займ срочно

A USC abre BioIncubatech, a primeira incubadora de alta tecnoloxía especializada en biotecnoloxía de Galicia

0

Compostela, 24 de outubro do 2018 – A Universidade de Santiago presentou BioIncubaTech, a primeira incubadora especializada en Biotecnoloxía de Galicia.

Esta incubadora busca a innovación en biotecnoloxía no ámbito da saúde e a alimentación, coñecementos que son posteriormente transferidos a micropemes. BioIncubaTech é unha proposta impulsada pola USC en colaboración con Uninova e a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela que conxuga dotación de infraestruturas e programas de incubación para conseguir atraer talento emprendedor e resultados de investigación de todo o mundo a Galicia.

Onte martes comezou as súas actividades no Edificio Emprendia do Campus Vida, no transcurso dun acto institucional presidido polo reitor Antonio López, e no que tamén participaron o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde; o director xeral da Fundación INCYDE, Javier Collado Cortés; o presidente da Cámara de Comercio, José Sierra; e o conselleiro delegado de Uninova, Vicente Pérez Muñuzuri. Tamén estivo presente a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey Vilar. Ademais, a xerenta do Clúster Empresarial de Ciencias da Vida (Bioga), Loli Pereiro, moderou unha mesa na que se presentaron experiencias relevantes da man das empresas incubadas na USC Sunrock Biofarma, Tastelab, I-grape e Savelo Química Industrial.

O reitor Antonio López subliñou o orgullo da USC por ter podido incorporar aos espazos universitarios este proxecto de alcance internacional polo que se constitúe esta incubadora especializada en biotecnoloxía. A súa posta en marcha dá continuidade a iniciativas que se remontan vinte anos atrás coa posta en marcha de Uninova ou Unirisco, xermolos que alentaron o que hoxe é unha realidade e que redundarán na mellora das condicións de vida da sociedade.

Mentres que José Sierra salientou a necesidade de relacionar investigación e industria e empresa, como algo “básica para a economía de calquera país”, Javier Collado trasladou os seus parabéns e a súa satisfacción e orgullo porque “creo que temos acertado coa concesión deste proxecto”, do que destacou que é “o único proxecto de Europa de incubadoras de alta tecnoloxía”. Para pechar o acto, o conselleiro Francisco Conde agradeceu o compromiso de Javier Collado e da Fundación INCYDE co tecido produtivo do Estado e de Galicia. Nesta incubadora compaxínase “talento e vocación de emprendemento” achegado, respectivamente, pola USC e por Bioga e a Cámara de Comercio.

O proxecto acadou a máxima puntuación da convocatoria da Fundación Instituto Cameral para a Creación e Desenvolvemento da Empresa (Fundación INCYDE) e será financiada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) con 1,48 millóns de euros. Ademais, a iniciativa conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación por tratarse dun proxecto aliñado cos obxectivos da RIS3 e da Estratexia de Impulso á Biotecnoloxía 2020. Na base de BioIncubaTech atópanse as capacidades, infraestruturas científicas e coñecemento disruptivo no campo da biotecnoloxía da USC, refrendado por apostas institucionais estratéxicas como pode ser Campus Vida.

Inicio das actividades

Esta xornada inaugural estaba dirixida a emprendedores/as e pequenas e medianas empresas do sector biotecnolóxico, a saúde e as tecnoloxías alimentarias. A presentación permitiulles coñecer os oito módulos de incubación dispoñibles en Emprendia, así como as instalacións de infraestrutura científico-técnica centralizada, que inclúe unha sala de cultivo celular, outra de bioloxía molecular e unha sala branca. Ademais, BioIncubaTech ofrecerá acceso preferente a infraestruturas científicas da USC.

Esta incubadora especializada consta dunha primeira fase de dotación e mellora de infraestruturas para cubrir as necesidades específicas da creación e primeiras fases de vidas das empresas deste sector. Tamén despregará todo un abano de programas de apoio á creación e maduración de novas empresas agrupados en catro eixos de actuación: fomento da transferencia de coñecemento e innovación; captación de talento directivo; cooperación e despregue internacional; e consecución de recursos financeiros.

Obxectivos

Entre os obxectivos da súa actividade, esta incubadora propiciará a creación de micropemes nos sectores de biotecnoloxía en ciencias da saúde e de biotecnoloxía alimentaria, así como a mellora da competitividade das empresas dos sectores bio, ciencias da saúde e tecnoloxías alimentarias a través da transferencia de tecnoloxía e o desenvolvemento de accións de incubación, fomento da innovación, mentoring, networking e accións de comunicación e promoción.

Outros dos fins desta incubadora serán a transferencia da tecnoloxía real ao sistema produtivo, producindo o dobre efecto de mellora da competitividade, pero tamén de sustentabilidade da propia acción de I+D+i; así como o acompañamento das empresas no proceso de internacionalización das súas cadeas de valor, fomentando, o alcance de acordos tecnolóxicos e comerciais con partners estratéxicos nacionais e internacionais, o desenvolvemento de clientes ao longo de todo o globo e, en definitiva, a ser actores relevantes nos mercados globais. Finalmente, a incubadora buscará o impulso da internacionalización das actividades de investigación e desenvolvemento, especialmente no ámbito da transferencia de tecnoloxía, a colaboración inter e intrasectorial, a captación de talento e o uso compartido de equipamentos punteiros.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies