займ срочно

A USC entrega os premios á Introdución da perspectiva de xénero na docencia e na investigación

0

Compostela, 20 de outubro do 2018 –  A Universidade de Santiago entregou este venres os galardóns dos IX Premios á introdución da perspectiva de xénero na docencia e na investigación, que recoñecen experiencias educativas innovadoras postas en marcha nas aulas e traballos de investigación que introduzan a perspectiva de xénero na formulación da hipótese.

De esquera a dereita: Marta Lois, concelleira de Santiago, Antonio López, reitor da USC, e Mar Lorenzo, vicerreitora de comunicación

O primeiro premio na modalidade de investigación recaeu en Alba Alonso Álvarez polo traballo ‘O movemento de mulleres e os referenda de independencia en Cataluña e Escocia (2012-2014)’, mentres que na modalidade de experiencia docente o galardoado foi Carlos Lixó Gómez por ‘De Leonor de Aquitania a La Llamada: As mulleres e as sexualidades diverxentes como fío condutor da Historia Medieval’.

‘Amar en tiempos monásticos: estrategias de representación en el intercambio epistolar entre Baudri de Bourgueil y Constancia de Le Ronceray’, de Laura Camino Praza, foi o proxecto de investigación gañador do segundo premio, sendo o docente para ‘Actividades para proporcionar referentes femininos no eido científico-tecnolóxico ‘ de Encina Calvo Iglesias.

O terceiro premio na categoría de docencia recaeu en Ángeles López Cabarcos e Paula Vázquez Rodríguez por unha mesa redonda sobre a desigualdade de xénero no traballo. O proxecto de investigación merecedor do terceiro posto foi para ‘Violencia de Xénero 2.0 en Galicia’ de Mª José Méndez Lois, Felicidad Barreiro Fernández, Aixa Permuy Martínez e Milena Villar Varela.

A cerimonia de entrega presidiuna no Colexio de San Xerome o reitor Antonio López, que louvou o traballo de todos estes anos da Oficina de Igualdade de Xénero da USC, organizadora dos premios, nunha tarefa “na que aínda queda moito camiño por percorrer, tamén dende a Universidade, unha institución comprometida coa igualdade”. No acto interviñeron ademais a vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo; a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta I. Lois González; a xefa de Servizo de Promoción e Cooperación Institucional da Secretaria Xeral da Igualdade, Mª Luz González González.

Certame recoñecido internacionalmente

Esta iniciativa responde á acción 2.12 do II Plan Estratéxico de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes da USC e contempla dúas modalidades de participación dirixidas a membros e equipos do PDI da USC. Unha primeira para accións innovadoras con inclusión da perspectiva de xénero na docencia e outra que valora os traballos de investigación con perspectiva de xénero en calquera ámbito do coñecemento. Esta novena edición conta coa colaboración do Concello de Santiago de Compostela, como entidade que financia os primeiros premios.

Estes galardóns foron seleccionados polo European Institute for Gender Equality (EIGE) como unha das dez mellores boas prácticas de ‘Integración da igualdade de xénero nas universidades e centros de investigación europeos’ e incluída na ferramenta en liña GEAR tool de apoio a organizacións investigadoras na creación, execución, seguimento e avaliación dos plans de igualdade de xénero.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies