A USC gastará este anos cinco millóns de euros na prevención do Covid

0

Compostela, 29 de setembro do 2020 – O reitor da USC, Antonio López, valoraba onte o inicio do curso e apelaba a responsabilidade. Xunto a el o xerente Javier Ferreira calculaba que terán que investir cinco millóns de euros para facer fronte aos problemas derivados da pandemia.

O reitor Antonio López falou dunha “relativa normalidade” no inicio do curso da USC, a pesar da situación excepcional provocada pola COVID-19. López subliñou que o 25% do alumnado matriculado está asistindo á clase de xeito presencial e que a intención da USC é “explotar ao máximo a presencialidade” tendo en conta que este é un “proceso adaptativo” dependendo de como evolucione a pandemia. Na primeira semana a maioría dos centros só contemplaron a presencialidade para os novos alumnos e o resto de alumnado irase incorporando nos vindeiros días co desenvolvemento das sesións interactivas.

Campaña conxunta coa hostalería

O reitor tamén puxo o foco en que é preciso que a comunidade universitaria se implique na solución do problema a todos os niveis. Neste senso, “a responsabilidade de todos e todas ten que trasladarse agora fóra do espazo universitario”, animando ao exercicio responsable do tempo de ocio, cuestión que será abordada a través dunha campaña conxunta con axentes do sector da hostalaría na que a USC, botando man das redes sociais, quere promover un uso responsable do ocio nocturno e que será presentada nos vindeiros días.

Inversión de cinco millóns de euros

A Universidade leva xa investido dous millóns e medio de euros malia que “a previsión de gasto para a totalidade do curso chega, como mínimo, aos cinco millóns de euros”, explicou Javier Ferreira, quen quixo subliñar a importancia de a Xunta de Galicia tome este dato en consideración de cara ás futuras negociacións no relativo ao reparto do Fondo COVID.

Instalación de material sanitizante de autolimpeza do espazo ocupado na aula por cada alumno, subministro de máscaras faciais de protección cada 60 días a toda a comunidade universitaria, máis de 200 aulas equipadas para a retransmisión de clases en liña, ou a adecuación de infraestruturas ás novas circunstancias, como por exemplo, á hora de favorecer a ventilación, son algunhas das medidas adoptadas pola USC de cara a este curso que acaba de iniciarse. En total, a USC puxo á disposición da comunidade universitaria 450 equipos portátiles e na actualidade non existe ningunha petición pendente de atender.

Estrutura COVID

Dende un punto de vista estrutural, a USC creou a oficina de atención COVID que está xestionar as incidencias relacionadas coa crise sanitaria. Asemade, foron designados 87 delegados COVID, un por cada instalación universitaria, que asumen a responsabilidade dentro do seu centro. O Comité de Xestión COVID reúnese cada semana e no mesmo toman parte decanos e directores de departamento. A todo isto súmase un grupo de expertos en Medicina e Bioloxía, entre outros eidos, encargado de asesorar á USC na toma de decisións. 

A todas estas iniciativas hai que engadir a posta en funcionamento dun programa de voluntariado a través do cal o alumnado inscríbese coa intención de concienciar aos seus compañeiros e compañeiros na necesidade de seguir as medidas ditadas polas autoridades sanitarias. Dous centenares de alumnos toman parte neste programa pioneiro.

14 positivos

Ata o de agora, a USC só ten constancia catorce casos positivos informados polas autoridades sanitarias. De todos eles, só unha persoa comezou a experimentar síntomas dentro das instalacións universitarias, illándose de xeito inmediato no espazo COVID do seu centro ata recibir as indicacións das autoridades sanitarias. En total, 39 persoas da comunidade universitaria notificáronlle á USC que deben manterse en corentena por contacto con algún caso positivo.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial