A USC e a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue colaboran no Reto 5000

0

Compostela, 4 de outubro do 2018 – A comunidade universitaria da USC está chamada hoxe a participar no Reto 5000 promovido pola Rede Española de Universidades Saudables (REUS) co obxecto de acadar esa cifra de doazóns de sangue no conxunto dos centros universitarios de España que se sumen á iniciativa.

O Reto 5000 foi presentado en Compostela pola vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos da USC, Mar Lorenzo Moledo, e a directora de ADOS, Marisa López García. Na campaña toman parte activa as tres universidades galegas e coincide coa segunda edición do Reto da Froita polo que todos aqueles que se acheguen a doar sangue ata as unidades móbiles de ADOS distribuídas nos sete campus galegos, recibirán unha peza de froita no refrixerio posterior á doazón.

Mar Lorenzo Moledo destacou o compromiso da USC co Reto que se desenvolverá este xoves e, en xeral, coas campañas de ADOS pola súa dimensión social e solidaria, ao tratarse dun acto de xenerosidade imprescindible ao que a comunidade universitaria nunca deixa de acudir. Pola súa banda a directora de ADOS destacou a dobre vertente da iniciativa: por unha banda, promove e sensibiliza a prol do solidario xesto da doazón e por outra, fomenta hábitos de vida saudables entre os universitarios e universitarias galegos. Polo que atinxe á presenza das unidades móbiles de ADOS nos campus, estas estarán dispoñibles na Biblioteca Intercentros do Campus de Lugo en horario de 9.30 a 14.30 horas e en Santiago, diante da Facultade de Dereito das 09.30 a 14.30 e de 15.30 a 21.00 horas.

Traxectoria de colaboración

Marisa López agradeceu á USC o seu constante compromiso co labor desenvolvido por ADOS, unha relación iniciada en 1993 coa posta en marcha das primeiras campañas de doazón de sangue e que teñen situado á Universidade de Santiago como a de maior participación de Galicia, recollendo, no transcurso destes 25 anos, máis de 76.000 doazóns entre os centros docentes dos campus de Lugo e Santiago.

Nese mesmo sentido manifestouse Lorenzo Moledo, salientando a sempre excelente resposta coa que cada ano a comunidade universitaria deixa constancia do seu compromiso solidario. A vicerreitora chamou a atención tamén sobre a importancia que teñen as aulas universitarias na “formación de especialistas e persoal cualificado, pero tamén de cidadáns comprometidos e comprometidas coa sociedade”.

A directora de ADOS quixo por en valor a colaboración brindada polas tres universidades galegas e, lembrou, que a pasada semana comezou nas Facultades de Enfermaría e Ciencias da Educación de Santiago a primeira fase da campaña de doazón de sangue no Sistema Universitario Galego. Esta primeira fase prolongarase ata o vindeiro mes de decembro, mentres que entre os meses de marzo e maio do 2019 terá lugar a segunda fase da campaña especial de doazón.

O obxectivo da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue para a este curso 2018-2019, pasa por superar as 4.542 doazóns rexistradas no pasado ano académico, das cales 1.555 correspóndense con persoas que doaron nos campus de Lugo e Santiago.

Importante participación

A directora de ADOS lembrou a importancia que ten o desenvolvemento das campañas de doazón no eido educativo, tanto en centros de educación non universitaria como universitaria xa que para moitas persoas é o primeiro contacto que teñen co solidario xesto da doazón de sangue.

Ademais, agradeceu a colaboración brindada polos reitores das tres universidades para levar a cabo tanto a campaña de doazón como o “Reto 5000”, ao tempo que fixo un chamamento a todos os membros da comunidade universitaria para que se acheguen a participar activamente nesta solidaria iniciativa.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial