña narrativa, pasaron seis anos e agora os nosos protagonistas entran no mundo virtual de redes sociais e xogos “on line”, coa experiencia propia duns proxenitores inexpertos. Non puiden evitar sorrir cunha certa maldade cando penso que o filme é de obrigada visión para eses pais (coido ca inmensa maioría) que van coma polbos polos garaxes ante todo o que refírese aos xogos de última xeración. Dende aquí fago un chamamento aos cativos composteláns. Nenos, collede a papá e a mamá e levádeos ao cinema máis próximo a ver se actualizan a súa base de datos no ocio actual, neste tutorial de inicio para adultos.

Para ben ou para mal, os tempos mudan e semella case imparable que o mundo dixital de descargas e xogos na rede está no seu apoxeo (e sospeito que aínda non tocou teito). Non sei se acabaremos todos enganchados nunha rede global coma o visto no READY PLAYER ONE (2018) de Spielberg, pero RALPH BREAKS THE INTERNET ofrece moitas máis lecturas que a sinxela historia de bos e malos, ao marxe dos numerosos e fermosos chiscadelas que fan de tantos e tantos iconas da cultura pop estadounidense.

Coma non podo aturar o meu lado máis “nerd”, velaí van dous exemplos que non resisto a contar. A broma coa saga de STAR WARS (a pesares da censura curiosa ca Disney fixo no guión orixinal no que Vanellope chámalle a Kylo Ren “neno malcriado”) e a desternillante reunión das princesas Disney coa protagonista e coa princesa Merida a que non se lle entende nada do que di por aquelo de “vir doutro estudo”. Do mellor deste desigual e por intres aburrido filme.

Aburrido polo escaso ritmo na súa parte final e polo previsible epílogo (de feito, non sorprende e remata cunha certa autocomplaciencia edulcorada no exceso). Se o conto desta maneira é por que tiña moitas esperanzas nesta produción que na súa técnica nada ten que envexar a ningunha produción do xénero, pero é na historia onde vexo a anemia monocorde coma nota pedal. Non salva as homenaxes a filmes míticos coma KING KONG (1933), TRON (1982) LA LA LAND (2016) ou cameos nostálxicos nas figuras de Stan Lee, Michael “Billie Jean” Jackson, ou na obra de Velázquez LAS HILANDERAS. Todo iso está moi ben, sí. Coma a denuncia que fai do drama dos refuxiados nos protagonistas dun videoxogo chamado a desaparecer e que non teñen un lugar de estancia. ¿Cara onde ir, se ninguén quere acubillalos?. Boas intencións, pero a historia principal reséntese na comparativa co filme orixinal.

Insisto, película que gozaredes cun final que repunta a nota que leva o filme, pero que tiña o anhelo persoal de cotas maiores. Pero coma sempre nestes casos, o mellor é ir ao cine e sacar vos as conclusións de seguro máis atinadas. No filme Ralph ten que escoitar un sabio consello ante a vórtice inmisericorde dos haters ante o que é ou non tendencia. “A primeira regra de internet é, nunca leas os comentarios da xente”. Home, non digo que non me leades; pero non me fagades moito caso, non vaia ser que teña a tentación de converterme no voso futuro líder, alzala miña VOX cara ó Sol e autoproclamarme Lord Chanceler da República do Quinto Pino.

E xa que falamos de impulsos ditatoriais que mellor intre para falar do filme LA NOCHE DE 12 AÑOS (2018) escrita e dirixida polo cineasta uruguayo Álvaro Brechner. Contundente pesadelo do cautiverio que José Mujica, Mauricio Rosencof e Eleuterio Fernández tiveron que sufrir durante 4.323 días e noites e que a piques estiveron de deixalos esnaquizados nos seus corpos e sobre todo, nas súas ánimas.

Durante moitas décadas do pasado século, a maioría dos países americanos foron sometidos as operacións de contra-intelixencia da CIA, temerosa de que no patio traseiro do seu fogar xurdiran gobernos próximos a influencia soviética. A “Compañía” non dubidou de desestabilizar réximes, torpedear economías, subvencionar milicias armadas e secuestrar, torturar e asasinar a todos aqueles sospeitosos de liderar revoltas populares ou guerras civís. Cunha Cuba castrista chegaba dabondo.

Uruguay, non foi unha excepción.

Tralo Golpe de Estado de 1973, as principais figuras de “sediciosos e traidores á Patria” foron apresados baixo unhas condicións inhumanas. No filme, o médico castrense ante o recoñecemento que fai aos presos di que “é máis humano que os fusilen” tal é a malleira física nos que os atopa. Iso é nos primeiros anos. A decadencia psicolóxica, privados de comunicación e de luz solar, foi posterior.

Brechner brinda un filme duro, sen caer na gratuidade da violencia explícita, de montaxe crúa apoiada dunha arriscada B.S.O. asonante coma responsable duns diálogos case inexistentes na primeira parte da metraxe. Son dúas horas de resumo dos doce anos nos que Mujica e os seus camaradas tiveron que sufrir nunhas condicións inaceptables e indignas para a condición humana.

Afórrovos a dor que produce nos corazóns ver do que o Home é capaz de facer ó seu conxénere. Sempre tiven unha especial admiración polas persoas que despois de aturar castigos infinitos son capaces de reiniciar as súas vidas dende a reconciliación e o amor ao próximo. Mandela ou Mujica son dous destes seres excepcionais, que a vida deulles a oportunidade de liderar os seus países e tiveron a amplitude de miras suficiente para ir máis alá do presente inmediato; de non buscar réditos e beneficios a curto prazo e no seu exclusivo beneficio. É certo que o Home é a peor besta xurdida do Inferno, pero tamén pode ser o Anxo Protector da Humanidade.

O filme representará a Uruguay na candidatura ó nomeamento coma Mellor Filme Estranxeiro nos vindeiros Oscar, e xa dígovos que é unha película total e absolutamente imprescindible na vosa axenda deste fin de semana. Filme, dunha sobria elegancia, excepcionalmente interpretado polo trío protagonista (Tort, Darín e o noso De Niro patrio ó descomunal Antonio de la Torre), no que Brechner ten atino para meter raios de poética esperanza na mellor tradición dun Terrence Malick ou de alixeirar a carga dramática con secuencias onde ris pola incompetencia castrense (esas duchas onde o preso non pode facelas súas necesidades).

O propio Mujica asistiu a estrea e non puido aguantalas bágoas ante o emotivo epílogo. Lóxico. LA NOCHE DE 12 AÑOS chegou para quedarse para sempre no Olimpo dos filmes de denuncia histórica coma a desgarradora MISSING (1982) ou a excepcional LA HISTORIA OFICIAL (1985).

E para rematar, unha breve recomendación que de seguro fará botar máis dun sorriso para todos aqueles que gocen da serie noruega VIKINGANE (2017- ). Grande éxito no país escandinavo (máis dun 20% da poboación total segue esta produción) e que tivo amplo recoñecemento internacional (The New York Times elixiuna coma unha das dez mellores series internacionais do 2017 e The Guardian deulle o posto 29).

Ambientada con moito acerto no 790 -logradísimo deseño na produción de Tom Joelson, DEAD SNOW (2009)-, a serie contas as venturas dun poboado de viquingos e as súas correrías violentas, pero con argumentacións e lamentos propios da actualidade. Mestura o surrealismo propio dos Monty Python, cos xogos de Poder e traizóns do GAME OF THRONES, o delirio nos discursos do Xefe “volveremos facer unha nación grande de novo” e os brincos argumentais que van da comedia máis absurda ao drama menos previsible.

Para tódolos aqueles que gozaran da serie LILYHAMMER (2012-14), descubriran a moitos daqueles actores nesta ¿traxicomedia? tola, tremendamente peculiar de dúas tempadas (12 capítulos de 30 minutos cada un), na que recoñezo que moito non rin, pero que aplaudo pola orixinal mestura de xéneros, estilos e bizarradas varias.

Dádelle unha oportunidade a esta serie que non ten medo nin vergoña a tocar calquera asunto por moi escabroso que poida semellar. Aínda agora, despois de vela dun tirón non sei moi ben coma clasificala. Mellor déixovos a vos esa labor.

Máis nada por hoxe. Xa me contarades coma vai todo noutro lado da pantalla, no mundo real. Lembrade que Skynet é ficción, coma min; pero ollo aos Salvadores da Patria, que eses son os perigosos de verdade.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial