Acordo para a urbanización do entorno do Centro de Día de Silleda

0

Silleda, 20 de xuño do 2018 – A Deputación de Pontevedra e o Concello de Silleda veñen de firmar un acordo para a urbanización do entorno do centro de día e a transferencia da estrada provincial.

A estrada provincial EP-6518 Silleda-Ponte, arredor do novo centro de día residencial do municipio, será transferida e urbanizada cun investimento de 600.000 euros.  Na firma do convenio estiveron presentes o alcalde, Manuel Cuíña, o deputado de mobilidade, Uxío Benítez, e a presidente do ente provincial, Carmela Silva.

A urbanización da zona permitirá un acceso máis doado aos peóns desde o centro da vila. A zona acolle, ademais da residencia, as instalacións da Semana Verde, o campo de fútbol e o principal hotel do concello ao marxe de outros equipamentos mais pequenos.

O deputado de Mobilidade explicou que o proxecto redactado para Silleda encaixa plenamente coa nova filosofía do goberno provincial. Destacou que coa chegada á Deputación decidiuse mudar as prioridades e, en lugar de deseñar estradas unicamente pensadas para os vehículos, comezou a poñerse o foco nas persoas e a apostar por una Estratexia de Mobilidade 3.0 na que os eixos de actuación son a seguridade, a sustentabilidade e a inclusión.  Neste ámbito, Benítez lembrou outra actuación do departamento de Mobilidade no concello silledense para mellorar a seguridade viaria: “Nós fixemos o novo asfaltado de Escuadro-Silleda que, por razóns de dubidosa explicación, salvo que non sexan de ámbito partidista, estaba totalmente abandonada ata o de agora”, apuntou.

Sobre a actuación na EP-6518, Benítez lembrou que o alcalde de Silleda foi o primeiro en solicitarlle unha entrevista para falar do futuro proxecto e da importancia de acompasar a obra do centro de día coa mellora da estrada. “Así o fixemos. De feito, a equipa de arquitectos que fixo o proxecto do edificio foi a mesma á que a Deputación encargou a nova urbanización que se convenia hoxe, polo que haberá coherencia e unidade de actuación no conxunto do espazo”, dixo o nacionalista.

O proxecto consiste na urbanización do treito da vía que vai dende a intersección coa rúa Feira Internacional de Galicia e a intersección coa PO-205. A principal novidade é que se creará unha senda peonil de 2,5 metros de largo e que se habilitarán  novos espazos peonís e zonas verdes nun contorno de velocidade máxima de 30 quilómetros por hora. O deseño xoga con distintos materiais e texturas para conseguir unha diferenciación lóxica do espazo peonil e o reservado para a circulación de vehículos.  Ademais, instalaranse dúas plataformas elevadas, como zona de convivencia con carácter de praza urbana, unha diante do hotel e outra do campo de fútbol. A maiores, o proxecto inclúe melloras en diversos servizos urbanos como alumeado público, saneamento e abastecemento, soterramento de liñas eléctricas, xardinería e mobiliario urbano.

Prioridades dos concellos   

Pola súa banda, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, lembrou que a Deputación de Pontevedra ten agora un “proxecto de goberno único, potente, forte e coas ideas claras. Tiñamos absolutamente meridiano que había que facer un modelo totalmente distinto na forma de gobernar, baseado na equidade e na garantía de dereitos e servizos ao conxunto da provincia, particularmente aos concellos de menos de 20.000 habitantes. Pero sobre todo sabiamos que a obxectividade ía ser o paraugas que estaría por riba de cada unha das decisións que tomaramos e que tiña que haber criterios e intelixencia na toma de decisións”.

Vía moderna de total seguridade

Finalmente, o alcalde de Silleda Manuel Cuíña manifestou a súa grande satisfacción pola sinatura do convenio. Destacou que para o Concello de Silleda a urbanización da contorna do centro de día é importante pola relevancia do novo equipamento, que “quedaría coxo sen a actuación na estrada”.  Cuíña destacou que a mellora da estrada provincial está xusto na entrada á vila e é o primeiro que ven as persoas que a visitan. “Este treito ten moita visibilidade porque é a porta de entrada a Silleda e o proxecto acabará unificando todas as instalacións que hai nos arredores. É o comezo do que será unha ampla zona moderna que usa moita xente, que unirá netos con avós nunha vía moderna de total seguridade”, afirmou, para engadir que o día de hoxe foi un día “case histórico”, xa que o día histórico “de verdade” será o día en que se inauguren as obras.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies