Unha Cabalgata de Reis inspirada en Lewis Carroll

0

Compostela, 27 de decembro do 2018 – A Cabalgata de Reis de Compostela busca un ano máis ser un evento especial e inspírase no País das Marabillas creado por Lewis Carroll no conto de Alicia.

Serán seis carrozas e 450 figurantes. Participarán 25 conxuntos de artistas e farano baixo o lema “A viaxe das marabillas”. A Cabalgata de Reis foi presentada polos concelleiros Branca Novoneyra e Xan Duro, incidindo en que o desfile continúa “coa aposta pola participación cidadá que se ven mantendo nos últimos anos”.

“A viaxe das marabillas” ambientarase coas persoaxes de Carroll: Alicia, o sombreireiro tolo, a raíña de corazóns, o coello… Eles ocuparán unha das seis carrozas do desfile, e as outras cinco estarán reservadas para os tres Reis Magos, o carteiro real e as carboeiras.

Branca Novoneyra explicou que “Melchor, Gaspar e Baltasar irán acompañados de personaxes imprescindibles no desfile, como as estrelas luminosas, os paxes reais, os trasgos diminutos e outros novos como as carboeiras patinadoras, os acróbatas ou os zancudos”. A concelleira de Acción Cultural salientou que “na Cabalgata participarán 25 agrupacións artísticas con espectáculos de diferentes temáticas, algúns deles deseñados para a ocasión”. Entre as agrupacións estarán escolas de danza como Mandala e Cancunquinqué, a Agrupación Ultreia, a Compañía Teatro Pavana ou a compañía Bambolea. Xunto a elas, do desfile formarán parte 16 persoas voluntarias, que se inscribiron no proceso aberto hai unhas semanas para formar parte dos combos, viaxar nos trens turísticos, ou exercer de paxes reais.

Os Reis Magos chegarán á estación do ferrocarril ás 17:25 h, e está previsto que dúas horas máis tarde, ás 19:30 h, cheguen á praza do Obradoiro, onde serán recibidos polo alcalde e polos membros da Corporación municipal. Despois, Melchor, Gaspar e Baltasar atenderán as peticións das nenas e nenos no Salón Nobre do Pazo de Raxoi. Para amenizar a espera no Obradoiro, e como se vén facendo nos últimos anos, haberá un espectáculo de música, danza e acrobacias aéreas, con Pablo Méndez. Durante o seu percorrido polas rúas de Compostela, os Reis Magos repartirán 2.000 quilos de caramelos sen glute.

Imaxe de arquivo

Percorrido e seguridade

O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia explicou que o percorrido da Cabalgata será o habitual nos últimos anos: saída dende a estación do ferrocarril e desfile polas rúas Santiago de Chile, Frei Rosendo Salvado, praza Roxa, República do Salvador, Hórreo, praza de Galicia, Porta Faxeira, rúa do Vilar, Xelmírez e praza do Obradoiro, a onde está prevista a chegada ás 19:30 horas.

Xan Duro incidiu en que o desfile obrigará ás habituais restricións no tráfico e no estacionamento. Así, a partir das 14:00 horas do 5 de xaneiro quedará prohibido o estacionamento na explanada da estación de ferrocarril e, a partir das 15:00 horas, nas rúas Santiago de Chile (tramo comprendido entre A Rosa e Frei Rosendo Salvado), Frei Rosendo Salvado (tramo entre Santiago de Chile e praza Roxa), República do Salvador e Hórreo (tramo que vai dende República do Salvador ata a praza de Galicia).

O edil explicou que, por segundo ano consecutivo, o Concello pon en marcha a campaña “Por unha cabalgata segura”, iniciada o ano pasado para erradicar o uso de sprays de neve e serpentinas “que comprometen a seguridade do desfile porque limitan a visibilidade dos condutores dos vehículos que participan na Cabalgata, fan o chan esvaradío, e causan moitas molestias aos artistas que forman parte do espectáculo”. Xan Duro apuntou que o ano pasado “notouse moito o descenso no uso destes elementos, e confiamos en que a veciñanza volva actuar dun xeito responsable este ano”.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial