займ срочно

A USC reivindica o papel da educación para erradicar a violencia de xénero

0

Compostela, 28 de novembro do 2017 – A universidade de Compostela sumouse de distintas formas a conmemoración do Día Contra a Violencia de xénero, a última onte luns coa lectura dun manifesto.

A educación é unha ferramenta fundamental para a erradicación da violencia de xénero, e como tal “é no ámbito educativo onde se deben deseñar e implementar proxectos e estratexias para previla, sendo este o primeiro paso para acadar un auténtico modelo educativo igualitario, capaz de rachar cos mitos, estereotipos e prácticas discriminatorias no referente ao xénero”. Así comeza o manifesto de rexeitamento da violencia de xénero que leu a directora do Instituto de Ciencias da Educación da USC, Ana María Porto Castro, no acto de conmemoración na USC do 25N.

Para pór fin a esa violencia, continúa o manifesto, é preciso “cambiar os esquemas tradicionais sobre como deben comportarse mulleres e homes e que o feminino e o masculino sexan valorados igualmente”. Por iso é importante traballar, desde a educación, coas xeracións máis novas “para evitar que as próximas sigan vivindo e construíndo unha realidade baseada na desigualdade”.

O persoal investigador de Ciencias da Educación que redactou o manifesto considera imprescindible un compromiso, individual e colectivo, “que permita deseñar un novo pacto educativo capaz de facer impensable calquera forma de exercer a violencia de xénero”. E aquí a universidade xoga, ao seu xuízo, un papel fundamental: “a comunidade universitaria non pode eludir esta responsabilidade porque a erradicación da violencia de xénero é un traballo diario e constante de todas as mulleres e todos os homes que conforman a nosa sociedade”.

Entrega de premios

Neste acto oficial de conmemoración do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres que presidiu en San Xerome a vicerreitora Dolores Álvarez Pérez entregáronse diversos premios, como os que recibiron Alejandro Nieto Lareo e José Francisco Méndez García no V certame Ruth Matilda Anderson polas fotografías ‘Non somos invisibles’ e ‘No entroido tamén’, respectivamente.

Na cerimonia tamén se entregaron os galardóns da sétima edición dos Premios á Introdución da Perspectiva de Xénero. Na modalidade de docencia gañaron Carmen Franco Vázquez e Carol Gillanders polo traballo ‘Camiñando cara á inclusión da perspectiva de xénero nos proxectos artísticos’ e o segundo foi para Nélida Lamelas polas súas experiencias na utilización do póster ‘Gasto público e dependencia desde a perspectiva de xénero’ en clases interactivas de Política Económica.

Na modalidade de investigación, o primeiro premio recaeu na proposta ‘O patrimonio (tamén) é noso. Cara a unha crítica patrimonial feminista’ de Guadalupe Jiménez Esquinas, mentres que as docentes Isabel Diz e Alba Nogueira se fixeron co segundo por ‘As cláusulas sociais na contratación pública: escudos contra os recortes de dereitos sociais?’. O terceiro foi para Ángeles López Cabarcos, Paula Vázquez Rodríguez e Clara Gieure por ‘Diferenzas de xénero e idade nos factores de risco psicosocial do acoso psicolóxico no traballo’.

Lemas

Por último, déronse a coñecer as propostas gañadoras do cuarto concurso de lemas contra a violencia de xénero, que no Campus de Lugo foron ‘Non quero o teu loito, quero a túa loita’, de Uxía Novoa López, e ‘Unha palabra fere tanto como un golpe. Intolerancia contra calquera tipo de violencia’ de Cándido Viña Pombo.

En Santiago gañaron os lemas ‘TOÑI, NOEMÍ, ANA, GLORIA, MATILDE, LAURA, BLANCA, ESTEFANÍA, DOLORES, CARMEN, MARÍA, CRISTINA, JESSICA… Denuncia, por ti, por elas’ de Sara Fandiño Piñeiro, e ‘O feminismo está a pasar. Contra a violencia de xénero, xuntas, diversas, libres e empoderadas!’ de Belén Rodríguez Soto.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies