Tal e coma adiantáramos na pasada crítica, hoxe temos un alude de estreas que por variedade sospeitamos que abarcará o grande espectro de lectores que, con orgullo e satisfacción, temos gala de alardear cos nosos colegas do Post e mais do Times (o de Nova Iorque, os ingleses van medio moscas polos comentarios que dixen da BREXIT de Toby Haynes).

Coma primeira das estreas propostas a modo de petiscos lixeiros de fácil degustación, a homenaxe sentida (aínda que non moi lograda dende o punto de vista estritamente cinematográfico) que fai Greg Pritikin a ese cómico moi valorado no seu pais chamado Chevy Chase. Actor moi xustiño nas calidades interpretativas pero que foi testemuña directa da xeración de xenios que inundaron as cabeceiras dos mellores programas de humor irreverente da televisión estadounidense, dos magazines satíricos e de algunhas das mellores comedias gozadas na grande pantalla.

THE LAST LAUGH (2019) tenta narrar a volta os escenarios do vello representante Al Hart, canso de ver coma súa neta tenta “polo seu ben” metelo nunha residencia de luxo para anciáns. Alí coincide co outrora grande esperanza dos “stand-up” Buddy Green (un pracer ver novamente o magnífico Richard Dreyfuss), antigo cómico que representara vai xa máis de catro décadas atrás. Coma non resígnanse a irse momificando no resort xeriátrico, fan un “Thelma & Louise” e percorren salas de actuacións de estradas secundarias ata chegar o Shangri-La soñado; o Ed Sullivan Theatre de Nova Iorque.

Iso sería o idílico nesta comedia que pode ter tinturas agridoces, pero que non pretende conmocionar ao espectador, tal e a pouca ambición narrativa da trama escrita polo propio director e que ao final dos créditos ten a ousadía de dedicar agradecementos a Paul Mazursky, coma se entre iguais van de talento.

Non quero desanimar aos que queiran botar unha ollada ó filme, por que certamente vese sen dificultade e algunha risa ides botar, pero semella máis unha xuntanza da fin de semana de vellas glorias para reverdecer vellos loureiros que outra cousa. Insisto, pódese ver para os mitómanos que queren lembrar aqueles formidables Setenta e principios dos Oitenta, pero non vai moito máis alá. O que si recoñezo é a formidable presencia da actriz Andie MacDowell, que cega coma na romántica GREEN CARD (1990) de Peter Weir.

Podedes optar por vela incluso antes ca seguinte película a falar, que non é outra ca enésima trapallada da Rowling. Vese co filón de pirita da franquía Harry Potter aínda ten siareiros e aínda que moitas querenzas non esperta en min, alí fun ao cinema para sufrir a segunda parte das bestas fantásticas xurdida da plaxística imaxinación da escritora inglesa. Coa sub-lenda de THE CRIMES OF GRINDELWALD, o cineasta David Yates, culpable de moitas das longametraxes dos aprendices de magos da Escola de Hogwarts tenta levar a ningures o guión da propia J.K.

Coma non quero atormentarvos moito sobre esta perda de tempo, dicirvos que estrean malo para as vindeiras continuacións (tres filmes máis que chegarán ata 2024, se o Box-Office non di o contrario). O grande actor Johnny Depp apúntase ó carro do Manolo e por unha morea de cartos da unha lección de dicción a tódolos raparigos que xogan a ser actores de cinema. É o mais salvable do filme (a súa interpretación, non o seu personaxe) e tan pouco prendemos foguetes de entusiasmo.

Estirando a goma de mascar do Universo copiado da autora Ursula K. Le Guin, a Rowling segue a dar gato por lebre, levando situacións mal desenroladas, sen epílogos mínimos e repetindo esa apatía nos CGI que xa padecéramos nas anteriores películas do Potter. Nada que non aburríranos doutras veces, so que para a ocasión, non vou darlle máis oportunidades. Non perdo segundos de máis e directamente dígovos que so para o fandom hardcore ten un pase.

A fórmula repetitiva esgotouse cando Cuarón demostrou que pódese facer un filme atractivo, pero para iso hai que sumar talentos e vontades que adiviñamos unicamente no traballo de Martin Foley na arte (responsable de moito merecemento no HUGO (2011) de Scorsese) ou na labor nos decorados de Anna Pinnock ou no vestiario de Colleen Atwood, dúas das mellores no seu. E pouco máis. Nin sequera James Newton Howard asina unha música digna, pero ¿cando foi a derradeira vez co compositor fixo algo memorable?.

Pasamos páxina que outros filmes si que paga a pena falar deles.

E coma prato forte da semana, a moi agardada VICE (2018) de Adam McKay, que moitos de vos lembraredes pola curiosa THE BIG SHORT (2015), historia duns investigadores que descobren no 2007 a grande estafa que era o mercado de investimentos de risco estadounidense e que levou a maior crise global nas finanzas, dende 1929. Vese que McKay ten gañas de meterse noutra horrible leira e bríndanos un filme de factura impecable, cuns intres moi logrados pero destinado no exceso a ese espectador medio dos EE.UU. ese mesmo que non ten querenza pola realidade política do seu pais, ou ben por que chega canso de traballar 12 horas diarias a catro dólares por hora ou por que o acceso a información ou non a ten o impórtalle ben pouco.

Un europeo medianamente informado (na prensa libre loxicamente), vai saber máis dos fíos e ilegalidades que Cheney, Rumsfeld e os seus secuaces perpetraron nos anos do mandato de George W. Bush que o amosado por McKay nesta versión doméstica no exceso nas súas pretensións de denuncia informativa. Nada que obxectar na parte cinematográfica nas diversas calidades, tanto técnicas coma artísticas (mellor Carrel coma Rumsfeld que Bale coma Cheney, dous roles de pailáns sen escrúpulos, sen empatía polo próximo e que teñen coma único límite o mesmo Inferno).

O réxime de terror que instaurou Cheney (mentres Bush loitaba por non afogarse mentres comía cookies) e so comparable a infamia a que chegou cos medios dos que dispuxo (fraudes electorais inclusive). Todos lembramos a Lei Patriótica, as torturas legais nos interrogatorios, a ausencia dunha supervisión xudicial nas pescudas aos seus propias cidadáns, os secuestros de estranxeiros fora das súas fronteiras, o invento das armas de destrución masiva no Irak, a guerra e a foto das Azores, a esquilma do petróleo iraquí por compañías enerxéticas moi xenerosas coma doantes da causa republicana e así ata mañá e non remataríamos…

O escopeteiro da Lousiana despois de cazar as ardillas para a cena ou o redneck das Rocosas de volta de vender os seus destilados a súa prima e amante, se teñen a paciencia de ver a metraxe completa preguntaranse coma foi posible semellante asalto a democracia estadounidense, xusto segundos antes de abrir a lata de cervexa e esquecer todo o visto. Pero mellor non sinalar co dedo a esa xente coma se nós estivésemos libres de culpa. A progresiva “berlusconización” chegada ó Estado Español dende a “cabeza de ponte” que foi a rexión onde xurdiron os Borgia está a facer o mesmo dano nas conciencias sociais dos que malviven na pel de touro.

VICE é un filme moi decepcionante ante as expectativas xeradas e que por comparativa enaltece o filme que no 2008 ese “enfant terrible” que é Oliver Stone asinou co título conciso de W. onde narraba cunha precisión cirúrxica menos temas pero mellor resoltos. Aquí o erro de McKay e querer contalo todo pero sen entrar a matar na procura de sangue, sangue e máis sangue.

Certo que a labor de investigación feita e de aplaudir (cóntase por centenares as testemuñas directas de colaboradores políticos e xornalistas da época) e o filme non ten unha narrativa convencional que agradecemos pese que o ritmo narrativo languidece por intres. Para o que contan, sobran vinte minutos. E para o que non din, precisarían dunha hora máis. Mellor ide ó cinema a vela e contádesme se ando errado ou non pero a tremenda labazada que levou nos Golden Globes non presaxia mellor fortuna nos vindeiros Oscar.

E seguimos na clave política tocando nesta ocasión a figura do asesor torie Dominic Cummings, máximo responsable da desfeita co Reino Unido sufriu no 2016 co referendo sobre a permanencia ou non da pérfida Albión na Unión Europea dos lobbies e pechacancelas mediterráneas.

A BREXIT (2019) dirixida por Toby Haynes e escrita por James Graham e un moi entretido filme cun ritmo narrativo excelente onde conta as ilegalidades que Cummings e os seus millonarios inversores tiveron a ben facer para conseguir mobilizar a eses electores remisos a deixala pinta do pub para ir votar para voltar o histórico illamento do que moitos británicos teñen na súa endogámica historia por ben facer bandeira.

Coma moi ben advirte a periodista Lucy Mangan do xornal The Guardian, “toca os temas importantes pero sen profundar neles”. Certo, pero a diferencia do visto no VICE de McKay, BREXIT resume con acerto as políticas globais dos catro derradeiros anos, os novos instrumentos para a manipulación do electorado, a inxerencia de Estados foráneos nas eleccións de líderes mundiais (Trump, Orbán, Salvini, Kaczynski, Bolsonaro o “iraní” Abascal…) e os sinxelos discurso exclusivos cheos de odio e ignorancia coma alardes programáticos.

Aínda co filme da unha importancia capital tanto as novas tecnoloxías creadas para manipulala tendencia no voto das ovellas que conforman o rabaño electoral coma o talento case mítico-xenial de Cummings, o certo é ca suma da abstención do electorado que daba por feito co “Brexit” era imposible (algo parecido acontecido cos demócratas de Sanders e os afroamericanos nas eleccións nas que gañou ó Trump) e o transfugismo do bufón Boris Johnson coma imaxe recoñecible levou a un resultado que ninguén agardaba e que na actualidade estamos a padecer pola incompetencia da clase política inglesa.

Recomendo moi vivamente o visionado do filme, produción da Channel 4 para HBO, pero con formato cinematográfico áxil, cun Benedict Cumberbatch que nesta ocasión si que da unha interpretación superior a media de anteriores rexistros seus. Permanecede ata o final dos créditos. Mais dun levará as mans a testa. Supoño que Hari Sheldon, xa predixo todo isto.

E para rematar esta copiosa oferta audiovisual, a islandesa ANDIO EOLILEGA (a tradución vai sendo algo así coma E RESPIRA NORMALMENTE) da directora Ísold Uggadóttir que esta a colleitar premios nos case tódolos certames de cinema ao que presenta a concurso a película e que chamounos a atención por levar no Sundance Film Festival do 2018 o premio a Mellor Dirección; recoñecemento que promociona outro cinema que doutra maneira ía ser complicado ollar.

A ópera prima desta cineasta é unha acertadísima chamada a integración cultural e a apertura nas fronteiras para as xentes que foxen a carón de novas oportunidades de mellora das súas vidas ou directamente, de tentar salvalas mesmas. Pero tamén ten tempo para contar esa realidade que acontece no 100% dos países chamados do “Primeiro Mundo” e que moitos de nos non queremos decatarnos por que non é cómodo de ver, claro. Mellor unha dose do soma catódico no formato que desexemos, ben programas de pequenos demos cantarines, hercúleas demostracións deportivas dos novos gladiadores balompédicos ou lixo altofalante de vigoréxicos mononeuronas, princesas de polígonos industriais e demais subcriaturas xurdidas dos peche de campañas electorais máis extremos.

Uggadóttir dirixe un filme que medra conforme avanza a trama, que non xoga a caer na bágoa fácil, pero que non rexeita os feitos crús, nunha portentosa interpretación de Kristín Póra Haraldsdóttir, nai solteira loitadora ata o infinito (e máis alá) -no filme- que fai algo moi complicado nos rexistros interpretativos: actúa coa mirada sen apenas diálogo e cunha contención física tremenda. Unha pota a presión a piques de estoupar a calquera intre, pero que non acontece.

Moi bo filme cun retrato xeneroso da sociedade islandesa (¿na realidade son así de altruístas?. Pois vista a súa recente historia, sospeitamos que si). Merco o epílogo coma encaixe perfecto na liña argumental vista. Podería ter diferentes finais pero coido que o elixido pola directora é o adecuado. Moi, pero que moi recomendable.

Máis nada. Sei que na crónica de hoxe falei de todo menos de cine. Escusade o canso que pode ser ler as opinións tan persoais, pero coido que teño unha certa responsabilidade neste podio co Xornal Lindeiros ten a ben darme. Non pretendo adoutrinar nin lavalos vosos cerebros e nas vindeiras críticas o cine será o protagonista exclusivo, pero estamos no tempo de non quedar cruzados dos brazos. Berrade polos vosos Dereitos e sobre todo, loitade polos dos vosos cativos. Son o futuro.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial