займ срочно

Un dos proxectos aprobados nos orzamentos participativos analizaran o papel dos medios de comunicación en Compostela

0

Compostela, 26 de outubro do 2018 – A concelleira de Mocidade, Noa Morales, deu conta dunha nova actividade dos orzamentos participativos do ano pasado que leva por nome Círculos de lectura. Unha crítica social dos medios de comunicación. Na rolda estivo acompañada de dous dos propoñentes, Jacobo Pérez e Luis Ogando.

O proxecto ten previsto desenvolverse ata o 23 de novembro en diversos espazos da cidade, así como na web e nas redes sociais, e está destinado á mocidade compostelá. A execución deste proxecto correrá a cargo do grupo de investigación da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Cidadanía e Comunicación (CIDACOM), cunha ampla experiencia na análise de contidos mediáticos e no estudo e fomento da participación da cidadanía no eido da comunicación. Así mesmo, CIDACOM contará coa colaboración da asociación Acción en Común para o Diálogo Social (ACCOM), que ten por obxectivo potenciar as ferramentas comunicativas da cidadanía e afrontar os problemas sociais dende o diálogo.

Círculos de lectura é unha experiencia que parte da observación de que os medios de comunicación, a través dos seus contidos, estigmatizan, marxinan e criminalizan a individuos e colectivos da cidade e do rural (mulleres, migrantes, persoas con diversidade funcional, mozos/as…), sen ter en conta moitas veces os seus dereitos, instalando prexuízos nas comunidades e graves diferenzas nas relacións e na convivencia que se desenvolven na cidade.

A mocidade compostelá, un dos grupos vulnerables, convértese nesta experiencia nun axente fundamental que, dende a comprensión da vulnerabilidade doutros colectivos da cidade e do rural, articula un diálogo participativo xunto con eles, partindo da lectura crítica dos contidos mediáticos. O propósito é activar novas interpretacións que equilibren as realidades que constrúen os medios, creando axendas e accións que procuren estratexias de acceso aos mesmos, réplica, negociación e creación de relatos, prácticas de comunicación e/ou medios colectivos e propios máis xustos. Co concurso das organizacións que loitan dende a proximidade, asumindo os problemas e necesidades destes colectivos, os/as mozos/as aprenderán a facer emerxer as experiencias de vulnerabilidade, as carencias e o desexo de ser e de existir no territorio.

Dispositivo

Créase un observatorio de comunicación cidadá, cuxa expresión máis importante é a web circulosdelecturasdc.com. A través da mesma difundiranse contidos, cruzaranse actividades e interpretacións dos colectivos vulnerables, exemplificaranse os procesos mediáticos inapropiados e non axustados á realidade e visibilizaranse as fontes.

O dispositivo funciona a partir da creación de círculos de lectura, que atenden a diferentes temáticas ao redor de sectores afectados polas estratexias e normas de mediatización hexemónica dos medios de comunicación de masas. Prodúcense así debates dentro dos propios círculos respecto de contidos dos medios e das experiencias comúns dos participantes ao redor de cinco temas: mobilidade, representación da cidade, muller, pobreza e universidade.

Os cinco círculos de lectura estarán conformados por entre 3 e 6 persoas. Así mesmo, intervirá en cada un dos círculos un grupo de mozos e mozas que aportarán material de análise, axudarán a levar a cabo a lectura e, posteriormente, difundirán na web e nas redes sociais do proxecto os debates e interpretacións xerados e as axendas e actividades emprendidas, no marco da análise e da acción visibilizadora. A orientación das publicacións comprenderá tanto o texto escrito, como o vídeo e os podcasts.

Funcionamento

Cada un dos círculos reunirase tres veces e, froito de ditas reunións, xerarase contido que ilustre os debates, reflexións e propostas que xurdan en torno aos contidos mediáticos e a partir das propias experiencias e coñecementos dos participantes.

Ademais, en cada un dos círculos xerminará unha acción comunicativa que busque combater os problemas detectados en cada un dos ámbitos temáticos. Dita acción será proposta de forma conxunta polas persoas que participan nos círculos e a mocidade que os xestiona. E o seu obxectivo será visibilizar os problemas no espazo público urbano, facendo partícipe a toda a cidadanía compostelá desta experiencia. Finalmente, levarase a cabo un proceso de retribución no que os e as participantes analizarán o traballo levado a cabo pola mocidade, así como a valía da experiencia.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies