Docentes da USC presentan unha guía para institucionalizar a metodoloxía Aprendizaxe Servizo na universidade

0

Compostela, 1 de novembro do 2018 – A Aprendizaxe Servizo (ApS) é unha proposta educativa que combina, para a comunidade, estes dous procesos nun único proxecto no que as persoas participantes aprenden á vez que traballan nas necesidades reais da contorna coa fin de melloralo.

O auxe da Aprendizaxe Servizo na educación superior está ligado a unha activa relación da universidade coa sociedade civil, e en 2015 a CRUE recoñecía a importancia da súa institucionalización como estratexia docente dentro do marco da responsabilidade social universitaria.

Conscientes da súa importancia, un grupo de docentes de seis universidades españolas comezou un traballo de investigación que derivou na Guía para la institucionalización del aprendizaje servicio en la universidad que presentaron en San Xerome os coordinadores do volume, os profesores Mar Lorenzo Moledo e Miguel Anxo Santos Rego, e o director do Servizo de Publicacións, Juan Blanco Valdés. No acto estivo ademais presente a vicerreitora de organización Académica, Celia Besteiro.

Son autores tamén da publicación, a única en Europa destas características. Igor Mella, Alexandre Sotelino, José Álvarez Castillo, Gonzalo Jover, Concepción Naval e Cruz Pérez Pérez. Todos e todas coinciden, tomando como referencia a Jacoby (1996), na necesidade de institucionalizar a ApS na universidade xa que a súa intencionalidade educativa é a que, xunto coa súa orientación social, lle permite á institución harmonizar a súa tradicional misión de formar ao estudantado de maneira integral coa súa actualizada misión de ser capaz de responder ás necesidades da súa contorna.

É ademais, dixo Miguel Santos na presentación, “unha magnífica ferramenta para elevar a calidade e o compromiso social da Universidade”. En esencia, pretende mellorar a aprendizaxe a través da consecución do benestar da comunidade, sendo efectiva nesa prestación de servizos “e deixando claro que a sociedade, neste caso a galega, non pode estar completa sen a achega da USC”, sentenciou.

Para a vicerreitora Mar Lorenzo, os proxectos de ApS “alimentan perfectamente” a terceira misión da Universidade, a de transferencia de coñecemento ao servizo da sociedade. A profesora e co editora do volume aclarou ademais no acto que a compostelá é a única universidade española que avalía de maneira institucional os seus proxectos Aps, algo que fai dende hai dous anos a razón de 20 iniciativas cada curso que cobren todas as áreas de coñecemento.

Traballo coordinado

A guía, cuxa versión en inglés tamén estará dispoñible en liña, é o resultado do traballo en equipo das universidades da Coruña, Complutense de Madrid, Córdoba, Navarra, USC e Valencia baixo a coordinación da Universidade de Santiago e no marco do proxecto ‘Aprendizaje-servicio e innovación en la universidad. Un programa para la mejora del rendimiento académico y el capital social de los estudiantes’ cuxa finalidade principal foi a validación dun modelo de institucionalización da metololoxía de aprendizaxe-servizo na universidade.

O volume trata así de proporcionar un marco de innovación pedagóxica co denominador común de vincular teoría e práctica e facendo que o alumnado identifique necesidades ás que terán que saber dar resposta e acordar vías de implicación para a solución de problemas existentes no seu contexto vital.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial