XIII Congreso Español de Ciencia Política e da Administración

0

Compostela, 21 de setembro do 2017 –  A Universidade de Santiago e a Asociación Española de Ciencia Política e da Administración (AECPA) inauguraron este mércores en Compostela o XIII Congreso Español de Ciencia Política e da Administración.

No acto participaron o reitor da USC, Juan Viaño, e o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo. Xunto a eles interviñeron a presidenta do comité organizador, Nieves Lagares; o presidente da AECPA, Joaquím Brugé; o presidente do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS), Cristóbal Torres; e o subdirector de Estudos e Investigación do Centro de Estudios Políticos e Constitucionais, Rafael Rubio.

A conferencia inaugural correu a cargo da directora de investigación do Centro Nacional para a Investigación Científica de París, Catherine Wihtol de Wenden. Esta recoñecida politóloga francesa centrou a súa investigación, durante máis de trinta anos, na migración internacional dende un enfoque de ciencia política e de dereito público. Estudou no Instituto de Estudos Políticos de París (Sciences Po) e na Universidade París 1 Panthéon-Sorbonne. Publicou vinte libros e máis de 150 artigos académicos. Foi ademais presidenta do Comité de Investigación Sociolóxica das Migracións da Asociación Internacional de Socioloxía (ISA) e colaborou como experta en varias organizacións internacionais como a OCDE, ACNUR, o Consello de Europa e a Comisión Europea. En 2014 foi nomeada Cabaleira da Lexión de Honra francesa.

Ata este venres reuniranse na Facultade compostelá máis de 60 grupos de traballo distribuídos en seis áreas especializadas. Baixo o lema ‘A fortaleza de Europa: valados e pontes’, no congreso participarán máis de cincocentos especialistas en ciencia política que presentarán un total de 630 relatorios en torno a cuestións como a xestión pública, o comportamento político, a teoría política, os estudos internacionais ou as institucións.

A AECPA ven celebrando o seu congreso bienal nas diferentes universidades españolas con estudos de Ciencia Política dende 1994. Nestes máis de vinte anos de percorrido, tense convertido no evento académico de Ciencia Política máis importante de España. O XIII Congreso será o segundo que se celebre en Santiago de Compostela, logo do de 1996 coincidindo coa conmemoración do V Centenario da USC.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial