A USC conmemora a Semana da Integración dentro do proxecto UNINTEGRA

0

Compostela, 8 de xuño do 2019 –  A Universidade de Santiago de Compostela celebrará entre os días 12 e 21 de xuño a Semana da Integración, no marco do proxecto de apoio a persoas refuxiadas UNINTEGRA que coordina o Servizo de Relacións Exteriores da USC.

O obxectivo da Semana é promover o apoio á integración de persoas refuxiadas proporcionándolles recursos e ferramentas para a súa inclusión e incidindo na sensibilización das comunidades de acollida.

A actividade arranca o vindeiro mércores 12 de xuño ás 20:00 horas coa inauguración da Exposición Persoas, de Patricia Muñiz e Gabriel Tizón, na Sala de Artesoado do Colexio de Fonseca. A mostra permanecerá aberta desde o 12 de xuño ata o 13 de xullo de 2019.

O xoves 13 terá lugar a mesa redonda ‘Encontro’, coa participación dunha serie de mulleres que, a través da súa experiencia directa ou de apoio a outras, amosarán a situación da solicitante de asilo e refuxiada, dando visibilidade á súa problemática específica e explorando horizontes de cooperación para a súa integración na sociedade de acollida. Esta actividade, programada para as 19:00 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, estará moderada pola vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos da USC, María del Mar Lorenzo Moledo. A actividade contará coa participación da presidenta do Grupo Parlamentario Saharaui no Parlamento Africano, Suelma Beiruk; a encargada de SAWT, asociación sirio-galega en pro das persoas refuxiadas sirias en Galicia, Fadile Tibisay, e Katherin A. Belgrave, solicitante de asilo procedente de Venezuela.

Durante a segunda semana do evento, o día 18 de xuño, terán lugar as conferencias ‘Xeopolítica e refuxiados ambientais: un encontro cara ao desastre’ impartida por José Julio Fernández Rodríguez, director do Centro de Estudos de Seguridade (CESEG) da USC, e ‘Intervencións sanitarias en rescates de misións humanitarias en Frontex (Axencia Europea de Fronteira e Costas)’ a cargo de Miguel Ángel Iglesias Blanco, capitán enfermeiro da Garda Civil e xefe do Servizo de Asistencia Sanitaria da Comandancia de Lugo.

O elenco de actividades pecharase o venres 21 coa conferencia ‘Haití, terra de loita e vulnerabilidade’, impartida por Ana Isabel Martín, arquitecta especialista en cooperación internacional e colaboradora en diferentes ONGs coma Cruz Vermella e Arquitectura sen Fronteiras, e Michael Salvini, experto en Relacións Internacionais e cooperante na reconstrución de Haití. A este relatorio seguiralle a mesa redonda ‘Desde a realidade’ coa participación engadida de Patricia Muñiz, arquitecta especialista en vivendas para refuxiados e desprazados internos, e Gabriel Tizón, fotógrafo con máis de 20 anos de experiencia reflexando as realidades máis próximas do ser humano. Nesta sesión proxectarase ademais o documental ‘El Sueño Europeo: Serbia’, producido polo xornalista independente, especializado en Dereitos Humanos e realizador Jaime Alekos.

UNINTEGRA

UNINTEGRA é un proxecto cofinanciado polo Fondo de Asilo, Migración e Integración (FAMI) da Comisión Europea, coordinado polo Servizo de Relacións Exteriores da USC, que se puxo en marcha a finais do 2017. O seu obxectivo é promover o apoio á integración de persoas refuxiadas proporcionándolles recursos e ferramentas para a súa inclusión e incidindo na sensibilización das comunidades de acollida.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial