A USC descobre que España recibiu unha cepa de Covid19 máis contaxiosa

0

Compostela, 22 de maio do 2020 – Os estudos da Universidade de Compostela revelan que España recibiu una cepa do Covid19 máis contaxiosa que apenas chegou a outros países de Europa.

O traballo conxunto da Facultade de Medicina da USC e do IDIS liderados polo profesor Antonio Salas  Ellacuriaga e o xefe de servizo de Pediatría do Complexo Hospitalario de Santiago, Federico Martinón Torres clarifica tamén que entre un terzo e a metade de todos os contaxios rexistrados en todo o mundo por mor de COVID-19 están relacionados con estes “supercontaxiadores”.

Investigación USC covid

Salas e Martinón

Particularidades do virus en España

En palabras do doutor Salas, “este é un paso fundamental para entender o proceso de dispersión do virus; e seranos de grande utilidade para tratar de prever e previr futuros brotes e pandemias, xa sexa de Coronavirus ou outros patóxenos con potencial igualmente letal ou mesmo superior”. Salas engade que “o escenario en España é un tanto particular no contexto do continente; no noso país entraron as primeiras cepas do virus que afectaron a case toda Europa, pero a maiores, recibimos unha cepa asiática que apenas entrou en ningún outro país europeo; un ‘supercontaxiador’ pertencente, especificamente, á liñaxe B3a”.

“Tiñamos claro que para entender o que estaba a ocorrer nesta pandemia primeiro debiamos facer unha reconstrución adecuada do proceso evolutivo que deu lugar ao virus e as súas distintas versións actuais; unha árbore filoxenética que relaciona todos os xenomas dunha maneira precisa e que é o alicerce fundamental sobre o que  bascula case todo o demais”, explica o docente da Facultade de Medicina da USC Antonio Salas. Segundo os autores, esta sería a primeira vez que se utilizan os principios de máxima parsimonia para identificar as mutacións concretas que deron lugar ás distintas cepas do virus, “tratábase de aproveitar toda a nosa experiencia no campo da evolución xenómica e levala ao terreo do SARS- CoV-2”. Dixerir toda a información da que foron capaces de analizar estes investigadores e nun período de tempo tan breve supuxo unha complicación adicional. Segundo Federico  Martinón, “é a natureza multidisciplinar do noso grupo e a nosa formación no ámbito da  infectómica o que nos permitiu enfrontarnos a un proxecto destas dimensións”

A figura do supercontaxiador

Ademais do traballo  taxonómico realizado cos xenomas do Coronavirus, o achado máis sorprendente e novo deste estudo é demostrar a existencia e o impacto na pandemia de persoas con alta sensibilidade para transmitir o virus COVID-19. Ata o momento, a figura do ‘supercontaxiador’ “discutiuse nos medios e desde un punto de vista epidemiolóxico” sen outra evidencia, aínda que agora os investigadores conseguiron revelar probas da súa existencia. Nalgúns lugares, estas figuras deron lugar ao que os xenetistas denominan tecnicamente como efectos fundadores locais, que se traduciron en brotes epidémicos locais ou nacionais.

Novembro de 2019

O estudo discute temas de gran notoriedade pública. Por unha banda, os investigadores afirman que a variabilidade xenética do coronavirus correspóndese ao esperado por un proceso evolutivo natural. Neste sentido, sinalan que “os datos non serían compatibles con manipulacións de laboratorio, baseadas exclusivamente en teorías ‘conspiracionistas’ sen argumento científico”. Ademais, “usando simulacións teóricas que se alimentan da variabilidade xenómica observada no coronavirus, o traballo sitúa de maneira precisa a orixe evolutiva máis recente de todas as cepas actuais non antes de novembro de 2019”. En base aos datos recolleitos e analizados, o equipo formado por Antonio Salas e Federico  Martinón suxire a posibilidade de que na primeira onda epidémica asiática puideron existir moitos máis casos que os reportados polas autoridades sanitarias.

O equipo encabezado por Antonio Salas e Federico  Martinón, intégrano  ademais Alberto  Gómez Carballa, Xabi Belo e Jacobo Pardo Seco. Máis información aquí.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial