A USC entregou os premios Argos de impulso do emprendemento na investigación

0

Compostela, 29 de xullo do 2018 –  CardiaTech e Smartwood son os dous equipos premiados na quinta convocatoria do programa Argos para a creación de equipos emprendedores universitarios.

As modalidades Argos premiadas en esta convocatoria son a Spin (para proxectos baseados en resultados de investigación da USC) e Enxeño (para os xurdidos de ideas propias ou empresas do contorno de Santiago e Lugo).

Os premios, dotados con 3.000 euros cada un, foron entregados este venres 27 no Paraninfo da Universidade nun acto presidido polo vicerreitor de Investigación e Innovación, Vicente Pérez Muñuzuri. Tamén participaron a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois González; o xerente do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), Guillermo Viña González; Teresa Bernal Cortegoso, da Área de Servizos da Axencia Galega de Innovación (GAIN); e o director da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC (AVTE), José L. Villaverde Acuña.

Na modalidade Argos Spin, CardiaTech propón a comercialización dun software que detecta patróns irregulares no ritmo cardíaco. Ideado por investigadores do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información da USC (CiTIUS), é un método novidoso para interpretación de sinais electrocardiográficos baseado nun modelo de razoamento abdutivo que proporciona unha resposta en 30 segundos en base a patróns cardíacos: ritmo sinusal normal, fibrilación auricular, outra anomalía ou ruído. Este software xa foi premiado a nivel internacional no Physionet/Computing in Cardiology 2017 pola súa robustez e fiabilidade. O proxecto empresarial foi desenvolvido por Sebastián Bouzas e Lía Rendal.

Pola súa banda, Smartwood é unha proposta empresarial baseada nunha aplicación móbil deseñada para o asesoramento e xestión de terreos rurais. A aplicación informa dos cultivos que se poden plantar e como proceder en cada parcela. Ademais, proporciona unha estimación do rendemento que se vai obter e serve tamén como ferramenta de contacto cos axentes necesarios. O proxecto desenvolvérono José Luís Gude, Begoña Castro e Dayana Paz.

Nesta última edición conformáronse un total de seis equipos promovidos por algo máis dunha vintena de universitarios e universitarias. Ademais das dous proxectos premiados, xurdiron outros catro con propostas no ámbito do márketing dixital, deseño de ferramentas de optimización e automatización de rutas, produción de encimas industriais de alta calidade para alimentación e simplificación da toma de decisións no eido das enerxías azules.

Argos

Ao longo destas cinco primeiras edicións, polo programa Argos pasaron preto de 200 persoas de 29 titulación, máis da metade titulacións das áreas de Ciencias Sociais e Xurídicas e Humanidades cunha especial representación da de Administración e Dirección de Empresas así como Económicas. Maioritariamente participaron neste programa titulado/as recentes e alumnado de mestrado e de último ano de carreira.

Promovido por AVTE, o obxectivo do programa Argos é a conformación de equipos interdisciplinares de emprendedores universitarios aos que se lle facilitou asesoramento no proceso de definición da idea de negocio avaliando a súa capacidade para constituír un proxecto empresarial convincente. Traballo en equipo e “aprender facendo” son as dúas claves desta iniciativa aberta a alumnado de posgrao, máster, doutoramento e últimos anos de grao, así como a titulados/as das últimas promocións e persoal ou colaboradores de grupos de investigación.

A conformación dos posibles equipos de Argos sustentábase en tres ideas: a complementariedade de perfís persoais e profesionais no equipo, a presenza dunha persoa con coñecementos de xestión empresariais e o acceso á carteira de resultados de investigación da USC e ideas procedentes de empresas da contorna de Santiago e de Lugo que poderan ser a base de futuras plans de empresa.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies