A USC clausurou os Cursos de lingua e cultura galegas para estranxeiros

0

Compostela, 26 de xullo do 2018 – A Universidade de Santiago pechou as portas, ata o próximo ano, dos Cursos de lingua e cultura galegas para estranxeiros no que participaron estudantes de 25 nacionalidades.

Os cursos de lingua e cultura galegas ‘Galego sen fronteiras’ remataron logo dun mes de actividades nas que se sucederon as sesións teóricas e prácticas así como relatorios a cargo de especialistas sobranceiros do eido cultural e social galego, os obradoiros musicais e as excursións.

Nesta edición acudiron á cita un total de 75 estudantes procedentes de Alemaña, Arxentina, Bélxica, Brasil, Reino Unido, República Checa, Chile, Colombia, Croacia, Cuba, Ecuador, Estados Unidos, Francia, Hungría, Irlanda, Italia, Marrocos, México, Polonia, Portugal Rusia, Singapur, Suíza e Xapón.  Do Estado español, chegaban de Andalucía, Cataluña, Madrid, Estremadura e País Vasco. A metade deles cursaron o nivel elemental, pero o resto repartiuse entre os niveis medio e superior.

Organizados polo Instituto da Lingua Galega da USC (ILG) e a Real Academia Galega (RAG) en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Deputación da Coruña, a clausura oficial de Galego sen fronteiras 2018 celebrouse na Facultade de Filosofía. Interviñeron o vicerreitor de Estudantes e Internacionalización, Víctor Arce Vázquez; o presidente da RAG, Víctor Fernández Freixanes; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez; o director dos cursos, o profesor Henrique Monteagudo; e o director do ILG, o profesor Xosé Luís Regueira.

Dende a súa creación en 1988, por estes cursos pasaron uns 2.900 estudantes de todo o mundo. Nas súas aulas aprenderon galego moitas das persoas que hoxe verten a outros idiomas a literatura galega ou son referentes nos estudos galegos a nivel internacional.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial