A USC renovará o cadro de persoal docente

0

Compostela, 25 de maio do 2020 – Renovación, estabilización e promoción son as claves sobre as que a USC traballa este ano de cara á planificación en materia de Persoal Docente e Investigador (PDI) para o curso 2020-2021.

As actuacións propostas para o persoal docente enmárcanse no Plan Plurianual de Profesorado 2019-2022 e teñen o obxectivo de acometer a renovación do colectivo achegando propostas que redunden, ao mesmo tempo, no fortalecemento da estrutura deste persoal en base a figuras con estabilidade estrutural.

Nesta liña, o Consello de Goberno aprobou este venres a proposta de actuacións en materia de PDI coa intención de fomentar a renovación do cadro de persoal da USC a través da creación de 45 prazas de profesorado axudante-doutor. O documento parte dos criterios establecidos no Plan de Profesorado 2019-2022 e pretende dar resposta ás necesidades de persoal xeradas polas xubilacións a través da estabilización e creación de prazas. As medidas contidas no documento aspiran a “reducir o volume de profesorado non estrutural e de dotar as áreas de recursos estables que permitan a reposición de efectivos no medio prazo”.

A USC renovará o cadro de persoal docenteAsemade, o Consello deu luz verde á oferta pública de emprego para o persoal docente e investigador do ano 2020,  a cal está integrada por 82 prazas de profesorado con vinculación permanente orientadas á estabilización e á promoción de profesorado. En materia de PDI, o Consello tamén aprobou a modificación da relación de postos de traballo, a convocatoria de prazas de profesorado non permanente e os complementos de recoñecemento de mérito docente (quinquenios) correspondentes á convocatoria de 2019.

Titulacións

As declaracións de intencións de propostas de títulos incluídos no proxecto  Universidades sem Fronteiras (UNISF) foron tamén tratadas na reunión deste venres. Neste senso, aprobouse a declaración correspondente ao Máster Desafíos das Cidades Atlánticas proposta pola Facultade de Xeografía e Historia e no que tomarían parte o resto de universidades galegas, así como as do norte de Portugal. O obxectivo xeral do curso é a formación avanzada de profesionais no campo de cidades sostibles, intelixentes, eficientes, resistentes e inclusivas, que impliquen accións de mobilidade para estudantes e profesores entre o norte de Portugal e Galicia. O consello tratou ademais a memoria correspondente á participación da USC nun programa de doutoramento en Ciencias Sociais e Envellecemento impulsado dende a Universidade do Porto e a proposta de de reverificación do Programa de Doutoramento en Ciencias da Visión.

No mesmo apartado de titulacións, o Consello tamén deu luz verde ás propostas de renovación dos mestrados propios en Seguridade, Paz e Conflitos internacionais e en Tratamento e Protección de datos e derivados; así como ás propostas dos novos mestrados propios en Historia Militar, Terapia Cardiovascular Avanzada, Metodoloxía de Investigación Clínica Aplicada e Derivados.

Valoración científica

Os criterios de valoración da produción científica foron outro dos temas aprobados nesta xuntanza. Ao  longo  da  última  década  a  valoración  da  produción  neste eido  foi  asentándose  sobre  a  avaliación  dos   grupos   de   investigación   como   unidade   organizativa   básica   e   moi consolidada, ao tempo que se constataba a perda de relevancia dalgúns indicadores de medida.  Dende  esta  perspectiva,  xorde  a  necesidade  de  contar  cun  novo  modelo  de  valoración  da  produción que, dunha  banda simplifique  a  valoración  da  produción  científica  coa monitorización dos items, e doutra,  consolide  o seguimento  da  produción  da  USC  asociada  aos grupos  e  unidades  de  I+D  onde  operan  e  se  organizan  formalmente  os  mesmos. Igualmente, diversos  organismos,  tanto  nacionais  como  internacionais,  teñen  seleccionado  unha  serie  de  indicadores que  deben  contemplarse  e  actualizarse  nos  criterios  de  valoración da produción científica.

Nova cátedra institucional

A Cátedra de TiCare en investigación en Osteointegración e Terapéutica con Implantes da USC xorde organizada arredor da docencia, a investigación e formación continua en osteo-integración e a súa relación co binomio universidade-empresa. O Consello de Goberno aprobou este venres a súa creación.

Outros asuntos

A aprobación do Regulamento de Réxime Interno do Instituto de Ciencias da Educación (ICE) e as modificacións dos Regulamentos dos Centros Singulares CiMUS e CiTIUS, así como do regulamento de TFG do grao en Matemáticas e diversas propostas de convenios, completaron a orde do día.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial